xoves, 21 de decembro de 2017

BO NADAL DENDE A BIBLIOTECA!

O Papalouzas, parentes e demais membros da familia da biblioteca do IES Fonmiñá querémosvos desexar unhas Boas Festas de Nadal nas que esperamos que vos agasallen con moitos libros.
Pasádeo moi ben comendo e lendo, dúas actividades do máis pracenteiras!

mércores, 20 de decembro de 2017

CAL É PARA VÓS A PALABRA DO ANO?

A RAG (Real Academia Galega) destaca estas oito palabras: AFOUTEZA, EUCALIPTIZACIÓN, INDEPENDENCIA, SAPOCONCHO, TEIMUDO, VAGA DE LUMES, VELUTINA, VIOLENCIA DE XÉNERO. Entrade no Portal das palabras, informádevos sobre cada unha e votade! Tedes até o Día de Nadal! Adiviñade cal está sendo a máis popular ultimamente...🐢🐢🐢

Falta PAPALOUZAS! Ten que ser a do ano 2018!!





martes, 19 de decembro de 2017

CANTO DE NADAL, UN CLÁSICO DE DICKENS PARA TODO O ANO

Nós temos a sorte de ter na biblioteca a edición de Kalandraka, unha pequena xoia cunhas incribles ilustracións de Roberto Innocenti, un dos mellores do panorama internacional (premede no seu nome para admirar os seus debuxos)

O noso booktuber Nicolás vainos falar deste clásico de Charles Dickens, ideal para ler nestas datas ou en calquera outras.



Algunhas ilustracións de Innocenti que podedes atopar no libro.

luns, 18 de decembro de 2017

AS DESCUBERTAS CIENTÍFICAS MÁIS ASOMBROSAS DE TODOS OS TEMPOS

Esta é outra proposta de lectura para estas Festas de Nadal que están a piques de entrar pola porta. ¡Eureka! Los descubrimientos científicos más asombrosos de todos los tiempos é un libro que revisa de xeito moi ameno e gráfico os inventos, creacións, descubertas, que cambiaron por completo o noso coñecemento do medio (as leis do movemento, a estrutura do sistema solar) ou que aumentaron a nosa supervivencia e calidade de vida (antibióticos, vacinas, hábitos de hixiene...)
Outra maneira atractiva de divulgar a ciencia.



Autor: Mike Goldsmith

Editorial: Siruela


venres, 15 de decembro de 2017

E DOUS DE RAPOSOS...

Tampouco non poden faltar na literatura oral as historias de animais. O raposo é o protagonista dunha chea de contos, adiviñas, refráns, cantigas, etc., que aluden á súa agudeza e malicia. O Papalouzas convidou a Esmeralda e a Iria a que lle contasen uns contos de raposos, cos que el non se leva moi ben. Así e todo pasouno en grande con O home, a cobra e o raposo e A raposa e o galo, e se os escoitades nos vídeos de abaixo, vós tamén habedes de rir un cacho.




xoves, 14 de decembro de 2017

DOUS CONTOS DE CREGOS

Na nosa literatura popular os cregos, xunto cos xastres ou os labregos, adoitan protagonizar contos que se espallaron de boca e boca ao longo de varias xeracións. Nos vídeos de abaixo Xairo e Álex cóntannos dúas divertidas historias de cregos, Señor cura, comeuna o gato! e O rapaz que mirou para as pernas da criada . Ides ver que ben o fan, con estes títulos xa nos tarda oílos!

     

mércores, 13 de decembro de 2017

HAIKUS PASTORICENSES


Que é un haiku? Un haiku é un poema xaponés constituído por tres versos. É un poema moi especial, case poderiamos definilo coma un exercicio espiritual.

A esencia do haiku é a simplicidade, a lixeireza, o intre, o segredo.

Chegou á nosa biblioteca O libro do Mal Amor, publicado pola Xunta de Galicia, con haikus contra a violencia de xénero, realizados por profesores, alumnos e sonados escritores galegos.

Queremos aproveitar a ocasión para amosar uns fermosos haikus que realizaron alumnos e alumnas nosos de 4º de ESO da promoción do 2005-2006. Paga a pena recuperalos e colgalos neste blogue.

Exemplar do Libro do Mal Amor

No verán os nenos felices
a cor
da paisaxe é de festa.

Na carballeira
o ruído das follas
azouta os paxaros.

No meu faiado
ollei
a primeira raiola de sol.

Un lapis no chan
ninguén o colle,
ningúen o mira.


Unha árbore caída
que desgraza
no medio do monte.

Unha falopa cae,
as árbores sen folla      

comezan a vestirse. 

Un saltón na horta

comendo as verzas

Pola xanela
un paxaro que dorme
nun novo día.

Crocan as árbores
na fachada
benvido o vento.


martes, 12 de decembro de 2017

MÁIS ADIVIÑAS...

O Papalouzas desafíavos de novo con máis adiviñas.  A ver se sodes quen de saber que cousa cousiña é. 

Que será unha cousa cousalla                   
que todo di e non sabe nada?                   

Teño follas e non son árbore,                   
fáloche e non teño voz;                         
se me abren non me queixo,                     
adiviña ti quen son

Ten follas e non é vexetal;
 ten pelexo e non é animal.



Ten lombo e non anda,
follas ten e non é planta,                                      
sabe moito e nada fala.

domingo, 10 de decembro de 2017

10 de decembro, DÍA DOS DEREITOS HUMANOS

O Papalouzas regresou da ponte para lembrarnos que hoxe, 10 de decembro, é o Día dos Dereitos Humanos en memoria da aprobación, hai 69 anos, da Declaración Universal dos Dereitos Humanos por parte da Asemblea Xeral das Nacións Unidas.
Para a ocasión convidámosvos a visionar a parte final da película Esta terra é miña de Jean Renoir.

martes, 5 de decembro de 2017

NOVIDADE! MULLERES DE CIENCIA A TODA COR.

Mujeres de ciencia é un libro escrito e ilustrado por Rachel Ignotofsky que nos amosa a contribución á ciencia de 50 mulleres que brillaron nos campos da tecnoloxía, a enxeñería, as matemáticas, a física, a bioloxía, a química, a medicina, a astronomía, dende o mundo antigo ata os nosos días.

Dun xeito ameno e moi visual Rachel Ignotofsky explícanos a biografía, a carreira científica e os importantes logros destas mulleres. Un libro ideal para traballar coas materias de ciencias.

Esperamos que vos guste.

luns, 4 de decembro de 2017

XVII CONCURSO DE POESÍA E TARXETAS DE NADAL. BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DA PASTORIZA.


www.teacherboards.co.uk
BASES:
1.-  Poden participar todos os rapaces e rapazas con poemas e tarxetas de tamaño 21x15 sobre tema xenérico do Nadal.

2.- Establécense tres categorías: A, ata 8 anos; B, de 9 a 11 anos e C, de 12 a 16 anos.

3.- Cada autor/a poderá presentar cantos traballos desexe. Os poemas estarán escritos en galego e a súa extensión será como máximo dun folio por unha soa cara. Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor.

4.- O prazo de presentación remata o 11 de decembro do 2017.

5.-  Un xurado, formado por entendidos na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. Os autores seleccionados recibirán cadanseu diploma e libros.

6.- Os traballos de poesía premiados nesta fase local, participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo.

7.- Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública que reserva o dereito de publicación dos mesmos.

8.- O fallo do xurado local farase público na última quincena de decembro.

9.- A presentación das obras a este certame supoñen a aceptación das presentes bases.

O VIXÍA NO CENTEO, O MÍTICO RETRATO DA ADOLESCENCIA

 J.D.Salinger publicou O vixía no centeo en 1951. Nesta novela, Holden, un mozo dunha familia acomodada de Nova York, prototipo do adolescente rebelde, narra en 1ª persoa as súas vivenzas e sentires, que se axustan aos de calquera rapaz ou rapaza da súa idade. A novela provocou un gran escándalo no seu tempo porque o protagonista falaba sen eufemismos e con total transparencia das súas experiencias co sexo, o alcol, dos seus estados de ánimo, das súas ansiedades, medos, etc., moitas veces recorrendo a unha linguaxe vulgar á que os lectores daquel tempo non estaban afeitos. Todos e todas tivemos algo de Holden nalgún momento das nosas vidas, por iso é unha novela que non perde cos anos.

Iago leu o libro e gustoulle moito...




venres, 1 de decembro de 2017

XA ESTAMOS NO PLAN DE "BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS"

A nosa biblioteca vénse de adherir ao Plan de Bibliotecas Escolares Solidarias para este curso 2017-2018 na modalidade de Voluntariado na biblioteca escolar.
Presentámosvos aos tres voluntarios deste curso: Mª Anxos, Pablo e Nicolás, que axudarán ao Papalouzas na biblioteca en diferentes tarefas: booktubers, colocadores, asesores, catalogadores..., o que lles boten. Polas súas horas de dedicación recibirán a final de curso un diploma acreditativo.

Moitas grazas pola vosa colaboración!