mércores, 31 de xaneiro de 2018

Obradoiro literario. Mª VICTORIA MORENO, POESÍA E LUZ.

A poetisa, editora e actriz, Antía Otero, encargouse de impartir un obradoiro de poesía aos alumnos e alumnas de 1º de ESO, desafiándoos a crear os seus propios poemas a partir dun orixinal da autora á que homenaxearemos o 17 de maio. Os resultados foron sorprendentes e habédelos de ver no vindeiro número da revista Petiscos. 
Grazas, Antía, pola túa presenza e grazas aos rapaces e rapazas de 1º por servos tan participativos e por portarvos tan ben.

martes, 30 de xaneiro de 2018

ODA A UNHA PICADORA

A poesía non ten barreiras e o amor aínda menos, entón, por que unha picadora de millo non ha ser a musa dun poeta? Esta é a proposta do alumno Carlos Florencio, que se animou xunto con José Antonio, inspirador da idea, a recitar a súa oda a esta máquina agrícola.💓💔💕💖💗💘


luns, 29 de xaneiro de 2018

27 de xaneiro, Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto

Versión en galego de Maus, dispoñible na
biblioteca.
O 27 de xaneiro é o data que a Asemblea das Nacións Unidas designou para honrar a memoria das Vítimas do Holocausto, por ser nese mesmo día do ano 1945 cando o exército soviético liberara o campo de concentración e exterminio nazi de Auschwitz-Bikernau.

Para que non se volvan repetir aqueles feitos, dende a biblioteca aconsellámosvos que leades historias relacionadas co tema que vos farán coñecer máis de perto os sufrimentos que viviron millóns de persoas. Temos Maus, de Art Spiegelman, unha banda deseñada, que entre os innumerables premios que gañou, está o premio Pulitzer no ano 1992. Unha xoia do cómic que narra a conmovedora historia de Vladek, pai de Art, un xudeo-polaco supervivente dos campo de concentración nazis. Spiegelman retrata as razas humanas mediante diferentes tipos de animais, os xudeus, coma ratos; os nazis, coma gatos e os polacos, coma cochos.

Está tamén ao voso dispor en galego e en castelán, O neno do pixama a raias, o best-seller de John Boyne, levado tamén ao cine, que narra a forte amizade entre dous nenos, Bruno, fillo dun militar nazi de alto rango, con Shmuel, un neno xudeu, prisioneiro no campo de concentración.





E non pode faltar o Diario de Ana Frank, a rapaza xudía holandesa, que durante os catro anos nos que ela e mais a súa familia estiveron agochados xunto con outra famila e un dentista, nun anexo duns almacéns de Amsterdam, escribiu un diario. Despois de seren descubertos e detidos pola Gestapo, foron todos deportados aos campos de concentración. Ana morreu xunto coa súa irmá Margot, no campo de Bergen-Belsen, dous meses antes da liberación de Holanda. Seu pai foi o único que sobreviviu de todos os agochados e fixo publicar o diario da súa filla, que se converteu nun dos libros máis lidos en todo o mundo.

venres, 26 de xaneiro de 2018

DICIONARIO GALEGO-PASTORICENSE 4. Comportamentos.

Concluímos o noso pequeno vocabulario ensinándovos como din os pastoricenses meter os fociños onde non nos chaman ou que palabra utilizan ás veces para burlarse de alguén ou cando se senten amolados por algo.




 

xoves, 25 de xaneiro de 2018

DICIONARIO GALEGO-PASTORICENSE 3. Peculiaridades físicas e forma de ser.

Seguro que se non sodes da Pastoriza non usades estas palabras para vos referir a un zoupón ou a un belfo. A que nunca masculinizades a unha besta?...





                                      


mércores, 24 de xaneiro de 2018

DICIONARIO GALEGO-PASTORICENSE 2. Apeiros de labranza.

Canto pode mudar un nome dun instrumento de labranza en tan pouco espazo, ou iso é o que nos fan  ver os nosos rapaces e rapazas... 










luns, 22 de xaneiro de 2018

DICIONARIO GALEGO-PASTORICENSE 1. Nomes de plantas.

En 10 vídeos os nosos alumnos e alumnas amósannos a riqueza e variedade léxica da zona da Pastoriza e sorpréndennos como pode variar o nome dunha planta en tan pouca distancia e como se di de igual maneira entre lugares máis afastados. Esta é a nosa primeira entrega do Dicionario Galego-Pastoricense.  Non a perdades!


   





O HOBBIT e o universo máxico de TOLKIEN

O Hobbit (1937) é a primeira obra que nos dá a coñecer o apaixonante mundo saído da mente de J.R.R. Tolkien. Grazas a el, a fantasía coñece un antes e un despois e as súas obras inspiraron a moitos autores (pensade en Xogo de Tronos, As crónicas de Narnia, Harry Potter...). A idea orixinal de Tolkien era escribir un libro para entreter a seus fillos pero o manuscrito, aínda sen rematar, acabou caendo en mans duns editores que lle propuxeron publicar a historia. A novela acadou tanto éxito e popularidade que os editores lle pediron a Tolkien unha continuación titulada O Señor dos Aneis. O resto xa o sabemos: innumerables edicións en todos os idiomas, personaxes inesquecibles, espectaculares versións cinematográficas, webs dedicadas a Tolkien, lexións de seguidores por todo o mundo...
Ainoa, gran afeccionada ás historias fantásticas, vainos contar as súas impresións sobre Bilbo e compañía.



venres, 19 de xaneiro de 2018

HOXE É O DÍA MUNDIAL DA NEVE!

Pois si, o Día Mundial da Neve (DMN) é o 19 de xaneiro. Esta celebración forma parte dunha campaña internacional creada pola Federación Internacional de Esquí (FIS) co obxectivo de achegar ao público o marabilloso mundo da neve, mediante actividades de lecer varias.

Na biblioteca tamén temos  neve... nos libros. Nalgunhas historias a neve é o marco onde ten lugar a acción como en A neve interminable de Agustín Fernández Paz, ou en A chamada da selva, de Jack London (lembrade a reseña de Ainhoa).  A neve é a protagonista principal en A raíña das neves, de Hans Christian Andersen, ou tamén pode ser simplemente o nome da protagonista dun dos contos máis famosos, Brancaneves, porque tiña unha pel tan branca coma a neve. Ou pode ser o título dunha inquietante historia como Nieve negra, de Camila Valenzuela León. E así, moitos máis títulos que vós coñecedes. Se se vos ocorrren máis, facédenolo saber!

  

xoves, 18 de xaneiro de 2018

A PRAIA DOS AFOGADOS, novela negra en galego

Publicada por primeira vez no ano 2009, A praia dos afogados é unha das novelas en lingua galega máis vendidas nos últimos anos. Foi traducida a varios idiomas e levada ao cine en 2015. Se vos gustan as historias de intriga policial, temos dous exemplares na biblioteca. Ian, alumno de 4º de ESO leuna e no vídeo vaivos contar as súas impresións da novela de Domingo Villar, da que tamén aportará unha visión crítica.


mércores, 17 de xaneiro de 2018

COÑECEDES O ATLAS LITERARIO MUNDIAL INTERACTIVO?

World Literary Atlas é o primeiro atlas literario interactivo no que podedes buscar cidades, provincias, estados ou países que aparecen en citas ou referencias bibliográficas de numerosos autores de toda a literatura universal. Podedes localizar o lugar no mapa a través dunha cita ou referencia bibliográfica, o nome do dese lugar, o nome do propio autor, etc. Ademais podedes  interactuar vós mesmos aportando referencias ou citas literarias en caso de que non aparezan neste mapamundi literario. É un novo xeito de conservar e transmitir o patrimonio literario mundial porque podedes descubrir o que se escribiu sobre determinados sitios.  Premede en Atlas Literario e probade, é sorprendente!

martes, 16 de xaneiro de 2018

CONCURSO DE MENSAXES DE AMOR

Acábase de convocar o concurso en liña Lingua de namorar 2018, un concurso de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos.

Para participardes premede en Formulario de inscricións.

Como teñen que ser esas mensaxes? Soamente poden ter un máximo de 350 caracteres e cada participante pode enviar un máximo de dúas.

As tres mellores mensaxes serán premiadas con:

1º premio.- Hoveboard nilox (Rodas 6,5, batería 20 km, velocidade máxima 10 km/h) e unha reprodución do Pergamiño Vindel

2º premio.- Cámara Fuji instantánea mini 9 (fotos 62x46mm) e unha reprodución do Pergamiño Vindel.

3º premio.-Auricular Panasonic Diadema (bluetooth, 20 horas de autonomía) e unha reprodución do Pergamiño Vindel

O prazo remata o 29 de xaneiro de 2018. Do 30 ao 2 de febreiro abrirase o prazo de votación. As persoas que desexen votar farano a través dun formulario que se habilitará para o efecto.

Para máis información premede en Lingua de namorar

Ídevos inspirando! 💓💔💕💖💗💘

luns, 15 de xaneiro de 2018

INFORME SOBRE A BIBLIOTECA DO NOSO CENTRO

Aproveitando que estamos a traballar na aula cos textos expositivos, os alumnos e alumnas de 2º de ESO realizaron un breve pero preciso informe sobre a nosa biblioteca. Nel falan sobre os fondos da mesma e as súas instalacions así coma das cousas que farían falta. Se queredes consultalo velaquí o tedes.

venres, 12 de xaneiro de 2018

50 anos de OS SOÑOS NA GAIOLA de MANUEL MARíA

Neste recén estreado 2018 conmemóranse os 50 anos da publicación de Os soños na gaiola, obra emblemática de Manuel María, que inaugurou a poesía en galego para nenos e xente nova... Moitos coñeceredes os seus poemas a través das versións cantadas de Suso Vaamonde, de Fuxan os Ventos e A Quenlla.
Dende a biblioteca querémonos sumar a este aniversario coas lecturas de tres poemas, realizadas por Noa, David e Raúl.
Lembrade tamén que a Fundación Manuel María vén de tirar un calendario dixital dedicado a esta obra cunhas preciosas ilustracións de Leandro Lamas. Se estades interesados en descargalo premede acó e pedídenos o código.










xoves, 11 de xaneiro de 2018

XANEIRO: MES DOS CONTOS DE FADAS

 É toda unha coincidencia que Charles Perrault e Jacob Grimm, naceran neste mesmo mes, o primeiro, o 12 de xaneiro e un dos irmáns Grimm, o 3.

Tanto Perrault como Jacob Grimm, xunto co seu irmán  Wilhelm, recompilaron e transcribiron contos da tradición oral que de non ser por eles non chegarían ata nós. Grazas ao seu traballo hoxe podemos gozar de historias tan coñecidas coma Carapuchiña Vermella, Barba Azul, Polgariño, Cincenta, A Bela durminte, o Gato con Botas, etc. 
O Papalouzas ten para vós unhas coidadas edicións destes contos en galego cunhas fermosas ilustracións para quen se anime a retornar á infancia.


 

mércores, 10 de xaneiro de 2018

COMO FACER UN POEMA DADÁ

O dadaísmo foi unha corrente vangardista que xurdiu no ano 1916 nun pequeno café de Zúric (Suíza). O líder deste movemento antiartístico, antiliterario e antipoético foi Tristan Tzara, que propón destruír todos os códigos e sistemas establecidos no mundo da arte.
Os dadaístas sinálannos 10 pasos para facer un poema dadá e os alumnos e alumnas de 4º de ESO seguiron algúns deles e á esquerda tedes o resultado.

Estas son as instrucións a seguir para facer un poema dadá.

* Colla un xornal.
* Colla unhas tesoiras.
* Escolla no xornal un artigo da lonxitude que conta darlle ao seu poema.
* Recorte o artigo.
* Recorte con coidado as palabras que forman o artigo e métaas nunha saqueta.
* Axítea docemente.
* A seguir quite cada recorte un tras doutro.
* Cópieos concienzudamente na orde na que saíron da bolsa.
* O poema imitarase a vostede.
* Xa é vostede un/ha escritor/a infinitamente orixinal e dunha sensibilidade engaioladora, aínda que icomprendida polo vulgo.

Hai moitos poetas incomprendidos no Fonmiñá...


xoves, 4 de xaneiro de 2018

E foi AFOUTEZA a palabra do ano 2017 e PAPALOUZAS ha de ser a do 2018!

Imaxe tirada do www.portaldaspalabras.gal
Este fermoso substantivo que designa valor, ousadía, decisión ou enerxía foi escollida Palabra do Ano 2017. Votaron por ela 3004 persoas das 6228 que participaron na elección. Independencia foi a seguinte con 939 e Sapoconcho a terceira con 830.
Como sinalan no Portal das palabras, O éxito de afouteza cociñouse ao longo de todo o ano 2017, xa que durante varios meses liderou a listaxe das palabras máis buscadas no Dicionario semana tras semana. 
Parte da "culpa" tívoa a campaña do Celta de Vigo  Ensinémoslle ao mundo o significado da afouteza. Os seareiros e seareiras do equipo vigués tiveron sen dúbida moito que ver na escolla da palabra. Do campo de fútbol saíu á rúa popularizándose entre a xente que incorporou afouteza ao seu léxico persoal e os medios de comunicación fixeron o demais.

Parabéns, Afouteza! Forza, Papalouzas!

CURTAMETRAXES NO FONMIÑÁ PARA O DÍA MÁIS CURTO DO ANO!


E como xa se anunciara no seu momento, o día 21, con motivo da celebración do solsticio de inverno tamén tivo lugar a V Edición do día máis curto do ano na que participou o IES Fonmiñá como espazo de proxección. O alumnado e profesorado tiveron  a ocasión de gozar das curtrametraxes seleccionadas para a ocasión.

TEATRO DE SOMBRAS

Retomamos o blogue con moitas ganas de que o recén estreado 2018 veña cargadiño de boas cousas para todos vós. A nosa primeira entrada do ano dedicámoslla ao Teatro de sombras, actividade organizada polo Departamento de AAEE para o 21 de decembro e que tivo lugar na biblioteca do centro. Os alumnos e alumnas de 1º, 2º, 3º e 4º de ESO elaboraron e recortaron a siluetas para despois recrear baixo un punto de vista rompedor e cómico, os contos clásicos que todos coñecemos, Rapunzel, Brancaneves ou A bela durminte...