martes, 27 de febreiro de 2018

ORDENANDO A NOSA BIBLIOTECA.

Como a neve nos volveu visitar ⛄, o Papalouzas e os seus parentes aproveitan para ordenar os andeis da súa querida biblioteca e comprobar que non falta ningún libro.
Unha vez rematadas as súas tarefas, almorzarán unha fondue de queixo ben quentiña para combater este frío tremendo🐧🐧

DICIONARIO GALEGO-PASTORICENSE 11 CABOZO/HORREO

Neste vídeo un grupo de alumnos e alumnas de 3º de ESO expóñennos as diferenzas que existen para eles entre un hórreo e un cabozo. Para uns trátase da mesma construción, para outros, hai matices...


luns, 26 de febreiro de 2018

LADAÍÑA DO TRACTOR


Ao noso alumno Carlos Florencio séguelle inspirando a maquinaria agrícola para os seus versos. Desta volta a súa composición poética vai dedicada ao tractor. O recitado do poema correu a cargo do propio Carlos, acompañado de Iria e mais Xairo, a modo de ladaíña. 🚜🚜🚜






venres, 23 de febreiro de 2018

24 de febreiro, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Mañá sábado, 24 de febreiro, conmemórase o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a nosa poetisa máis universal. Queremos lembrar a autora de Cantares gallegos e Follas novas co mannequin challenge que realizaron o curso pasado os alumnos e alumnas de 1º de ESO recreando o seu poema
Prá a Habana!...



xoves, 22 de febreiro de 2018

XIX CONCURSO DA FILLOA 2018

Recén rematado o Entroido retomamos o tema das filloas coa XIX Concurso da Filloa que como cada ano, organiza o Concello de Cospeito co gallo da Festa da Filloa, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.
Poderán participar todos os estudantes dos Concellos da Terra Chá, incluído o noso.


Os traballos dividiranse en 2 categorías:
debuxo e redacción ou conto.
O tema único é  a Festa da Filloa. Os participantes deberán realizar os seus traballos sobre este delicioso produto da nosa gastronomía.
A redacción poderá ser en prosa ou en verso, a man ou ordenador. Poderase realizar en forma de comentario, redacción, anécdota, etc. A súa extensión será dun mínimo de 2 folios e 5 de máximo por unha soa cara.
Os debuxos serán nun só folio ou cartolina e poderase empregar calquera variedade de lapis, bolígrafo, pluma, cera, rotulador ou similar.
Lembrámosvos que xa tivemos hai dous anos unha alumna do noso centro premiada no concurso.

mércores, 21 de febreiro de 2018

A PALABRA XUSTA. Día internacional das linguas Maternas.

 O 21 de febreiro a UNESCO celebra o Día internacional das linguas maternas, con ese motivo vaise programar a película A palabra xusta  que nos conta a vida de Antía Cal, unha mestra de Muras que fundou en Vigo nos anos 60 unha escola de avangarda pedagóxica.

En Lugo vaise proxectar tamén hoxe, día 21, ás 20h no Auditorio do Cárcere Vello.  É unha fermosa homenaxe á xente que se dedica ao ensino con vocación e devoción e que pensa que dende a escola se pode facer un mundo mellor.
Se queredes ver un trailer da película premede no título da mesma.

martes, 20 de febreiro de 2018

PEGATINAS POÉTICAS

Como prometido, convertemos en pegatinas algúns dos versos creados polos rapaces e rapazas no obradoiro Versos en pegatina do pasado 31 de xaneiro. Outras das composicións tédelas no novo número de Petiscos.

Son pequenos adhesivos que locen de marabilla en calquera soporte: móbiles, cadernos, caixas, axendas, ordenadores, tabletas, espellos..., en fin, onde queirades.  Decoremos a nosa vida cotiá con poesía!


Esta funda de móbil gaña un mundo coas palabras de Diego (3º de ESO)
📱📲📳



Os biscoitos feitos neste forno saben máis cos versos de Daniela (2º de ESO)😋😋









Algún profesor escolleu a proposta de Pablo (3º de ESO) porque lle conxuntaba moi ben ademais de polo seu contido😉...












Coa poesía viáxase... no sentido literal da palabra. Iso pensa Verónica (4º de ESO) 🗼🗽🗻🏰🗿















Unha libretiña ideal para portar o haiku de Yoel (3º de ESO)📓









Un aburrido ordenador negro, perfecto para lucir as creacións de María (3º de ESO) e de Tania (4º de ESO)








A contundente mensaxe de Mª Anxos (3º de ESO) non perde forza neste portalapis de madeira.

luns, 19 de febreiro de 2018

MICRO-RELATOS.GAL

A Real Academia Galega e Puntogal convocan un concurso de micro-relatos. Está aberto a todas as idades, así que se vos apetece, soamente tedes que escribir un relato cun máximo de 200 palabras.
Os tres mellores micro-relatos serán premiados con:
1º. Un I-pad e unha cámara goPro.
2º. Un kindle e un disco duro externo.
3º. Un lote de libros, un dominio gratuíto durante un ano e merchandinsing de Punto.gal. Estes dous últimos agasallos tamén os recibirán o 1º e 2º mellor micro-relato.

A data límite de envío dos micro-relatos é o 28 de febreiro.
Para consultardes as bases, premede en micro-relatos 📝
 Aínda hai tempo para que fagades unha micro-obra de arte. Boa sorte!

xoves, 15 de febreiro de 2018

NOVO NÚMERO DE PETISCOS!


Xa saíu o número 9 da nosa revista escolar Petiscos! Desta volta é unha revista 100% literaria e creativa e esperamos que vos guste. Temos moitos talentos artísticos e literarios agochados no instituto e nós sen sabelo... 🎨📝

Moitas grazas aos compañeiros e compañeiras que colaborastes na revista, facilitando material, analizando unha obra literaria ou na coordinación dalgúns traballos.

Desexamos que o pasedes moi ben léndoa. De momento podédela ver en liña. De cara á primavera 🌷🌹🌻🌼 teremos as edicións impresas.


PARABÉNS, Mª ANXOS!


   Mª Anxos posando co retrato pintado por ela
de "El niño de la hipoteca", un dos seus
cantantes favoritos.   
A nosa "booktubeira" Mª Anxos Corredoira Díaz resultou gañadora do 3º premio  na Categoría C (12 a 16 anos) da Fase Provincial do Concurso de Poesía de Nadal 2017 convocado pola Biblioteca Pública de Lugo. 
O venres 16 ás 18h terá lugar a entrega dos premios na Biblioteca Municipal de Lugo, por se queredes ir...

Bravo, Mª Anxos!



venres, 9 de febreiro de 2018

BO ENTROIDO!

 Ilustración de Mª Anxos Corredoira Díaz

O Papalouzas e familia desénxavos que pasades uns moi felices días de Entroido, nos que vos disfracedes, comades ben, riades moito e.... leades algunha cousiña entre o cocido, as filloas e as orellas. Hai tempo para todo! 🎉🎊
Velaí vos van unhas copliñas para que vos vaiades animando:


Ven Antroido, ven axiña
con máscara e barullo
pra poder brincar coas mozas
e pra encher ben o bandullo.

Delgadiña, delgadiña
quen te vestiu de gorda,
con careta e sen careta
a fame ben se che nota.

xoves, 8 de febreiro de 2018

FRIDA KAHLO, CORES NA NEVE

Querémoslle dar unha notiña de cor a tanto branco⛄⛄⛄, que tamén nos gusta, como negalo :) Para non desentoar coa paisaxe exterior, Matilde mantén o fondo branco para nos recomendar dende o Departamento de Plástica, o Diario de Frida Kahlo, a famosa pintora mexicana, agora convertida nunha icona que aparece en tazas, bolsas, camisetas, suadoiros, cadernos...
  Neste diario ilustrado refléctense os derradeiros dez anos da turbulenta vida desta artista. Nel atoparedes os pensamentos, soños e poemas de Frida, así como as reflexións sobre a súa tormentosa relación co seu home, o pintor e muralista Diego Rivera.
 As 70 acuarelas, bocexos e autorretratos amosan o proceso creativo da pintora mexicana, que acudía a miúdo ao seu diario para desenvolver as ideas que despois plasmaría nos lenzos.
Vendo a portada xa entran ganas de follealo 📕

mércores, 7 de febreiro de 2018

Exposición PREMIOS MARÍA WONENBURGER PLANELLS

Noutro día máis de nevaradas ⛄ o noso ratiño libreiro 🐭 estivo coidando dunha exposición que hai no corredor xusto enfronte da biblioteca, a dos Premios María Wonenburguer Planells. Grazas á mediación do Departamento de Matemáticas, a Secretaría de Igualdade da Xunta de Galica, cedéunola por uns días ao noso centro. É unha moi bonita maneira de conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que ten lugar o 11 de febreiro.
Con esta exposición itinerante preténdese visibilizar as investigadoras galegas que están a triunfar no campo científico-tecnolóxico. Lamentablemente a día de hoxe, a igualdade entre mulleres e homes no campo da ciencia segue sen existir e non pola falta de talento delas :(
Na aula de Matemáticas estanse a aproveitar estes paneis con información sobre as nosas mulleres científicas para realizar unhas interesantes actividades: a partires de termos da sucesión de Fibonacci, da realización dunha ecuación ou dos valores numéricos dun polinomio, os alumnos e alumnas poderán adiviñar que panel contén a información requerida. Xenial!


martes, 6 de febreiro de 2018

UNHA PAUSIÑA

Aproveitando esta xornada de neve ⛄, co instituto baleiro de rapazada e despois dunhas semanas de moito choio (elaboración de dicionarios, obradoiros literarios e máis cousas) o Papalouzas e familia toman un merecido descanso e non hai nada coma uns suculentos queixos para recobrar as forzas. 🐭🐭🐭🍞

luns, 5 de febreiro de 2018

CONCILIACIÓN ENTRE A VIDA PROFESIONAL E A PERSOAL NAS MULLERES

 De esquerda a dereita: Carla, Tania, Alba, Verónica e Ainoa.
Un grupo de alumnas de 4º de ESO realizaron para a materia de Matemáticas unha completa entrevista a Alba Carballo, unha "ex-celente" ex-alumna do IES Fonmiñá, nada na Rigueira, que optou tamén polas matemáticas para a súa carreira profesional. Segundo lles explicou, os estudos de Enxeñaría Matemática resultáronlle duros xa que as matemáticas da ESO e do Bacharelato son moito máis prácticas e na carreira, máis teóricas e abstractas.
Tamén lles contou que estivo de Erasmus en Inglaterra e que foi unha boa experiencia para ela aínda que estrañaba a súa terra e a súa familia. Rematados os estudos universitarios, Alba realizou o máster de profesorado en Madrid coa idea de cumprir o seu soño: ser profesora de Matemáticas na Ensinanza Secundaria porque considera que así terá máis tempo libre para a súa vida persoal, ao contrario que outras compañeiras súas da carreira, que traballan moitas horas en empresas privadas. As prácticas realizounas no IES Fonmiñá.
Actualmente Alba está a realizar o doutoramento ao que lle dedica moitas horas ao día e moita paciencia ao tempo que imparte aulas na universidade.
Así mesmo, as nosas alumnas amosáronlle unha gráfica cuns valores significativos sobre a desigualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Para ela é moi difícil compaxinar unha vida laboral intensa coa vida familiar pero tamén coñece xente capacitada para facelo, tanto homes coma mulleres. Por outra banda na universidade nunca notou ningún trato discriminatorio con respecto aos seus compañeiros masculinos pero segue a preferir a docencia no ensino secundario.

Sorte, Alba! Que se cumpran os teus desexos!

venres, 2 de febreiro de 2018

ADEUS A ISIDRO NOVO

Onte finou o escritor lugués Isidro Novo (Lugo, 1951-2018) e este nevado venres queremos facerlle unha pequena homenaxe na biblioteca. Foi un destacado novelista e poeta e tamén escribiu literatura infantil e xuvenil, chegando a ser finalista do premio O Barco de Vapor en 1994 coa súa obra Teaza de Brétema. Ademais do seu labor literario, Isidro Novo destacou  como investigador do noso patrimonio oral na AELG,  participaba sempre nas Xornadas de Literatura de Tradición Oral que se celebran en Lugo cada ano e noutras actividades relacionadas coa recuperación do noso idioma e as nosas tradicións. No centro temos a sorte de ter algúns exemplares do seu  traballo. Descansa en paz.

xoves, 1 de febreiro de 2018

VERSOS ADHESIVOS...

Para facer poesía serve calquera soporte. Que fariades se quixésedes ter un adhesivo personalizado coas vosas reflexións íntimas, cotiás ou coas vosas reivindicacións? Lembrade que o espazo é limitado, polo que a mensaxe ten que impactar ben na nosa vista e lucir bonita con cores e tipografías divertidas. Antía Otero encargouse de novo de facer crear aos nosos rapaces e rapazas cousas incribles, desta volta aos de 2º, 3º e 4º de ESO.
 Que vos parece se nun futuro non moi lonxe creamos uns adhesivos coas algunhas das súas creacións?


 A Terra Chá é terra de poetas...