luns, 30 de abril de 2018

O MELLOR VIDEOCLIP DO MUNDO =D

A Biblioteca do Papalouzas volveu ser escenario da gravación doutro videoclip dos alumnos e alumnas de 3º de ESO para a materia de Música. Está baseado na canción Que te vaya bien de El Niño de la Hipoteca. Quedoulles xenial, cando o vexa o autor da canción vai ficar coa boca aberta!


venres, 27 de abril de 2018

DANIELA, IRIA E LUCÍA, PREMIADAS NO CONCURSO DA FESTA DA FILLOA

As alumnas de 1º de ESO, Iria Castrillón López e Lucía García Sandamil, xunto con Daniela Acebedo Torrego, de 2º de ESO foron premiadas no Concurso de redacción organizado pola Festa da Filloa de Muimenta.
As nosas flamantes gañadoras acudirán a Muimenta o 1 de maio para recoller os premios.
Prometeron levarlle as migallas das filloas ao Papalouzas para festexar estes éxitos. Parabéns, rapazas!!

xoves, 26 de abril de 2018

DON QUIXOTE E O AMOR FORZOSO

Retomamos o noso xenial don Quixote para que nos dea a súa opinión sobre a liberdade da muller para rexeitar un home. Cédelle a palabra a Marcela, a fermosa pastora que non correspondeu a Grisóstomo, quen morreu de pena. O noso cabaleiro defendeu a Marcela ante os demais pastores que a culpaban da morte do seu namorado. Escoitemos as sabias e firmes palabras da pastora:


mércores, 25 de abril de 2018

EXCLUSIVA! GAYOSO E O PAPALOUZAS

Están o Papalouzas e parentela toliños de alegría, o seu admirado Xosé Ramón Gayoso, presentador de Luar, dedicoulles unhas palabras 🎉🎈🐁🐁🐁🐁 a eles e mais aos seus libros📚📙📘📗📕 Que máis se pode pedir? Escoitade o que dixo sobre o Papalouzas, xa é famoso en toda Galicia!


martes, 24 de abril de 2018

E TAMÉN EN NOVELA GRÁFICA!

Si, tamén houbo quen se atreveu a trasladar a xenial novela de Cervantes á linguaxe da novela gráfica. Nada doado, por certo, concentrar en 300 páxinas os dous tomos do Quixote. O historietista inglés Rob Davis conseguiu facer unha estupenda novela gráfica engadindo imaxes modernas pero ao mesmo tempo respectando moito o relato orixinal.
As ilustracións teñen moita forza e reflecten moi ben a atmosfera da novela e do mundo do noso enxeñoso fidalgo.
Unha mostra máis de que o Quixote, malia ser publicado no ano 1605, seguiu e segue a inspirar a artistas de todo tipo: músicos, pintores, historietistas, non só a escritores.



luns, 23 de abril de 2018

O QUIXOTE FALA TAMÉN CHINÉS...

Co gallo do Día do Libro seguimos homenaxeando a Cervantes. Sabedes que o seu Quixote está traducido a 140 idiomas e continúase traducindo hoxe a novas linguas coma o coreano ou o guaraní? É, segundo algúns estudosos, o segundo libro máis traducido despois da Biblia.  Nestas fotos amosámosvos unha versión en chinés que ten Belén, a secretaria do Papalouzas.👲📕
 O Papalouzas ten varios exemplares no seu idioma orixinal para que gocedes desta novela que non deixa de sorprender cada vez que a lemos e a relemos.

FELIZ DÍA DO LIBRO!

Si, si, xa sabemos que sabedes que o 23 de abril conmemora a data do pasamento de dous grandes da literatura, Cervantes e Shakespeare, pero tamén a doutro autor, non tan coñecido coma eles, pero tamén importante... Sabedes quen? Por que en Cataluña existe a tradición do libro e da rosa?  Botade un ollo a este estupendo vídeo e habedes de coñecer máis cousas sobre esta data tan sinalada.💜📒📙📘


sábado, 21 de abril de 2018

NOITE DE LUAR NA PASTORIZA!

 Os axudantes do Papalouzas na biblioteca, Mª Anxos e Pablo acudiron este venres ao programa Luar como integrantes da Asociación Folclórica de A Pastoriza, grazas á cal, puidemos coñecer bailes propios da zona coma a Xota de Prudencio. O segunda peza que tocaron e que bailaron foi a Pirusalda de Bretoña, unha danza moi pouco habitual que está emparentada con Xiringüelo asturiano e o Arin-Arin vasco. Aínda que se escoita a melodía noutras zonas de Galicia, soamente se conserva o baile en Bretoña.

Moitas grazas por nos aprender cousas tan interesantes que están tan perto de nós. Bravo!








venres, 20 de abril de 2018

LE PREMIER JOUR DE CLASSE

Que nervios ese día!... Menos mal que avec des filles si charmantes como Yaiza e Alba todo resulta máis agradable. Mirade que ben o fan neste vídeo. Bon début, les filles!📚


xoves, 19 de abril de 2018

A TABERNA MOLAREDA (Lendas Pastoricenses 5)

Sabiades que tamén hai lendas sobre tabernas? En San Cosme de Piñeiro temos a Taberna Molareda da que se contan moitas cousas. Raúl e mais Iria dannos os detalles.


mércores, 18 de abril de 2018

A FONTE DA VILA (Lendas Pastoricenses 4)

Pablo, Xairo e Ricardo, nativos de Álvare (A Pastoriza) saben dunha lenda sobre a fonte da súa parroquia. Deixemos que nola conten!👦👦👦👂




martes, 17 de abril de 2018

ÇA VA BARDER!

Ainoa e Ian son dous irmáns que rifan no salón da súa casa👉🙇. A biblioteca do Papalouzas cedeu o seu recunchiño lector para recrear esta peciña dialogada en francés. Amusez-vouz bien!


luns, 16 de abril de 2018

O HOMIÑO DO MUÍÑO (Lendas pastoricenses 3)

Quen é o homiño do muíño? YaizaIria saben máis cousas del e no vídeo cóntannos a súa lenda. Estade antentos 😮👂


venres, 13 de abril de 2018

A ORIXE DA PALABRA "MIÑOTELO" (Lendas Pastoricenses 2)

Álex, de 1º de ESO, sabe de onde provén o nome da súa zona, coñece a lenda porque a creou el e váinola contar. Cada lugar agocha un segredo...


xoves, 12 de abril de 2018

O LAVADOIRO DE REIGOSA (Lendas Pastoricenses 1)

Todo lugar ten a súa lenda, e esa mestura de realidade é fantasía é o que as fan especiais e vaian pasando de boca en boca. Os alumnos e alumnas de 1º de ESO crearon unhas cantas lendas relacionadas co seu lugar de orixe. Escoitemos hoxe a Lucía, que nos vai contar a Lenda do lavadoiro de Reigosa.
 Quen sabe se dentro de varias xeracións os vellos do lugar falan das voces do lavadoiro?




mércores, 11 de abril de 2018

TRES CONCURSOS XENIAIS: FOTOGRAFÍA DE BIBLIOTECA, MONÓLOGO E MICRORRELATOS.


Quen se anima a facer un monólogo divertido? O Campus Industrial da Universidade da Coruña organiza por primeira vez un Concurso de Monólogos co obxectivo de divulgar a creatividade, a oratoria e a imaxinación nos alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato.

Se monologar en público non é o voso, hai outros dous concursos convocados por esta mesma entidade: o de Microrrelatos, do que xa tedes experiencia, e un de... Fotografía de Biblioteca !!! Que alegría lle habíades de dar ao Papalouzas🐭🐭

Con cal vos identificades máis?  As bases atoparédelas premendo no nome de cada concurso. A que agardades??



martes, 10 de abril de 2018

NOVA EXPOSICIÓN!

Por iniciativa do Departamento de Ciencias Sociais-Xeografía e Historia, a nosa biblioteca acolle a exposición itinerante Exilio e Deportación, Joaquín Balboa e Antonio Pérez, de Monterrei e Boborás aos Campos Nazis.
 Son 14 paneis que relatan a historia de dous republicanos galegos que foron deportados aos campos nazis, despois de se exiliar a Francia durante a Guerra Civil.
Cada panel expón con fotografías e testemuños as dramáticas vivencias destes dous homes facendo tamén alusión a Ravensbrük, o campo das mulleres.
Unha boa maneira de achegar ao alumnado esta etapa da nosa historia tan afastada para eles no tempo pero sumamente importante para que valoren os principios da democracia e do respecto.                                                                              






luns, 9 de abril de 2018

VIDEOCLIP

Coordinados por Susana, a profesora de Música, s alumnos e alumnas de 3º de ESO gravaron un divertidísimo videoclip baseado na canción Reinas de King Jerd e Miss Nina. Todo un alegato á liberdade e á tolerancia. Non o perdades!! O Papalouzas e familia dérono todo!


venres, 6 de abril de 2018

BANANAS NA BIBLIOTECA

A biblioteca do Papalouzas ábrese a calquera tipo de lector, incluídas as 🍌🍌. O flamante protagonista do videoclip Banana, aceptou posar para nós na butaca do recuncho lector para falarnos do vídeo que está en pleno proceso de gravación na aula de Música.
Trátase dunha parodia do vídeo Habana, de Camila Cabello, co que de seguro nos imos rir un cacho.
Xa nos tarda velo!

xoves, 5 de abril de 2018

DE CASE TODO SE APRENDE

Ou iso di o título do libro da youtuber Paula Gonu  e que o noso booktuber Pablo estivo lendo esta Semana Santa. Neste vídeo explícanos por que lle encantou.




mércores, 4 de abril de 2018

O LIBRO TRISTE

E hoxe imos falar dun libro triste... O que conta os sentimentos dun pai que perdeu a seu fillo e como vive o proceso de dor, con momentos ledos lembrando vivencias co seu fillo, e outros moi tristes, cando ve que xa non está. A morte nunca é un tema amable pero este é un libro que paga a pena ler pola valentía do autor, Michael Rosen, un dos máis importantes autores de literatura infantil do Reino Unido, que malia estar destrozado pola morte do seu fillo decidiu compartir os seus sentimentos cos que moita xente se ha de sentir identificada.  Deste xeito, para Rosen non hai tema que non se poda contar a un neno ou adolescente.

Temos que dicir que a historia gaña moito cos espléndidos debuxos de Quentin Blake, todos e todas o coñecedes porque ilustrou para Roald Dalh, outro grande da literatura para nenos e mozos.

A ver que opinades vós...


martes, 3 de abril de 2018

IV CONCURSO DE REDACCIÓN XORNALÍSTICA MARIÑA FOLGUEIRA

A asociación Socio-Cultural de Reigosa convoca a IV edición do seu Concurso de Redacción Xornalística Mariña Folgueira.
Resumímosvos brevemente as bases:

Poden participar os alumnos e alumnas dos catro niveis da ESO. 
A lingua empregada ha de ser o galego.
A extensión mínima será de 3 follas e máxima de 8.
Os textos poderanse presentar escritos a man ou en ordenador, neste último caso, en formato A4, a dobre espazo e con letra "Arial" ou "Time News Roman" tamaño 12.
O tema da redacción é Sempre en Galicia.

Os textos enviaranse só co título e no interior, incluiredes outro sobre pechado coa folla de datos persoais que vos facilitaremos na Biblioteca.

O prazo de entrega rematar o 15 de xuño de 2018. Pódense entregar directamente na asociación ou por correo ordinario a IV Concurso de Redacción Mariña Folgueira. Rúa Igrexa, 4. 27286. Reigosa. A Pastoriza (Lugo).

O premio para o gañador ou gañadora do certame será un lote de libros en galego, unha tablet e un diploma acreditativo.