xoves, 31 de maio de 2018

RAP PASTORICENSE

Non perdades este rap composto e protagonizado por Alba Iglesia Fernández e Antía Fernández Ónega e gravado por Noelia Villamide. Os pastoricenses teñen que estar ben contentos. Bo traballo, rapazas!




mércores, 30 de maio de 2018

VOLVE LOULOGIO!

A nosa incondicional seguidora do youtuber, humorista e debuxante Loulogio quérenos recomendar dúas bandas deseñadas máis do polifacético artista: Taxus e El regreso del hombre pez. A ver se vos convence para que os leades, en plena época de exames, ela está que non aguanta!


martes, 29 de maio de 2018

LEMBRAMOS O ANIVERSARIO DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Un día coma hoxe, 29 de maio, pero do ano 1947, naceu en Vilalba Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Tristemente deixounos hai dous anos e non lle podemos dar os parabéns polo seu aniversario🎂. Así e todo queda a súa obra que tanto segue a gustar a nenos, mozos e non tan mozos.
A biblioteca do Papalouzas ten moitos exemplares -varios repetidos- dos libros de Agustín, moitos deles xa ben usadiños (boa cousa!)

Non esquezades que o vilalbés estivo no Fonmiñá no ano 2001, quédanos unha bonita dedicatoria nun exemplar de Cartas de Inverno, un dos seus libros máis populares, da que estamos todos moi orgullosos.


luns, 28 de maio de 2018

PAPALOUZAS POP


Sempre é interesante facer versións sobre unha creación orixinal. David Trashorras, de 4º de ESO realizou a súa propia do Papalouzas orixinal de Mª Anxos Corredoira, emulando a arte de Andy Warhol.
O resultado gustounos ben.

venres, 25 de maio de 2018

XA SAÍU A VERSIÓN IMPRESA DE PETISCOS!

Papalouzas e familia foron buscar esta mesma mañá ao prelo a revista impresa. Estaba ben lela en liña pero presta máis apalpala e ver os estupendos traballos literarios e artísticos que fixeron os alumnos e alumnas do instituto ao longo deste curso.
Teredes as revistas ao voso dispor na oficina a partires do luns. Xa sabedes o que tedes que levar ademais do voso sorriso 😉

xoves, 24 de maio de 2018

Á LA GARE

Carla vai mercar un billete de tren na estación de tren do Fonmiñá. Devinez où veut-elle aller... Bon voyage, Carla!🚉


mércores, 23 de maio de 2018

EXPOSICIÓN "O MUNDO QUE QUEREMOS"

Os alumnos Iago, Jacobo e Iván están a termar dos cartaces da exposición sobre o proxecto O mundo que queremos, coordinado polo Departamento de CCSS-Xeografía e Historia, que comezou o ano pasado e continúa neste curso.
Estes cartaces estiveron expostos na Casa da Cultura do Concello de A Pastoriza a finais do curso 2016-2017 e agora voltan ao noso centro onde serán expostos durante un tempo na Biblioteca.

Trátase de fotografías realizadas polos alumnos e alumnas de 2º e 4º de ESO sobre temas tan dispares como a preservación do medio ambiente, o acoso escolar, a cousificación da muller nos medios de comunicación e as desigualdades sociais, pero cos que convivimos a diario e moitas veces non nos paramos a reflexionar sobre os mesmos.

luns, 21 de maio de 2018

MARÍA VICTORIA MORENO NA COMPRA...

Se fixestes a compra no Gadis estes últimos días talvez reparastes que aparecía na bolsa a cara desta señora cun texto ao carón. É Mª Victoria Moreno. Tomade unha miguiña de tempo para lerdes estas palabras da autora. Estades de acordo co que di?
Amosade a vosa opinión no blog ou animádevos a continuar o seu diario...


SUBIU ATA O FAIADO DA CASA E ALÍ....

Mentres estabamos de ponte nas Letras Galegas, o armadanzas do Papalouzas aproveitou para buscar máis cousas para que participedes.

Que vos parece escribir un microrrelato de non máis de 500 caracteres que comece con esta frase dunha obra de Mª Victoria Moreno: Subiu ata o faiado da casa e alí...  ? Despois continuades vós...  
Isto é o que vos propón a empresa leiteira Feiraco en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Botade un ollo ás bases e veredes que premios máis suculentos...

mércores, 16 de maio de 2018

FUXAN OS VENTOS musica un poema de MARÍA VICTORIA MORENO

E hoxe presentámosvos a versión musicada do poema Lúa de Prata de María Victoria Moreno. Canta música inspira a autora á que se lle dedican as Letras Galegas este ano 2018.🎼 🎶🎵


martes, 15 de maio de 2018

Canción ANAGNÓRISE

O grupo A banda da Loba rendeu unha persoal e fermosa homenaxe a Mª Victoria Moreno, con esta canción, titulada Anagnórise, inspirada na novela homónima e máis coñecida da autora. A ver que vos parece!


luns, 14 de maio de 2018

PAS DE PANIQUE

Noa está estudar na biblioteca para o seu exame de Francés pero está nerviosa e pensa que lle vai saír mal. O seu compañeiro Carlos tranquilízaa e dálle bos consellos. C'est très gentil de sa part.  Bonne chance!🍀🍀




venres, 11 de maio de 2018

AQUEL VERÁN

E rematamos a semana aconsellándovos unha novela gráfica. Aquel verano de Mariko e Jillian Tamaki . Os veráns da adolescencia non son doados de esquecer, as confidencias  coas amizades, os conflitos cos pais e entre os propios pais, os inquietantes segredos dunha vila de veraneo aparentemente tranquila..., todo isto acontece aquel verán nun lugar da costa estadounidense, que pode ser calquera outro.

Está na biblioteca, animádevos a lela.

Un detalle: vanvos sorprender as onomatopeas! 😉

xoves, 10 de maio de 2018

ASÍ CHE QUEDA A LINGUA DE TANTO LER...

Ou que volo conte Nicolás, que veu lendo un libro no autobús de camiño a Lugo para participar no Correlingua e que mercou outro nas Termas, porque non lle chegaba.

Outras compañeiras de Nicolás tamén caeron e acabaron igual.
Moito ollo!!👀, ler é contaxioso!📚


 Nicolás en pleno trance.







 Mª Anxos e Claudia tamén picaron e comparon senllos libros
 Outra "vítima"

mércores, 9 de maio de 2018

CORRELINGUA 2018. A LINGUA NON PARA .

 Cristina, Matilde e Belén, posando cos rapaces.
 E non parou... O alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO participou na 18 edición do Correlingua portando unha preciosa pancarta que acaparou todas as olladas.


Temos que agradecer a Matilde, a profesora de Plastica, por coordinar o traballo de deseño e creación da mesma.
Coma cada ano, os colexios e institutos da comarca de Lugo e da Terra Chá, realizaron o seu percorrido pola Muralla para rematar na Praza de Santa María.
 En pleno percorrido pola Muralla

E nós mantemos o espírito do lema: a lingua galega non para no IES Fonmiñá!


Non gañamos premio pero pasámolo moi ben!


 Iago, Miguel e Yoel, termando do diploma de participación.

martes, 8 de maio de 2018

ODA A UNHA CISTERNA DE ZURRO.

Seguindo co seu ciclo de poesía agraria, Carlos Florencio inspírase desta volta nas cisternas de zurro, para a súa nova composición. Calquera elemento que nos rodea, por pouco poético que nos pareza, pode dar lugar a uns versos, o caso é poñerse...  Álex e Pablo acompañan a Carlos no recitado.


luns, 7 de maio de 2018

VI CONCURSO ESCOLAR DE POESÍA ROSALÍA DE CASTRO

No Corte Inglés xa é primavera e.... temporada de poesía.  A coñecida empresa xunto coa Fundación Rosalía de Castro, convocan un Concurso de poesía para o alumnado de Secundaria e Bacharelato dedicado á autora de Cantares Gallegos, obra que festexará o seu 155 aniversario de publicación o vindeiro 17 de maio.

O tema é libre e a extensión non excederá dos 50 versos. O prazo de admisión remata o 25 de maio.

En cada categoría (1º ciclo de ESO, 2º ciclo de ESO e Bacharelato) estableceranse un 1º Premio e dous accésit. O 1º Premio será unha iPad32GB; o 1º Accésit, unha Tarxeta de Agasallo de El Corte Inglés por valor de 200€, e o 2º Accésit, unha Tarxeta de Agasallo de El Corte Inglés por valor de 100€.

Se vos interesa participar, premede en BASES e teredes información máis completa sobre o concurso.

venres, 4 de maio de 2018

PREMIOS EN MUIMENTA E NOVO CONCURSO LETRAS GALEGAS 2018

O pasado luns 1 de maio, as nosas alumnas gañadoras dos premios de redacción da Festa da Filloa foron a Muimenta recoller os seus agasallos.
Agradecemos moito a unha das premiadas, Iria Castrillón,  por nos facilitar estas fotos do evento.
Xunto con máis compañeiros as tres mozas estanse a preparar para un novo concurso literario e de debuxo, organizado pola Biblioteca Municipal da Pastoriza co gallo das Letras Galegas.
Se queredes saber máis sobre este último concurso (tema, extensión, formatos, prazos, etc.) pasádevos pola Biblioteca, o Papalouzas daravos con moito gusto toda canta información queirades.🐭

xoves, 3 de maio de 2018

DE BIBLIO EN BIBLIO...

Os alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO deixaron onte a Biblioteca do Papalouzas pola Biblioteca Provincial de Lugo para asistiren a unha charla divulgativa sobre conservación e restauración de bens culturais. A charla correu a cargo da pastoricense Sonia Seco, profesora na Escola de Conservación e Restauracións de Bens Culturais de Galicia e filla do noso benquerido e recordado Tito🚌. Tamén participaron na charla Blanca Besteiro e Begoña Fariña, restauradoras do Museo Provincial e no Arquivo Histórico de Lugo, respectivamente. As tres compartiron a súa experiencia profesional e facilitaron información aos nosos alumnos sobre os estudos de restauración.
Moitas grazas, Sonia, por deixar que os estudantes pastoricenses fosen os primeiros en asistir a esta actividade!

mércores, 2 de maio de 2018

QUEN FORON AS "SINSOMBRERO"?

Coñecedes e estudastes a Xeración do 27 e aos seus integrantes. Había mulleres? Había, si, pero ata agora nunca se falara delas. Era un grupo de poetas, novelistas, pintoras, ilustradoras, escultoras e pensadoras das que ninguén parecía lembrarse. A través da súa arte e do seu activismo desafiaron as normas e convencións da España dos anos 20 e 30, por iso as alcumaron Las Sinsombrero.
Aproveitamos para vos propoñer un xogo interactivo sobre elas para que coñezades as relacións entre elas e outros persoeiros deste período. Vaivos sorprender.