martes, 6 de marzo de 2018

AS CLAVES PARA TRIUNFAR EN TODO

Ou iso é o que nos conta Loulogio, debuxante, youtuber e humorista, no seu libro Cómo triunfar en absolutamente todo. Mª Anxos leuno e divertiuse moito, por iso nolo recomenda. De paso aproveita para nos falar dunha banda deseñada realizada polo mesmo autor, Taxus, unha historia fantástica con personaxes da mitoloxía popular. Deixemos que nos conte ela mesma:


luns, 5 de marzo de 2018

POESÍA NAS MESAS E NAS PAREDES

 Que A Pastoriza é terra de poetas é innegable, nas mesas e nas paredes das aulas atopámonos con versos de gran sutileza coma estes feitos polos alumnos Martín Expósito Morado e Brais Iglesia Vila. O amor e a natureza son as principais fontes de inspiración. 💕🌲🌼📜

venres, 2 de marzo de 2018

QUEN NOS VIXÍA E POR QUE?

Subimos a Instagram calquera anaco da nosa vida, compartimos ideas, proxectos, actividades no Facebook, e imos deixando os nosos datos persoais sempre que navegamos por internet, dándolle a un 👍, facendo unha compra en liña, opinando nun foro ou nun blog ou aceptando unha solicitude de amizade. Non sabemos ata que punto estamos a ser vixiados. Empresas, gobernos e forzas de seguridade saben de nós moito máis do que podemos imaxinar. Fano pola nosa seguridade? Ata que punto traspasan a fronteira da vida privada?

Na biblioteca fixémonos co libro Ojos y espías (Ed. Siruela) onde a autora, Tania Lloyd Kyi, acompañada das ilustracións de Belle Wurthrich,  fálanos con exemplos da vida real, do mundo da vixiancia, tocando temas coma o ciberacoso, as cámaras de seguridade, a tecnoloxía de recoñecemento facial, o control dos alumnos nun centro educativo, etc.

 Lectura altamente recomendable para todo o mundo.

xoves, 1 de marzo de 2018

LER E INTERPRETAR A PUBLICIDADE

No Museo Virtual de Arte Publicitario do Centro Virtual Cervantes podedes atopar unha grande variedade de traballos publicitarios. Unha ferramenta excelente para estudar a linguaxe da publicidade dende diferentes puntos de vista: lingüístico, plástico-visual, literario, ético... Tamén vos axudará a interpretar os contidos e motivos das mensaxes publicitarias.

Entrade en ler publicidade e veredes que amplo abano de opcións nos ofrece este museo para traballar nas materias de Linguas, Educación Plástica e Visual, Filosofía, Ética ou nas titorías.

martes, 27 de febreiro de 2018

ORDENANDO A NOSA BIBLIOTECA.

Como a neve nos volveu visitar ⛄, o Papalouzas e os seus parentes aproveitan para ordenar os andeis da súa querida biblioteca e comprobar que non falta ningún libro.
Unha vez rematadas as súas tarefas, almorzarán unha fondue de queixo ben quentiña para combater este frío tremendo🐧🐧

DICIONARIO GALEGO-PASTORICENSE 11 CABOZO/HORREO

Neste vídeo un grupo de alumnos e alumnas de 3º de ESO expóñennos as diferenzas que existen para eles entre un hórreo e un cabozo. Para uns trátase da mesma construción, para outros, hai matices...


luns, 26 de febreiro de 2018

LADAÍÑA DO TRACTOR


Ao noso alumno Carlos Florencio séguelle inspirando a maquinaria agrícola para os seus versos. Desta volta a súa composición poética vai dedicada ao tractor. O recitado do poema correu a cargo do propio Carlos, acompañado de Iria e mais Xairo, a modo de ladaíña. 🚜🚜🚜