venres, 9 de marzo de 2018

ENTREGA DE PREMIOS DE POESÍA E POSTAIS DE NADAL

Os alumnos David Luaces Cabana e Brais Fraga Cabodevila acadaron na modalidade de postal, senllos premios no Concurso de Poesía e Postais de Nadal, organizado pola Biblioteca Municipal de A Pastoriza. A recollida dos mesmos tivo lugar o martes 6 de marzo na Casa da Cultura.
Así mesmo, Mª Anxos Corredoira Díaz, resultou gañadora do 2º premio na categoría de poesía. O seu poema, como xa fixeramos mención, conseguiu tamén o 3º premio de Poesía de Nadal da Biblioteca Provincial de Lugo.

Moitos parabéns aos gañadores!


























No vídeo podedes ver a Mª Anxos recitando o seu poema.


xoves, 8 de marzo de 2018

UNHA LECTURA PARA O DÍA DA MULLER TRABALLADORA

As curmás de Papalouzas seleccionáronos un título moi atinado para ler neste día tan importante para as mulleres. En realidade Todas tiñamos que ser feministas é un discurso de Chimananda Ngozi onde nos explica cun estilo directo sen deixar de lado o humor, o papel da muller na sociedade actual e dános ideas para facermos deste mundo un lugar máis xusto.

Velaquí o vídeo do seu discurso por se a queredes escoitar, máis claro non se pode falar...





mércores, 7 de marzo de 2018

GRAZAS, FORGES!

O xenial humorista gráfico Antonio Fraguas, Forges, que nos deixou o pasado 22 de febreiro, dedicoulle á muller ao longo destes anos, magníficas viñetas cheas de ironía e reivindicación.

Dende a biblioteca querémoslle render unha merecida homenaxe expoñendo algúns dos seus traballos aproveitando que se achega o Día da Muller Traballadora.

Unha vez, máis, grazas Forges, por facer visible o traballo e o esforzo das mulleres do país.









martes, 6 de marzo de 2018

AS CLAVES PARA TRIUNFAR EN TODO

Ou iso é o que nos conta Loulogio, debuxante, youtuber e humorista, no seu libro Cómo triunfar en absolutamente todo. Mª Anxos leuno e divertiuse moito, por iso nolo recomenda. De paso aproveita para nos falar dunha banda deseñada realizada polo mesmo autor, Taxus, unha historia fantástica con personaxes da mitoloxía popular. Deixemos que nos conte ela mesma:


luns, 5 de marzo de 2018

POESÍA NAS MESAS E NAS PAREDES

 Que A Pastoriza é terra de poetas é innegable, nas mesas e nas paredes das aulas atopámonos con versos de gran sutileza coma estes feitos polos alumnos Martín Expósito Morado e Brais Iglesia Vila. O amor e a natureza son as principais fontes de inspiración. 💕🌲🌼📜

venres, 2 de marzo de 2018

QUEN NOS VIXÍA E POR QUE?

Subimos a Instagram calquera anaco da nosa vida, compartimos ideas, proxectos, actividades no Facebook, e imos deixando os nosos datos persoais sempre que navegamos por internet, dándolle a un 👍, facendo unha compra en liña, opinando nun foro ou nun blog ou aceptando unha solicitude de amizade. Non sabemos ata que punto estamos a ser vixiados. Empresas, gobernos e forzas de seguridade saben de nós moito máis do que podemos imaxinar. Fano pola nosa seguridade? Ata que punto traspasan a fronteira da vida privada?

Na biblioteca fixémonos co libro Ojos y espías (Ed. Siruela) onde a autora, Tania Lloyd Kyi, acompañada das ilustracións de Belle Wurthrich,  fálanos con exemplos da vida real, do mundo da vixiancia, tocando temas coma o ciberacoso, as cámaras de seguridade, a tecnoloxía de recoñecemento facial, o control dos alumnos nun centro educativo, etc.

 Lectura altamente recomendable para todo o mundo.

xoves, 1 de marzo de 2018

LER E INTERPRETAR A PUBLICIDADE

No Museo Virtual de Arte Publicitario do Centro Virtual Cervantes podedes atopar unha grande variedade de traballos publicitarios. Unha ferramenta excelente para estudar a linguaxe da publicidade dende diferentes puntos de vista: lingüístico, plástico-visual, literario, ético... Tamén vos axudará a interpretar os contidos e motivos das mensaxes publicitarias.

Entrade en ler publicidade e veredes que amplo abano de opcións nos ofrece este museo para traballar nas materias de Linguas, Educación Plástica e Visual, Filosofía, Ética ou nas titorías.