xoves, 10 de maio de 2018

ASÍ CHE QUEDA A LINGUA DE TANTO LER...

Ou que volo conte Nicolás, que veu lendo un libro no autobús de camiño a Lugo para participar no Correlingua e que mercou outro nas Termas, porque non lle chegaba.

Outras compañeiras de Nicolás tamén caeron e acabaron igual.
Moito ollo!!👀, ler é contaxioso!📚


 Nicolás en pleno trance.







 Mª Anxos e Claudia tamén picaron e comparon senllos libros
 Outra "vítima"

mércores, 9 de maio de 2018

CORRELINGUA 2018. A LINGUA NON PARA .

 Cristina, Matilde e Belén, posando cos rapaces.
 E non parou... O alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO participou na 18 edición do Correlingua portando unha preciosa pancarta que acaparou todas as olladas.


Temos que agradecer a Matilde, a profesora de Plastica, por coordinar o traballo de deseño e creación da mesma.
Coma cada ano, os colexios e institutos da comarca de Lugo e da Terra Chá, realizaron o seu percorrido pola Muralla para rematar na Praza de Santa María.
 En pleno percorrido pola Muralla

E nós mantemos o espírito do lema: a lingua galega non para no IES Fonmiñá!


Non gañamos premio pero pasámolo moi ben!


 Iago, Miguel e Yoel, termando do diploma de participación.

martes, 8 de maio de 2018

ODA A UNHA CISTERNA DE ZURRO.

Seguindo co seu ciclo de poesía agraria, Carlos Florencio inspírase desta volta nas cisternas de zurro, para a súa nova composición. Calquera elemento que nos rodea, por pouco poético que nos pareza, pode dar lugar a uns versos, o caso é poñerse...  Álex e Pablo acompañan a Carlos no recitado.


luns, 7 de maio de 2018

VI CONCURSO ESCOLAR DE POESÍA ROSALÍA DE CASTRO

No Corte Inglés xa é primavera e.... temporada de poesía.  A coñecida empresa xunto coa Fundación Rosalía de Castro, convocan un Concurso de poesía para o alumnado de Secundaria e Bacharelato dedicado á autora de Cantares Gallegos, obra que festexará o seu 155 aniversario de publicación o vindeiro 17 de maio.

O tema é libre e a extensión non excederá dos 50 versos. O prazo de admisión remata o 25 de maio.

En cada categoría (1º ciclo de ESO, 2º ciclo de ESO e Bacharelato) estableceranse un 1º Premio e dous accésit. O 1º Premio será unha iPad32GB; o 1º Accésit, unha Tarxeta de Agasallo de El Corte Inglés por valor de 200€, e o 2º Accésit, unha Tarxeta de Agasallo de El Corte Inglés por valor de 100€.

Se vos interesa participar, premede en BASES e teredes información máis completa sobre o concurso.

venres, 4 de maio de 2018

PREMIOS EN MUIMENTA E NOVO CONCURSO LETRAS GALEGAS 2018

O pasado luns 1 de maio, as nosas alumnas gañadoras dos premios de redacción da Festa da Filloa foron a Muimenta recoller os seus agasallos.
Agradecemos moito a unha das premiadas, Iria Castrillón,  por nos facilitar estas fotos do evento.
Xunto con máis compañeiros as tres mozas estanse a preparar para un novo concurso literario e de debuxo, organizado pola Biblioteca Municipal da Pastoriza co gallo das Letras Galegas.
Se queredes saber máis sobre este último concurso (tema, extensión, formatos, prazos, etc.) pasádevos pola Biblioteca, o Papalouzas daravos con moito gusto toda canta información queirades.🐭

xoves, 3 de maio de 2018

DE BIBLIO EN BIBLIO...

Os alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO deixaron onte a Biblioteca do Papalouzas pola Biblioteca Provincial de Lugo para asistiren a unha charla divulgativa sobre conservación e restauración de bens culturais. A charla correu a cargo da pastoricense Sonia Seco, profesora na Escola de Conservación e Restauracións de Bens Culturais de Galicia e filla do noso benquerido e recordado Tito🚌. Tamén participaron na charla Blanca Besteiro e Begoña Fariña, restauradoras do Museo Provincial e no Arquivo Histórico de Lugo, respectivamente. As tres compartiron a súa experiencia profesional e facilitaron información aos nosos alumnos sobre os estudos de restauración.
Moitas grazas, Sonia, por deixar que os estudantes pastoricenses fosen os primeiros en asistir a esta actividade!

mércores, 2 de maio de 2018

QUEN FORON AS "SINSOMBRERO"?

Coñecedes e estudastes a Xeración do 27 e aos seus integrantes. Había mulleres? Había, si, pero ata agora nunca se falara delas. Era un grupo de poetas, novelistas, pintoras, ilustradoras, escultoras e pensadoras das que ninguén parecía lembrarse. A través da súa arte e do seu activismo desafiaron as normas e convencións da España dos anos 20 e 30, por iso as alcumaron Las Sinsombrero.
Aproveitamos para vos propoñer un xogo interactivo sobre elas para que coñezades as relacións entre elas e outros persoeiros deste período. Vaivos sorprender.