Segundo o calendario de actividades relacionadas cos libros e coas lecturas, hoxe 3 de novembro conmemórase un día moi especial, o Día do Lector e Lectora coincidindo co nacemento de Xosé Neira Vilas.
En Gres, na parroquia natal do escritor, hai unha convocatoria de lectura pública da súa obra Memorias dun neno labrego, como a Vila de Cruces non podemos ir, no IES Fonmiñá sumámonos a esta iniciativa lendo esta mesma obra ao longo desta semana. Comezamos onte na Hora de Ler, hoxe no recreo na biblioteca e continuaremos mañá e pasado.
Grazas a todos os voluntarios e voluntarias pola vosa colaboaración!
Noa e o atento público...
Zoe
Lucía ante os oídos atentos de varios voluntarios...
Queremos celebrar con toda a comunidade educativa o Día das Bibliotecas, convidándovos a participar coas vosas achegas na exposición Os dicionarios: onte e hoxe.
Ao carón da porta da biblioteca, no corredor, temos esta interesante exposición de dicionarios. Contamos con diversos exemplares: desde un da RAE do ano 1914, dicionarios temáticos: de refráns, de termos xurídicos e administrativos; de distintos idiomas: galego, inglés, francés, portugués; de linguas clásicas: latín e grego...
E para dar mostra dos máis actuais, temos os dicionarios online...
Podedes achegarvos á exposición durante a semana que vén. Gozaredes dos segredos que eles encerran e poderedes desvelar os significados máis ocultos.
Algúns compañeiros xa visitaron a exposición...
Alumnado de 1º ESO satisfacendo a súa curiosidade
Moitas grazas a todos e todas polas vosas achegas!
Hoxe é un día moi especial para a literatura galega: acaban de outorgarlle o PREMIO NACIONAL DE NARRATIVA2021 ao escritor e xornalista Xesús Fraga coa obra Virtudes (e misterios).
Esta novela, o ano pasado, fora premiada co XXX Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor.
Está narrada desde a perspectiva dos emigrantes retornados, recolle as vivencias da avoa e a nai do autor que viviron en carne propia a emigración en Londres.
Moitas mulleres e familias galegas veranse reflectidas nestas páxinas.
Hoxe no recreo tivemos a nosa primeira e ansiada xuntanza. Xa temos o cómic Subnormal nas nosas mans...É esta unha historia real do acoso escolar recibido por Iñaki Zubizarreta, ex-xogador de baloncesto da ACB.
Saíu dese foxo no que estaba, grazas ao deporte... Hoxe en día segue loitando contra o bullying acudindo a colexios e institutos para impartir charlas e concienciar a alumnado e profesorado desta problemática.
Temos a certeza de que nos fará reflexionar a crueza deste relato!
Entre todas e todos axudemos a crear climas saudábeis nas nosas aulas!
Socorro dando a agarimosa benvida e introducindo a obra...
A gran familia do LERLEREI, e aínda faltaban algúns e algunhas...
Encetamos a andaina lectora cun novo grupo dentro do LERLEREI, o XOGRAREI.
Durante a Hora de Ler do mércores 13 de outubro, un alumno e tres alumnas de 4º ESO foron á aula de 1º ESO, para ler unha lenda: "A moura da Tapada do Almestro" e un poema baseado nela, do libro Lendo lendas, digo versos; e na aula de 2º ESO, leron o primeiro relato "Falar" da obra Made in Galiza.
Daniel e Alexia ante os atentos oídos dos seus espectadores...
Lucía e Silvia poñendo ao descuberto o dilema de Clara, a protagonista do relato
Continuaremos informándovos das nosas lecturas...estade atentas e atentos...
Para quen queira botar un ollo, este libros témolos na biblioteca, estanvos agardando para facervos pasar un intre agradable.
A finais de maio, para rematar coas nosas xuntanzas deste ano académico, as nosas alumnas e as nosas profes colaboradoras, teatralizamos dous dos relatos da obra de Xabier P. Docampo Contos de obxectos.
Este foi o resultado despois do traballo de montaxe por parte de dúas das nosas alumnas lectoras. Gozade das representacións e animádevos a ler este e os restantes relatos da obra. Ben merecen a pena!
Este ano, o Día das Letras Galegas é dedicado a Xela Arias, poeta, tradutora e profesora de Lingua Castelá e Literatura en diferentes institutos galegos. Tamén traballou no Departamento de Creación e Investigación de Edicións Xerais de Galicia.
É autora dos poemarios Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996)e Intempériome (2003).
Realizou traducións ao galego de obras como Drácula de Bram Stoker, As bruxas de Roal Dahl, O gato Gaiado e a andoriña Señá: unha historia de amor de Jorge Amado, Contos ao teléfono de Gianni Rodari, entre outras.
Na semana previa ás Letras Galegas e durante esta semana, dende o Departamento de Lingua Galega demos a coñecer ao noso alumnado a figura transgrasora, inconformista e loitadora de Xela Arias. Vimos vídeos, escoitamos poemas musicados pola Banda da Loba, lemos poemas, resolvemos xogos...
Deixamos aquí mostra dalgúns dos recursos utilizados:
Telexornal Xela Arias
A banda da loba, Intempériome
A banda da loba, Dario a diario
Na páxina da Real Academia Galega podemos gozar duns vídeos moi interesantes:
Por outra banda, na entrada da biblioteca mantemos unha exposición coas súas obras, algunha biografía e outros libros que analizan a súa obra poética:
Podes consulta o que precises...
Xela fixo poesía urbana, sacou a poesía á rúa, como nos amosa na súa obra Denuncia do equilibrio, e tamén en Intempériome; deste xeito, desde a comunidade educativa do IES Fonmiñá, quixemos render unha homenaxe especial, cadaquén achegou os versos ou poema que máis lle prestou e sacámolos "á intemperie" nesta exposición:
Agardemos que a meteoroloxía nos sexa favorable para manter a exposición ata final do mes de maio... Aínda seguiremos achegando os nosos poemas favoritos, pois hai moitos...
Sen a vosa contribución isto non sería posible, moitas grazas!