Obra mestra da literatura universal, o premio Nobel de literatura, Gabriel García Márquez publicou Cien años de Soledad un 30 de maio de 1967. Esta espléndida novela que queremos homenaxear dende este recuncho da Terra Chá, converteuse na preferida de moitos lectores ao longo de medio século. Cristina Rivero, a profesora de Lingua e Literatura Castelá, atópase dentro dese grupo e vainos contar por que lle gustou tanto:
Lin a novela cando cursei 2º de Bacharelato con dezasete anos. Cien años de soledad narra a fundación de Macondo, un lugar ficticio, pero que ben podemos imaxinar a súa ubicación en Suramérica e máis concretamente, en Colombia. Alí vanse sucedendo sete xeracións da familia Buendía e ocorren feitos realistas e... máxicos; realistas coma as guerras, a prosperidade económica, folgas de traballadores, inventos, e temas tan presentes na nosa vida cotiá coma o amor ou a soidade; os feitos fantásticos aparecen reflectidos na propia maxia, crenzas, lendas, mitos, etc. Toda esta combinación de "realismo máxico" crea unha novela marabillosa, que apaixona dende o primeiro instante ata chegar a un final que non agardamos.
Recomendo este libro porque é unha obra que sae do común e esa é a razón de que "enganche" desde o comezo: atopámonos ante algo totalmente inesperado. Ademais foi traducida a 35 linguas e vendéronse dela máis de 30 millóns de exemplares, algo ten que ter, non?... Iso si, aconsello ir elaborando unha árbore xenealóxica para non mesturar os " José Arcadios" e os "Aurelianos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario