venres, 13 de outubro de 2017

Catemos a ROALD DAHL

.... lendo un dos seus mellores relatos que a editorial Nórdica Libros publicou hai pouco nunha edición de luxo cunhas impresionantes ilustracións de Iban Barrenetxea. Roald Dahl, que este ano tería feito 101 anos, ademais de ser o pai de personaxes universais da literatura para nenos como Charlie, Mathilda e Danny e un dos autores favoritos do Papalouzas, é tamén un excelente escritor de relatos de intriga. Na Biblioteca temos en castelán Relatos de lo inesperado, altamente recomendables.
Dende a Biblioteca recomendamos esta coidada edición de La Cata, publicada por vez primeira en 1945.
Seis persoas sentan á mesa na casa de Mike Schofield, un corredor de bolsa londinense, novo rico que presume de sibarita. Canda el están a súa esposa, a súa filla, o narrador da historia sen nome e o revirado gastrónomo Richard Pratt. Schofiel e Pratt gustan de facer apostas para adiviñar que viños están a catar na mesa. Esa noite a aposta váiselles ir das mans...
Convidámosvos á cata deste relato, é un investimento para a vosa biblioteca particular. Paga a pena polo coidado da edición á parte da innegable calidade da historia. Saúde!


Ningún comentario:

Publicar un comentario