martes, 14 de novembro de 2017

COMO FACER QUE OS RAPACES ODIEN A LECTURA

Gianni Rodari, o mestre da fantasía, publicou unha serie de artigos na prensa italiana entre 1966 e 1981 que foron recompilados no volume Escuela de la fantasía, na súa versión en castelán. Nestes artigos, ademais de falar de literatura e creación, Rodari realiza unhas lúcidas e atinadas reflexións sobre a educación en xeral. Entre eles destaca un titulado "Nove formas de ensinar aos nenos a odiar a lectura". É un artigo do ano 1966 pero o que di é completamente actual.  Sempre convén que os profesores e os pais e nais fagamos exercicios de autocrítica de cando en vez...

Velaquí vos amosamos as "fórmulas máxicas" para que os rapaces aborrezan da lectura.


1.- Presentar o libro coma unha alternativa á televisión. 
"Non me parece que unha diversión (...) sexa o xeito ideal de estimular o amor por outra actividade; será máis ben a maneira de de proxectar sobre esa outra unha sombra de molestia e castigo".

2. Presentar o libro coma unha alternativa aos cómics.
"Coñezo rapaces que len moito e que tamén cultivan no seu tempo de lecer a horta dos tebeos. Iso quere dicir, na miña opinión, que non existe unha relación de causa-efecto entre a paixón polas historietas e o amor pola lectura".

3. Dicirlles aos nenos que os de antes lían máis. "Aos nenos non se lles pode pedir que se apaixonen polo pasado porque é unha época que non lles pertence (...) Identificar os libros cun pasado alleo, con algo que non forma parte da súa vida (...) crea un motivo máis para que, en canto podan, se afasten da lectura".

4. Pensar que os nenos teñen demasiadas distraccións. " .... Iso non depende da cantidade e da calidade das distraccións (...) senón do lugar que teña o libro na vida do país, da sociedade, da familia, da escola".

5. Botar a culpa aos nenos se non lles gusta ler. "Atoparemos a culpa nos pais; hai demasiadas casas nas que nunca entra un libro, hai milleiros de licenciados universitarios sen biblioteca, hai moitos pais que nin sequera len o xornal e logo sorpréndense que saen a eles".

6. Transformar o libro nun instrumento de tortura. "A lectura deixou de ser un fin loable e convértese nun medio para realizar actividades supostamente máis serias. (...)  O obxectivo final poden ser as notas, o adestramento para a paciencia ou a preparación para a vida. A saber que preparación e para que vida; é probable que para a vida concibida coma un sufrimento, o cal require un adestramento. O libro que entra na escola non chega a ser esa cousa boa e fermosa que precisamos, senón ese algo que sirva ao mestre para emitir xuízos. A escola coma tribunal, e non coma vida".

7. Negarse a ler aos nenos. "A voz da nai ou do pai (do mestre) ten unha función insubstituíble (...) Cando lle contamos un conto a un neno que aínda non sabe ler , con iso creamos ese léxico familiar no que a intimidade e a confianza e a comuñón entre pais e fillos exprésanse de forma única e irrepetible".

8. Non ofrecer unha selección suficiente. "Nós non lemos o primeiro libro que cae nas nosas mans. Gústanos elixir. Pola contra, rara vez ofrecémoslle aos nenos unha selección decente (...) Por iso é indispensable contar cunha pequena biblioteca, persoal ou colectiva. Vinte libros son mellor ca un, e cen mellor ca vinte, porque poden espertar curiosidades distintas, satisfacer ou estimular intereses diferentes, responder aos cambios de humor, ás variacións da personalidade, da formación, da información".

9. Obrigar a ler. "Dende hai varios centos de anos os pedagogos non deixan de repetir que, igual que non se pode forzar a unha árbore a que floreza fóra de temporada, cando non existen as condicións axeitadas, tampouco non pode obterse nada dos nenos a través da obrigación (...)"

Ningún comentario:

Publicar un comentario