luns, 20 de novembro de 2017

CONTOS POR TELÉFONO

 Na nosa biblioteca amamos a Rodari, e non podemos deixar de chufar os seus preciosos Contos por teléfono, para todas as idades. Son contos cheos de humor, imaxinación, surrealismo, alegría, compromiso ético..., con finais sorprendentes e divertidos.
Todo comeza cunha nena que non daba adormecido se seu pai non lle contaba un conto cada noite, e cando este se atopaba en viaxe de traballo, chamábaa cada noite e narráballe unha preciosa historia. Tan bonitas eran que as telefonistas suspendían as chamadas para escoitalas.
A quen non lle apetece ler contos con títulos coma "O semáforo azul", "A estrada que non levaba a ningures", "O nariz que escapa" ou "O rato que comía gatos"?

Velaquí tedes un exemplo desta xoíñas literarias:


                                                HISTORIA DO REINO DE LAMBONIA

No remoto país de Lambonia, ao leste do ducado de Bebebén, reinou en primeiro lugar Lambón o Dixeridor, chamado así porque despois de comer os spaghetti rillaba tamén o prato, e dixeríao de marabilla.
Sucedeuno no trono Lambón II, alcumado Tres Culleres, porque comía o caldo empregando simultaneamente tres culleres de prata: dúas agarradas coas súas mans, e a terceira suxeitáballa a raíña, e ai dela se non viña chea.
Despois del ascenderon ao trono de Lambonia (que estaba situado na cabeceira dunha mesa que estaba servida de comida día e noite) os seguintes:
Lambón III, alcumado o Entrante;
Lambón IV, alcumado Costeleta á parmesana.
Lambón V, o Esfameado;
Lambón VI, o Tragapavos;
Lambón VII, alcumado Nonquedamais?, que mesmo comeu a propia coroa, e iso que era de ferro forxado;
Lambón VIII, alcumado Codia de Queixo, que unha vez non encontrou nada que comer na mesa e enguliu o mantel;
Lambón IX, alcumado Mandíbula de Aceiro, que comeu trono con coxíns e todo.
E así rematou a dinastía.


Ningún comentario:

Publicar un comentario