Afonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950) é se cadra xunto con Rosalía de Castro, un dos autores máis icónicos da literatura galega. Desenvolveu con brillanteza as súas tres facetas máis coñecidas: a política, a arte e mais a literatura, sobresaíndo nesta última cos seus relatos curtos sempre acompañados de ilustracións propias, que podemos admirar practicamente no resto da súa obra en prosa e na dramática.
Os dous de sempre é a súa única obra narrativa extensa publicada por primeira vez en 1934 na Editorial Nós e Blanca, a P.T., quérenos falar un chisco deste libro que leu sendo unha universitaria.
Gústame este libro porque Castelao reflicte nel a sociedade daquela época. Fálanos da emigración, do cacique da vila, das diferencias sociais... Os protagonistas principais son Rañolas e Pedriño; Rañolas é traballador, idealista, enxeñoso e loitador; Pedriño é un lacazán, non ten vontade, danlle todo feito, déixase levar..., o que chamariamos unha "miñaxoia", para ser feliz chégalle con ter o bandullo cheo. Rañolas sen a axuda de ninguén logra a súa meta, pero aínda así non acada a felicidade.
Parecería que por carácter e por condición social non estaban destinados a ser amigos, con todo a súa amizade mantívose ata o final.
Os dous de sempre foi un dos primeiros libros que lin en galego, a miña lingua materna e a do meu contorno.
Non tiven coñecemento da literatura galega ata que fun universitaria. Ata daquela a única autora galega da que tiña referencia era Rosalía de Castro, pero dentro do Romanticismo español. Hoxe chama a atención este feito pero daquela, aínda que unha gran maioría de galegos tanto no rural coma no urbano expresabámonos en galego, isto non se reflectía no ensino. Xamais, ata que cheguei aos estudos superiores, tiven un profesor que se expresase en galego co alumnado. O galego era pouco recoñecido socialmente, as elites utilizaban o castelán. Hoxe en día unha parte importante de galegos len e escriben en galego e teñen coñecemento da literatura galega, mais non empregan esta lingua na fala, onde está a retroceder. Por que? Isto dá para unha reflexión en profundidade.
Recomendo Os dous de sempre porque é un libro moi entretido e que engancha. Nel vemos reflectida a sociedade galega da época, pero que non deixa de reflectir a actual (emigración, caciquismo...)
Quen, despois de ler esta obra, non lle pon nome aos Rañolas e aos Pedriños do seu contorno?
Ningún comentario:
Publicar un comentario