mércores, 24 de febreiro de 2021

Día de Rosalía de Castro

Hoxe 24 de febreiro, non podía ser doutro xeito, festexamos o aniversario da nosa escritora; para iso a nosa biblioteca vestiu a súas mellores galas para recibir a toda a comunidade educativa. Recitamos unha boa selección de poemas de diversas temáticas (intimista, costumista, amorosa e social), en castelán e en galego, e das obras Cantares gallegos, Follas novas e En las orillas del Sar; con eles enchemos o centro de sentimentos, paixóns e reivindicacións, nun día tan especial para as Letras Galegas.

Fixemos gravacións que publicaremos en breve na nosa canle Radio Escolar Fonmiñá. Aquí tedes unha pequena selección fotográfica de distintos momentos da xornada poética.

A camelia, xa é coma se fose unha flor autóctona...

Cristina e Xurxo recitando o eterno poema "Negra sombra"

Brais lendo con calma... e escoitando as campanas de Bastabales

Cristina, convencéndonos de que as "plantas hablan"

Bárbara dominando o escenario, asegurándonos que  "naseu cando as plantas nasen"

Maruxa loando a fermosa paisaxe galega...

Lorena pechando o recitado co poema final de Cantares gallegos, pedindo desculpas pola falta de "grasia" pero enxalzando o "sentimento" mostrado...

Lucía amosando a dureza da emigración, xunto cos seus compañeiros, os técnicos de radio (Pablo, Álex e Xairo)

Moitas grazas a alumnado, profesorado, persoal non docente e persoal da limpeza; e en especial aos tres  profesionais técnicos de radio: Pablo, Álex e Xairo.





venres, 12 de febreiro de 2021

Un Entroido diferente...

Esta semana celebramos un Carnaval ben distinto, mais non podiamos quedar sen ENTROIDO...

Desde o martes fomos obedecendo aos "mandados do meco"... foinos dando  distintas ordes:

  • Martes: traer algo na cabeza (chapeu, perruca, pucha...)
  • Mércores: adornarnos con abelorios ( colares, aneis, pulseiras...)
  • Xoves: carecterizarnos de científicas e científicos... para conmemorar o Día da Muller e Nena na Ciencia
  • Venres: sumar todo o dos días anteriores...
Aquí deixamos mostra do paso do entroido polo IES Fonmiñá...

As  fantásticas científicas de 1º ESO

A científicas de 2º despois dunha das espectaculares presentacións Con A de astónomas

As científicas e científico de 3º ESO 

4º ESO lucindo as súas mellores galas

Departamento de Mates...en acción!

O equipo de garda ben disposto!

Tamén na biblioteca...

Moitas grazas a todas e todos pola vosa implicación!




sábado, 30 de xaneiro de 2021

Textos pola Paz

 Outro ano máis, o noso alumnado traballou  distintos tipos de textos, pero cunha finalidade única unirnos na loita pacífica por un ideal común: a paz, a non violencia, o respecto, a igualdade...

Deixamos mostra nesta exposición:

1º ESO: Noticia e carteis; 2º ESO: entrevista a Gandhi en varios idiomas (galego, castelán, francés, inglés e árabe.
3ºESO: Tempo de Paz (infomación meteorolóxica peculiar), cantigas de amigo adaptadas, cartel; 4º ESO: Poemas vangardistas, audioguías, cartas pastoricenses e canción en inglés.

En breve publicaremos un vídeo coa lectura dos textos e algo máis...


venres, 8 de xaneiro de 2021

LERLEREI

O Club de Lectura LERLEREI vén de rematar as actividades relacionadas co cómic lido e comentado no primeiro trimestre: Zenobia de Morten Dürr, premiado no 2016 como Mellor Cómic e Mellor Cómic Infantil polo Ministerio de Cultura de Dinamarca.

Deixamos aquí boa mostra do voso traballo:
 
Un booktrailer:


E un podcast na nosa canle de iVooox: Radio Fonmiñá

Continuaremos coa marabillosa aventura de ler, e aínda máis fantástico é o feito de compartir opinións e comentarios con todas e todos vós.

Moitas grazas a todas e todos pola vosa colaboración e implicación!

martes, 5 de xaneiro de 2021

Conmemoramos 60 anos da publicación de...

 O 5 de xaneiro de 1961 a Editorial Follas Novas publicaba na Arxentina Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas.

 Esta obra, traducida a moitas linguas (alemán, chinés, portugués, castelán, ruso, italiano, checo, inglés, francés...), reflicte a vida do mundo rural  de mediados do século XX, dende a perspectiva dun neno.

"Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di un ninguén. E, ademais, pobre."

Así comeza a obra máis lida da literatura galega, nela denúncianse as inxustizas, o caciquismo e a emigración que sufría a sociedade galega daquela época.

Esta é a portada da segunda edición publicada xa en Galicia por Ediciós do Castro, en maio de 1968.

Adaptación teatral de Cándido Pazó, representada en 2011:


Así falaba de Balbino, o seu creador, en 2012:


Escoitamos unha versión musicada polo grupo  A Quenlla:


Convidámosvos a gozar da lectura (ou relectura) desta obra. Está ao voso dispor na nosa biblioteca. Verémonos pronto!

Encetemos o ano lendo!  Felices lecturas e feliz ano 2021!

martes, 22 de decembro de 2020

Felices lecturas de Nadal!

 Desde a Biblioteca do IES Fonmiñá queremos desexarvos unhas  merecidas vacacións de Nadal, cheas de descanso e de boas lecturas. 

Que o 2021 veña cargado de esperanzas e ilusións!


A lectura dá sentido e saúde á nosa vida!


Rematou o trimestre e chegou o Nadal!

Damos remate a estes meses de traballo para darlle paso ás ansiadas vacacións de Nadal. Tentamos pechar este 2020 con actividades divertidas e ben diferentes.

Nos días previos o alumnado decorou as súas aulas, recollemos algúns dos adornos máis chamativos:

Árbore de mans, 1º ESO

Árbore de aneis, 4º ESO

Deixamos mostra dalgúns dos obradoiros que se realizaron nas primeiras horas da mañá, antes do recreo e de maneira rotatoria.

Coreografía: Jerusalema, 1º ESO

Tangram, 2º ESO

Baile tradicional galego, 3º ESO

Bingo, 4º ESO
A continuación, despois do recreo recibimos a Caxoto, contacontos:

Momentos da súa actuación
E para rematar, entrega de premios dos concursos celebrados ao longo deste trimestre, a cargo de Xairo e Noelia de 4º ESO:
Gañadora do XV Concurso de Cabazas e tamén gañadora do III Concurso de Haikus e Haigas contra a Violencia de Xénero, na categoría de 1º/2º ESO: Cristina, 1º ESO

Gañadoras do XV Concurso de Cabazas: Andrea e Carla, 2º ESO

Gañadora do III Concurso de Microrrelatos de Samaín na categoría de 1º/2º ESO: Alba, 1º ESO

Gañadora do III Concurso de Microrrelatos de Samaín na categoría de 3º/4º ESO: Yaiza, 4º ESO

Gañadora do III Concurso de Haikus e Haigas contra a Violencia de Xénero, na categoría de 3º/4 ESO: Lucía, 4º ESO

Moitas grazas pola vosa colaboración e entusiasta implicación!