domingo, 11 de novembro de 2018

HAIKUS e HAIHAS contra a Violencia Machista


O noso obxectivo é a sensibilización e a prevención da violencia, todos temos moito que dicir e facer para condenar o maltrato e asasinato de mulleres e nenas en todo o mundo.

Non fiquedes impasibles, participade, non caledes, expresádevos!

Club de Lectura

Mañá terá lugar o primeiro encontro do Club de Lectura. Escollemos para iniciar a nosa andaina a novela gráfica de Shaun Tan: Emigrantes.


Esta é unha obra fantástica, sorprendente, emotiva... Temos posta nela todas as expectativas. Quen queira compartir con nós a súa interpretación, aínda está a tempo.

Vémonos mañá no recreo!

martes, 6 de novembro de 2018

Encetamos novo curso...

Setembro é un mes de moito traballo e cando mudas o teu destino, aínda máis... Novo alumndo, novos compañeiros...parece que non se dá feito... Finalmente todo parece encauzado...xa en marcha con algunhas argalladas e con moitas ilusións.
O noso principal propósito é que participemos todos, todos nós temos moito que dicir, moito que contar e, sobre todo, moito que aprender.
Dámosvos a benvida a este espazo común a toda a comunidade educativa.

O Papalouzas tardou en chegar...mais xa está aquí de novo cos seus colegas!


xoves, 28 de xuño de 2018

DE CANDO XABIER P. DOCAMPO PETOU NA PORTA DO IES FONMIÑÁ

Imaxe tomada de http://bvg.udc.es
Nun mes de abril de hai unha ducia de anos, tivemos a sorte de recibir a Xabier Docampo e a Xosé Cobas, o seu ilustrador "de cámara". Viñan coa idea de nos pintar un conto e iso fixeronXabier narraba e Cobas pintaba, e os alumnos e alumnas alí presentes, colaboraban no desenvolvemento da historia. A actividade transcorrera no Salón de Actos da Casa da Cultura do Concello, porque daquela había pícaros dabondo para ocupalo enteiro e non había espazo físico para que collesen todos na biblioteca. Alí nos citamos con eles dous, chegaron puntuais coma reloxos e comezou a maxia...
Agora quédanos o debuxo de Cobas que enmarcamos como recordo daquela bonita xornada, e as palabras de Xabier, na memoria dos que estabamos alí, e nos seus libros que o Papalouzas garda na biblioteca con moito agarimo🐭📒📙📘 . Todos estes anos rapaces e rapazas de 1º e 2º de ESO puideron gozar de Cando petan na porta pola noite, O pazo baleiro ou O misterio das badaladas.  Grazas por aquel día, querido Xabier, que teñas unha boa viaxe.🍃🍃

venres, 15 de xuño de 2018

GRAZAS...

O ratiño Papalouzas e familia marchan de vacacións, e temos que recoñecer que as merecen ben despois dun curso traballando arreo na biblioteca coidando dos libros.
Milleiros de grazas a todos e todas pola vosa colaboración, boa disposición e interese cara a todas as actividades realizadas no espazo da biblioteca, na revista escolar e no blog 💜💛🐭🐭🐭🐭🐭

xoves, 14 de xuño de 2018

12 DE XUÑO, DÍA MUNDIAL CONTRA O TRABALLO INFANTIL

 Aproveitando que hai dous días se celebrou o Día Mundial contra o Traballo Infantil, dende este blog querémonos sumar á condena deste tipo de prácticas. A día de hoxe, 120 millóns de nenos entre 5 e 14 anos están sendo explotados.

Transmitimos a nosa solidariedade a todos estes nenos e nenas con este fermoso poema de Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017.

                           


 Buckets of Rain

Traballa de sol a sol.
Inda non sabe falar.
Cos seus ollos amarelos
só coñece o que é picar.

Rotos anacos de vida
no medio de Bangladesh.
As palmas das mans desfeitas,
de cor negra a súa pel.
                                                     
Bate con forza na pedra
 e non sabe nin quen é.
Esfarela a súa vida
desde que nace ao amencer.

mércores, 13 de xuño de 2018

E HOXE, LECTURA DRAMÁTICA

Os alumnos e alumnas de 1º de ESO sorprendéronos coas súas dotes dramáticas realizando interpretacións de clásicos do teatro español. Fragmentos de La casa de Bernarda Alba, Yerma, Historia de una escalera, El sí de las niñas, Eloísa está debajo de un almendro ou Tres sombreros de copa, foron as obras coas que estiveron traballando
  Admirade o talento dos nosos actores e actrices!🎭