xoves, 19 de outubro de 2017

A sempre inquietante PATRICIA HIGHSMITH...

Patricia Highsmith (1921-1995) foi unha autora norteamericana de novelas e relatos de suspense psicolóxico que foron levadas ao cine en varias ocasións.
Belén, profesora de Lingua e Literatura Galega e secretaria persoal do Papalouzas, vainos falar dunha das súas novelas máis coñecidas, El talento de Mr. Ripley (1955).  Tom Ripley é o personaxe máis coñecido da autora e acabou protagonizando cinco novelas entre 1955 e 1991.

Lin a novela haberá cousa duns oito anos. A historia vai dun rapaz, Tom Ripley, de condición social humilde que sobrevive con pequenos traballos en Nova York. A súa vida cambia cando o millonario Herbert Greenleaf lle propón que viaxe a Europa na procura do seu fillo Dickie, un neno de papá que xoga a ser pintor bohemio nunha vila da costa italiana. O pai quere que o convenza de que volte aos Estados Unidos e se faga cargo do negocio familiar. En canto Ripley chega aló e coñece ao caprichoso e vividor Dickie, fica abraiado co nivel de vida do rapaz e dos seus tamén ricos amigos e decide que esa vida tamén a quere para el e vai facer o que sexa necesario para conseguilo e cando digo "o que sexa", quero dicir.... iso mesmo. Tedes que lelo.

Gustoume esta novela especialmente pola ambigüidade e amoralidade do personaxe principal, Tom Ripley. Ripley é un home atractivo, encantador, amante da boa vida, de gustos refinados, moi intelixente, e ao mesmo tempo... un asasino frío, manipulador, mentireiro compulsivo, trepador social..., en fin, un individuo desprezable que irá deixando mortes ao seu paso, así que ollo se vos interpoñedes no seu camiño. Paradoxicamente, o personaxe non causa ningún rexeitamento no lector, máis ben o contrario, crea unha inquietante simpatía cara el que fai que dende o primeiro momento acabes poñéndote do seu lado. Un personaxe con esa complexidade psicolóxica e con tantas capas soamente pode saír dunha pluma mestra coma de Highsmith. Polo demais é unha obra de suspense en toda regra que vos animará a ler as demais novelas protagonizadas polo malévolo e irresistible Ripley.
   




Ningún comentario:

Publicar un comentario