Fixeramos aí atrás unha breve anticipación sobre o tema dos defuntos no mundo dos vivos na nosa reseña do relato "Esa estraña lucidez". Agora toca falar un pouco sobre outros títulos que temos na Biblioteca por se vos animades a lelos ou relelos no mes de Santos.
O Papalouzas preparou unha pequena selección para todos vós, premede nalgún título:
Tres clásicos da literatura anglosaxona: A Christmas Carol de Dickens, onde os tres espíritos do Nadal se lle aparecen ao avaro Scrooge; en The Canterville Ghost, do gran Oscar Wilde, quen o pasa mal é a pobre fantasma por culpa dos inquilinos americanos que van morar ao seu castelo; The Legend of Sleepy Hollow, un arrepiante relato de Washington Irving do que Tim Burton fixo unha xenial versión cinematográfica. Algúns destes tres títulos están tamén ao voso dispor en galego e en castelán.
Un autor galego que escribiu moitos relatos sobre aparecidos foi o lugués Ánxel Fole, de quen temos os seus volumes de relatos máis coñecidos: Á lus do candil, Contos da néboa e Historias que ninguén cre. Cando os les tes a sensación de que chos están contando ao pé da lareira, Ánxel fole mantén o estilo dos contos de medo tradicionais. Se sodes suxestionables ou vos mete medo calquera ruidiño pola noite, son perfectos!
Máis clásicos: se vos gustan historias ambientadas nos cemiterios, en lugares afastados ou protagonizadas polas ánimas de defuntos, tan propias do Romanticismo, gozaredes con "El monte de las ánimas" ou "Maese Pérez, el organista", dúas das Leyendas de Bécquer. Os amantes do terror romántico tedes que ler "Ligeia" , de Edgar Allan Poe.
Dous célebres cadáveres que voltan ao mundo dos vivos son Drácula, de Bram Stoker e Frankenstein, de Mary Shelley. Son innumerables as versións que se fixeron no cine sobre ambos os dous personaxes.
En clave de humor temos As crónicas do Sochantre, de Cunqueiro, onde o protagonista se pasea en dilixencia pola Bretaña acompañado de defuntos cos que entabla conversa.
E unha obra referente para esta data é o Don Juan Tenorio de José Zorrilla. Tradicionalmente represéntase cada 1 de novembro porque o acto final da obra ten lugar a noite de Todos os Santos.
Se aínda queredes máis entrade na web Galicia Encantada, á dereita deste blogue. Aí atoparedes unha chea de lendas e contos orais sobre aparecidos.
E despedímonos cunha encantadora defuntiña, Escarlatina. Ideal para os lectores e lectoras máis novos. Unha maneira de quitar ferro a algo tan cotián, natural e certeiro coma é a morte. Que vos presten!
Ningún comentario:
Publicar un comentario