sábado, 28 de outubro de 2017

ESA ESTRAÑA LUCIDEZ, un precioso relato de ultratumba.


O tema dos defuntos e a súa volta ao mundo dos vivos foi sempre un dos preferidos da literatura universal. Agora que nos achegamos ao mes de novembro, o tradicional mes dos Defuntos, aproveitamos para vos aconsellar a lectura de Esa estraña lucidez, un relato que forma parte dos dez recollidos no libro O único que queda é o amor, do recordado Agustín Fernández Paz.  Este libro foi merecedor do Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil no ano 2008 e é un dos libros en galego preferidos polos alumnos e alumnas do Fonmiñá.
O único que queda o amor fala do amor e do desamor en todas as etapas da vida, e hai algúns relatos (incluímos Unha historia de fantasmas) nos que os amantes retornan de entre os mortos.
Todos os relatos son marabillosos pero Esa estraña lucidez é o que máis nos gusta posto que narra unha tenra e triste historia de amor, con trazos propios do Romanticismo do XIX e cuxo narrador é... un can morto, que pasa as noites xunto ao seu amo, tamén morto, ao pé da ventá da muller amada. A morte concédelles esa prórroga durante un tempo...
As ilustracións de Pablo Auladell son perfectas para recrear estes amores. Que vos guste.


Ningún comentario:

Publicar un comentario