En novembro de 2007 saíu á venda nos Estados Unidos o primeiro dispositivo de lectura de libros electrónicos de Amazon, e tivo un éxito total. No noso país vai gañando cada vez máis terreo por varias razóns: ten un prezo asequible, podes almacenar nel moitos libros electrónicos, ocupa pouco espazo, é lixeiro, polo que se pode carrexar con comodidade nos bolsos, carteiras de traballo, petos e mochilas. Son prácticos para levar nas viaxes ou nos traxectos longos de metro e autobús nas grandes cidades. Con todo, hai xente que segue a preferir o cheiro e o tacto das follas dos libros tradicionais, decorar as súas estanterías con eles ou experimentar nas librarías ese pracer de descubrir novas lecturas a través dos libros de papel, algo que non se pode facer cun libro electrónico.
Monse, a Orientadora do noso centro, é unha entusiasta do Kindle e vai canda el a todas partes. De paso, vai aproveitar para nos falar dunha novela coa que gozou moito: El lector de Julio Verne de Almudena Grandes.
Lin este libro nas vacacións de Nadal do 2012. Enganchoume tanto que non podía deixar de lelo e remateino en tres tardes.
El lector de Julio Verne relata a historia de Nino, un rapaz de nove anos, fillo dun garda civil que vive nunha vila da serra de Xaén. Nino fai amizade con Pepe o Portugués, un forasteiro misterioso que vive nun vello muíño afastado.
Pepe convértese no seu amigo, no seu modelo a imitar, a través del coñece o mundo fascinante das novelas de aventuras que farán del unha persoa diferente do que se espera del coma fillo de garda civil. Pouco a pouco vai descubrindo unha realidade que ninguén lle quería contar: na serra estase a librar unha batalla contra os guerrilleiros de Cencerro. Paseniñamente Nino vai descubrindo quen é Pepe o Portugués.
Gustoume moito este libro porque nos mostra o valor de sentimentos coma a amizade, o amor, a convivencia, o compañeirismo e o respecto polas diferenzas ideolóxicas.
Recomendo esta novela porque é una lectura sinxela e apaixonante que baixo o punto de vista dun neno dános a coñecer os duros anos que se viviron durante a posguerra e nos achega á infancia dos nosos avós e pais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario