xoves, 26 de outubro de 2017

10 boas razóns para ler ANAGNÓRISE de María Victoria Moreno

 A Mª Victoria Moreno
dedícanselle as Letras
Galegas no 2018. 
1. O protagonista é un rapaz adolescente co que moitos de vós vos sentiredes identificados/as nalgúns momentos da novela (mesmo os que xa o fomos adolescentes hai moito tempo...)
2. É unha das novelas xuvenís preferidas polos mozos galegos e foi reeditada varias veces e traducida a varios idiomas.
3. O (des)amor está presente: o rapaz foxe da súa casa e deixa o instituto porque a súa moza lle rachou o corazón. Por que romperían?
4. De seguro que vos intriga que o protagonista realice unha viaxe cunha muller adulta descoñecida que o recolle na estrada.
5. Máis misterio aínda: a identidade da muller descoñecida do coche non se coñece ata o (inesperado) final.
6. Porque é unha novela de aprendizaxe, a medida que vai transcorrendo a viaxe, o rapaz vaise coñecendo a si mesmo grazas en parte á súa acompañante e a outras experiencias vividas.
7. Coñeceredes o significado da palabra anagnórise que dá título á novela.
8. Se vos gustou O vixía no centeo, Rebeldes ou As aventuras de Tom Sawyer, atoparedes afinidades entre os protagonistas destas historias e o de Anagnórise.
9. A autora da novela naceu en Estremadura, fixo o Bacharelato en Barcelona, realizou os estudos universitarios en Madrid e... escribía en galego! Desde que comezou a traballar de profesora en Galicia namorouse do noso idioma e converteuse nunha firme defensora da lingua e da cultura galegas.
10. Temos tres exemplares na Biblioteca agardando por vós e cada un diferente!



Ningún comentario:

Publicar un comentario