xoves, 26 de outubro de 2017

Lecturas entre costuras

  Covandonga, a profesora de Matemáticas, aparca uns minutos os logaritmos e as ecuacións, para nos aconsellar a lectura dunha novela de enorme éxito de crítica e de público, El tiempo entre costuras (2009), de María Dueñas. A novela foi traducida a máis de 25 idiomas e deu lugar á serie televisiva homónima que acadou grande audiencia. Por que che gustou?

Gustoume porque describe a coraxe e valentía dunha muller para saír adiante na España da posguerra, nun lugar descoñecido para ela, totalmente soa e con todo en contra. Ademais, unha boa parte do libro está ambientada na colonias do norte de África, o que me fixo recordar as batalliñas que sempre contou meu pai sobre a súa "mili" en Sidi Ifni, unha das derradeiras colonias españolas.

Lin o libro a comezos deste curso. No verán xa lera La templanza, da mesma autora, e quixen ler  a súa primeira novela, a que a converteu nunha escritora recoñecida.

Recomendo El tiempo entre costuras porque ademais de ser de lectura fácil e amena, entremestúranse temas de historia, amor, espionaxe... E por riba acaba ben, como a min me gusta. Ideal para vir contenta ao instituto o día seguinte.

Xa sabemos con que libros temos que agasallar a Cova, que sempre teñan final feliz! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario