mércores, 3 de novembro de 2021

Día do Lector e Lectora

Segundo o calendario de actividades relacionadas cos libros e coas lecturas, hoxe 3 de novembro conmemórase un día moi especial, o  Día do Lector e Lectora coincidindo co nacemento de Xosé Neira Vilas.

En Gres, na parroquia natal do escritor, hai unha convocatoria de lectura pública da súa obra Memorias dun neno labrego, como a Vila de Cruces non podemos ir, no IES Fonmiñá sumámonos a esta iniciativa lendo esta  mesma obra ao longo desta semana. Comezamos onte na Hora de Ler, hoxe no recreo na biblioteca e continuaremos mañá e pasado.

Grazas a todos os voluntarios e voluntarias pola vosa colaboaración! 


Noa e o atento público...
Zoe
Lucía ante os oídos atentos de varios voluntarios...
Lucas
Alexia 
                           A lectura compartida presta moito!

domingo, 24 de outubro de 2021

Día das Bibliotecas

 Queremos celebrar con toda a comunidade educativa o Día das Bibliotecas, convidándovos a participar coas vosas achegas na exposición Os dicionarios: onte e hoxe.

Ao carón da porta da biblioteca, no corredor, temos esta interesante exposición de dicionarios. Contamos con diversos exemplares: desde un da RAE do ano 1914, dicionarios temáticos: de refráns, de termos  xurídicos e administrativos; de distintos idiomas: galego,  inglés, francés, portugués; de linguas clásicas: latín e grego...

E para dar mostra dos máis actuais, temos os dicionarios online...

Podedes achegarvos á exposición durante a semana que vén. Gozaredes dos segredos que eles encerran e poderedes desvelar os significados máis ocultos.

Algúns compañeiros xa visitaron a exposición...

Alumnado de 1º ESO satisfacendo a súa curiosidade

Moitas grazas a todos e todas polas vosas achegas!



venres, 15 de outubro de 2021

Celebración literaria...

 Hoxe é un día moi especial para a literatura galega: acaban de outorgarlle o PREMIO NACIONAL  DE NARRATIVA 2021 ao escritor e xornalista Xesús Fraga coa obra Virtudes (e misterios).

Esta novela, o ano pasado, fora premiada co XXX Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor.

Está narrada desde a perspectiva dos emigrantes retornados, recolle as vivencias da avoa e a nai do autor que viviron en carne propia a emigración en Londres.

Moitas mulleres e familias galegas veranse reflectidas nestas páxinas.



LERLEREI xa está en marcha...

 Hoxe no recreo tivemos a nosa primeira e ansiada xuntanza. Xa temos o cómic Subnormal nas nosas mans...É esta unha historia real do acoso escolar recibido por Iñaki Zubizarreta, ex-xogador de baloncesto da ACB.

Saíu dese foxo no que estaba, grazas ao deporte... Hoxe en día segue loitando contra o bullying acudindo a colexios e institutos para impartir charlas e concienciar a alumnado e profesorado desta problemática.

Temos a certeza de que nos fará reflexionar a crueza deste relato! 

Entre todas e todos axudemos a crear climas saudábeis nas nosas aulas!

                        

Socorro dando a  agarimosa benvida e introducindo a obra...

A gran familia do LERLEREI, e aínda faltaban algúns e algunhas...

Gozade da lectura!

mércores, 13 de outubro de 2021

Lectura ao vivo co grupo XOGRAREI

Encetamos a andaina lectora cun novo grupo dentro do LERLEREI, o XOGRAREI. 
Durante a Hora de Ler do mércores 13 de outubro, un alumno e tres alumnas de 4º ESO foron á aula de 1º ESO, para ler unha lenda: "A moura da Tapada do Almestro" e un poema baseado nela, do libro Lendo lendas, digo versos; e na aula de 2º ESO, leron o primeiro relato "Falar" da obra Made in Galiza.

Daniel e Alexia ante os atentos oídos dos seus espectadores...

Lucía e Silvia poñendo ao descuberto o dilema de Clara, a protagonista do relato

Continuaremos informándovos das nosas lecturas...estade atentas e atentos...

Para quen queira botar un ollo, este libros témolos na biblioteca, estanvos agardando para facervos pasar un intre agradable.
                                           
                                               Moitas grazas lectores e lectoras! Ata a próxima!




xoves, 1 de xullo de 2021

Teatralizacións do Lerlerei


A finais de maio, para rematar coas nosas xuntanzas deste ano académico, as nosas alumnas e as nosas profes colaboradoras, teatralizamos dous dos relatos da obra de Xabier P. Docampo Contos de obxectos.

Este foi  o resultado despois do traballo de montaxe por parte de dúas das nosas alumnas lectoras. Gozade das representacións e animádevos a ler este e os restantes relatos da obra. Ben merecen a pena!

"A peseta"

"A máscara"

Gran entuasiasmo, gran traballo!
Moitas grazas a todas!



 


venres, 21 de maio de 2021

Semana das Letras Galegas: Xela Arias

 Este ano, o Día das Letras Galegas é dedicado a Xela Arias, poeta, tradutora e profesora de Lingua Castelá e Literatura en diferentes institutos galegos. Tamén traballou no Departamento de Creación e Investigación de Edicións Xerais de Galicia.

É autora dos poemarios Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003).

Realizou traducións ao galego de obras como Drácula de Bram Stoker, As bruxas de Roal Dahl, O gato Gaiado e a andoriña Señá: unha historia de amor de Jorge Amado, Contos ao teléfono de Gianni Rodari, entre outras.

Na semana previa ás Letras Galegas e durante esta semana, dende o Departamento de Lingua Galega demos a coñecer ao noso alumnado a figura transgrasora, inconformista e loitadora de Xela Arias. Vimos vídeos, escoitamos poemas musicados pola Banda da Loba, lemos poemas, resolvemos xogos...

Deixamos aquí mostra dalgúns dos recursos utilizados:

Telexornal Xela Arias
A banda da loba, Intempériome
A banda da loba, Dario a diario
Na páxina da Real Academia Galega podemos gozar duns vídeos moi interesantes:
Tamén deixamos dúas ligazóns de entretemento: 
Por outra banda, na entrada da biblioteca mantemos unha exposición coas súas obras,  algunha biografía e outros libros que analizan a súa obra poética:

Podes consulta o que precises...
Xela fixo poesía urbana, sacou a poesía á rúa, como nos amosa na súa obra Denuncia do equilibrio, e tamén en Intempériome; deste xeito, desde a comunidade educativa do IES Fonmiñá,  quixemos render unha homenaxe especial, cadaquén achegou os versos ou poema que máis lle prestou e sacámolos "á intemperie" nesta exposición:







Agardemos que a meteoroloxía nos sexa favorable para manter a exposición ata final do mes de maio... Aínda seguiremos achegando os nosos poemas favoritos, pois hai moitos...

Sen a vosa contribución isto non sería posible, moitas grazas!

venres, 23 de abril de 2021

Día do Libro

 Deixamos mostra do traballo do alumnado, en relación á celebración do 23 de abril. De maneira solidaria, compartiu as obras lidas recentemente ou outras que dalgún xeito espertaron o seu interese.

Son moitos os carteis recibidos, onde se recolle a portada da obra elexida, un fragmento desta e un slogan que convida á lectura, á activa aventura de viaxar sen saír da casa, tan necesaria sempre e nestes intres moito máis.




Moitas grazas a todos e todas polas vosas achegas!


venres, 26 de marzo de 2021

LERLEREI con Eva Mejuto

A tarde de onte foi do máis interesante, comezamos cun encontro virtual coa escritora Eva Mejuto. Conversamos sobre a súa obra lida neste trimestre: 22 segundos.

Contounos como foi xestando a novela, tamén soubemos que o personaxe principal ten moito de real. Falamos de cuestións como identidade de xénero,  das actividades 'tipicamente' masculinas ou femininas impostas pola sociedade...

Descubriunos algo que nós non percibiramos: mentres a personaxe é Xela, non está presente en toda a novela a marca de xénero; no momento en que o personaxe é Álex, xa temos o xénero masculino marcado.

Desvelounos algún segredo... que non contaremos e estaremos agardando...

Momento da conversa...

A continuación elaboramos as colaxes que caracterizan a todas as personaxes masculinas e femininas. 

Obradoiro de caligrafía artística...

Aquí tedes o resultado final:

Neste panel temos: un recorte do xornal,  un poema de Marica Campo con ilustración de Menchu Lamas, extraídos da obra Nós outras; e colaxes para caracterizar as personaxes.

Nestoutro panel continúan as colaxes e as frases que nos chegaron ao corazón...

E para rematar, unha merenda literaria ao aire libre, aproveitando os últimos raios de sol á caída da tardiña.

Repoñendo forzas...

Agora descansaremos uns días... Á volta de Semana Santa volveremos con outras propostas para rematar o trimestre e o curso.

Moitas grazas polo voso entusiasmo e implicación!

domingo, 21 de marzo de 2021

Día da Poesía

No curso pasado, por estas datas, estabamos no inicio do confinamento, con moita mágoa non puidemos celebrar este día...

Mais este ano, celebrámolo dun xeito moi especial. Comezamos de maneira anticipada, o xoves 18 de marzo visitounos, por terceira vez, Xurxo Mariño, para falarnos de "Poesía e ciencia". Parece difícil establecer relación entre ambos conceptos, pero convenceunos totalmente. 

Hai algo máis poético? Son estes algúns exemplos...entre outros.

- "Estamos feitos de po de estrelas", ten unha explicación científica, todo o que está sobre a terra forma parte dos asteroides que deron lugar a formación dos planetas...

- "Teño no peto os raios do sol", pois claro...se gardo nel un fragmento de carbón (mineral), este formouse cos raios de sol que incidiron nas plantas fosilizadas que o compoñen...

Mostra dos minerais ( ferro, carbón, granito, cuarcita...) dos que fixo poesía...

Entre os rapaces e rapazas amosando o mineral de ferro...

Ensinando o granito e os seus compoñentes...

O que ten na man é o carbón (mineral)...

Un bifaz de cuarcita de miles de anos...

Mesmo entregou diplomas ás alumnas de 2º ESO que difundiran a ciencia polas aulas do IES Fonmiñá o 11 de febreiro, Día da Nena e da Muller na Ciencia.

_________________________________________

Na semana do 22 ao 26 de marzo, aínda seguimos rendendo homenaxe á poesía, xénero literario ao que, por veces, nos achegamos con certas reservas. Aquí deixaremos mostra dos distintos traballos realizados nas materias de Lingua e Literatura Castelá (1º, 2º e 4º) e Lingua e Literatura Galega (1º, 2º, 3º e 4º).

O alumnado de 1º e 2º elaborou "Poemas revelados", partían de textos poéticos e en prosa das Sinsombrero (Luísa Carnés, Federica Montseny, Ernestina de Champourcín, Carmen Conde, María Moliner, Silvia Mistral, Rosa Chacel, Concha Méndez, María Zambrano, Mª Teresa León e Josefina de la Torre) e de poetas actuais (Elvira Sastre, Patricia Benito, Olga Buho) , neles seleccionaban palabras clave para compor outro poema, e finalmente, agochaban o resto do texto ben tachando con rotulador negro ou ben cun debuxo que tivese relación co novo poema creado.

"Poemas revelados" de 1º e 2º ESO

O alumnado de 4º realizou a mesma actividade, mais con poemas das Sinsombrero (as alumnas) e con poemas dos poetas da Xeración do 27 (os alumnos).


Na materia de Lingua e Literatura Galega, o alumnado de todos os grupos elaborou un "Foto-poema", sacaron fotos da súa contorna e crearon cadanseus poemas inspirados na fotografía.


"Foto-poemas" de todos os grupos

Grazas a todas e todos pola vosa implicación!
 

                              

venres, 5 de marzo de 2021

LERLEREI ao sol

 Hoxe reunímonos para comentar a obra lida durante este trimestre: 22 segundos de Eva Mejuto.

Tiñamos unha encomenda: destacar o personaxe máis significativo da obra e o motivo da nosa escolla.

 Moitas de nós coincidimos na selección: o avó Ramón, entrañable coma todos os avós; aínda habendo unha gran distancia xeracional entre el e o seu neto, comprende e apoia todo o que el fai, e mesmo lle axuda a tomar decisións importantes na súa vida.

A nosa conversa centrouse na valoración de personaxes: avó, Anxo, Álex, Ana...

Coa atención centrada en...

Preparamos unha actividade colectiva, repartimos ao chou personaxes escritos en papeliños de cores, devolverémolos escritos con calidades dos e das personaxes que nos tocaran; cando os teñamos todos, elaboraremos un mural coas nosas valoracións.

Tamén recolleremos da obra frases célebres para nós, por exemplo: "O que non se di é coma se non existise"

As alumnas de 1º escollendo papeliños de cores...

Matilde recollendo cores...

Alicia busca a súas cores favoritas...

As alumnas de 4º apañando papeis...

Até a próxima reunión! Moitas grazas pola vosa implicación!

mércores, 24 de febreiro de 2021

Día de Rosalía de Castro

Hoxe 24 de febreiro, non podía ser doutro xeito, festexamos o aniversario da nosa escritora; para iso a nosa biblioteca vestiu a súas mellores galas para recibir a toda a comunidade educativa. Recitamos unha boa selección de poemas de diversas temáticas (intimista, costumista, amorosa e social), en castelán e en galego, e das obras Cantares gallegos, Follas novas e En las orillas del Sar; con eles enchemos o centro de sentimentos, paixóns e reivindicacións, nun día tan especial para as Letras Galegas.

Fixemos gravacións que publicaremos en breve na nosa canle Radio Escolar Fonmiñá. Aquí tedes unha pequena selección fotográfica de distintos momentos da xornada poética.

A camelia, xa é coma se fose unha flor autóctona...

Cristina e Xurxo recitando o eterno poema "Negra sombra"

Brais lendo con calma... e escoitando as campanas de Bastabales

Cristina, convencéndonos de que as "plantas hablan"

Bárbara dominando o escenario, asegurándonos que  "naseu cando as plantas nasen"

Maruxa loando a fermosa paisaxe galega...

Lorena pechando o recitado co poema final de Cantares gallegos, pedindo desculpas pola falta de "grasia" pero enxalzando o "sentimento" mostrado...

Lucía amosando a dureza da emigración, xunto cos seus compañeiros, os técnicos de radio (Pablo, Álex e Xairo)

Moitas grazas a alumnado, profesorado, persoal non docente e persoal da limpeza; e en especial aos tres  profesionais técnicos de radio: Pablo, Álex e Xairo.