mércores, 8 de novembro de 2017

Novembro, MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

Dende o 2014, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén propoñendo a celebración do mes de novembro como Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, tamén nas bibliotecas escolares. Cada ano pídese a un científico ou a unha científica do país a redacción dun manifesto que se edita e distribúe a través dos medios web das bibliotecas. A matemática Peregrina Quintela Estévez, Premio María Joséfa Wonenburger Planells" 2016, foi a encargada de escribir o manifesto deste ano 2017  (premede na palabra "manifesto" para lelo)

Para todos os que queirades información sobre libros sobre ciencia editados en lingua galega premede acó. E se precisades de material de traballo premede na mesma palabra.





martes, 7 de novembro de 2017

OS DOUS DE SEMPRE, a historia dunha amizade por riba de todo.

Afonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950) é se cadra xunto con Rosalía de Castro, un dos autores máis icónicos da literatura galega. Desenvolveu con brillanteza as súas tres facetas máis coñecidas: a política, a arte e mais a literatura, sobresaíndo nesta última cos seus relatos curtos sempre acompañados de ilustracións propias, que podemos admirar practicamente no resto da súa obra en prosa e na dramática.
Os dous de sempre é a súa única obra narrativa extensa publicada por primeira vez en 1934 na Editorial Nós e Blanca, a P.T., quérenos falar un chisco deste libro que leu sendo unha universitaria.

 Gústame este libro porque Castelao reflicte nel a sociedade daquela época. Fálanos da emigración, do cacique da vila, das diferencias sociais... Os protagonistas principais son Rañolas e Pedriño; Rañolas  é traballador, idealista, enxeñoso e loitador; Pedriño é un lacazán, non ten vontade, danlle todo feito, déixase levar..., o que chamariamos unha "miñaxoia", para ser feliz chégalle con ter o bandullo cheo. Rañolas sen a axuda de ninguén logra a súa meta, pero aínda así non acada a felicidade.
Parecería que por carácter e por condición social non estaban destinados a ser amigos, con todo a súa amizade mantívose ata o final.
Os dous de sempre foi un dos primeiros libros que lin en galego, a miña lingua materna e a do meu contorno.
Non tiven coñecemento da literatura galega ata que fun universitaria. Ata daquela a única autora galega da que tiña referencia era Rosalía de Castro, pero dentro do Romanticismo español. Hoxe chama a atención este feito pero daquela, aínda que unha gran maioría de galegos tanto no rural coma no urbano expresabámonos en galego, isto non se reflectía no ensino. Xamais, ata que cheguei aos estudos superiores, tiven un profesor que se expresase en galego co alumnado. O galego era pouco recoñecido socialmente, as elites utilizaban o castelán. Hoxe en día unha parte importante de galegos len e escriben en galego e teñen coñecemento da literatura galega, mais non empregan esta lingua na fala, onde está a retroceder. Por que? Isto dá para unha reflexión en profundidade.
Recomendo Os dous de sempre porque é un libro moi entretido e que engancha. Nel vemos reflectida a sociedade galega da época, pero que non deixa de reflectir a actual (emigración, caciquismo...)
Quen, despois de ler esta obra, non lle pon nome aos Rañolas e aos Pedriños do seu contorno?

luns, 6 de novembro de 2017

COUSAS DE NENOS...


As apariencias enganan. Os libros de boas maneiras ás veces non son o que din ser. Se estes días vedes nas librarías un manual con cuberta rosada e un título modosiño coma Chiquilladas,  non vos fiedes... Na forma imita os libros pedagóxicos da primeira metade do século XX e as fermosas ilustracións "retro" de Gérard Dubois completan o atractivo. Os protagonistas do libro son picariños de apariencia adorable mais... menudos anxiños!
Estamos ante un libro de humor negro e divertidísimo que retrata trasnadas atemporais de todos os nenos e nenas de calquera época.
Os cativos boíños na literatura aburren; os trastes e os subversivos, fannos rir, lembrade a Guillerme Brown, Miguel o Traste, Mafalda, Pippi Langstrump...
Estamos ante un "antimanual" de boas maneiras que foi premiado na Feira de Bolonia de 2016 .  Pode ser un bonito agasallo para quen guste das historias transgresoras e das ilustracións estilo vintage.

Amosámosvos abaixo algunhas das ocorrencias destes nenos tan "riquiños".

domingo, 5 de novembro de 2017

MEMORIAS DUN NENO LABREGO, o "best-seller" da literatura galega.

A novela de Xosé Neira Vilas (1928-2015) chegou no ano 2015 á súa 35 edición na Editorial Galaxia, vendeu máis de 600000 exemplares e foi traducida a varios idiomas.  Marcou a moitas xeracións de galegos que se viron identificados co entrañable Balbino, aquel neno pobre da aldea que se definía a si mesmo coma un ningúen.
Maruxa, a nosa administrativa, ségueo considerando un dos seus libros favoritos. Ela mesma cóntanos por que.
Lin a novela no ano 1980, cando facía 1º de Maxisterio en Lugo. Memorias dun neno labrego é unha novela escrita no ano 1961 por Xosé Neira Vilas cando estaba no exilio. Fillo de labregos, con vinte anos emigrou a Bos Aires pero sempre estivo moi comprometido coa súa sociedade, coa xente da súa clase e dun xeito especial, coa súa lingua e a súa cultura.
O protagonista desta novela é un neno da aldea, Balbino, que coas súas vivenzas reflicte a realidade social e o vivir de moitas aldeas galegas no tempo da Guerra Civil e nos primeiros anos da posguerra. 
Este libro gustoume moito no momento en que o lin (e que me segue gustando) porque eu tamén fun unha nena da aldea, unha aldea moi parecida á de Balbino, co que me identifico en moitas das súas vivenzas e pensamentos. Tamén me gusta porque está escrito en lingua galega, a lingua que eu mamei e que por desgraza tardei anos en vela reflectida na escrita. Foi o primeiro libro que lin en galego, o que me causou moita señardade.
Recomendo a lectura das Memorias dun neno labrego  porque nunca está de máis meterse na pel dun neno da aldea. 

venres, 3 de novembro de 2017

Novidades! CUENTOS DE BUENAS NOCHES PARA NIÑAS REBELDES

Temos na Biblioteca dende hai uns días un libro que fala da vida de 100 mulleres valentes -e reais- relatadas a modo de contos infantís para durmir e acompañadas polos debuxos de sesenta ilustradoras.
Publicado orixinalmente en 2016 nos Estados Unidos, xa leva vendidas un millón de copias. En setembro deste ano saíron as edicións en castelán e en catalán.
As autoras deste volume son dúas italianas afincadas en Silicon Valley (California), a xornalista Elena Favilli e a dramaturga Francesca Cavallo que sacaron o proxecto adiante por medio de doazóns en internet (crowdfunding).  O éxito foi tan grande que xa están a preparar unha segunda parte.
Son historias de científicas, políticas, deportistas, aventureiras, raíñas, premios Nobel... ata de espías e piratas!
Sóanvos Marie Curie, Serena Williams, Malala, Coco Chanel, Hipatia de Alexandría ou Michelle Obama? Son uns poucos exemplos das mulleres que protagonizan estes contos. Hai moitas máis.
As autoras sufriron tamén os atrancos dun entorno machista que rexeitaba publicar biografías de mulleres, por ese motivo tiveron que botar man das doazóns.
A mensaxe da dedicatoria calou fondo: "Soñade en grande, aspirade a máis, loitade con forza, E, ante a dúbida, lembrade: tedes razón."
En fin, está na Biblioteca, e non esquezades que as mulleres ordinarias tamén poden ser extraordinarias (Papalouzas dixit).

xoves, 2 de novembro de 2017

CARTA A UN MALTRATADOR

A escusa foi un certame organizado polo Concello de Lalín, "Dillo a quen maltrata". Nas aulas de Lingua Galega aproveitamos para que alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO traballase sobre o tema coma unha tarefa máis de redacción e de paso, de concienciación social. Houbo algúns alumnos e alumnas que se animaron a enviar a súa carta ao concurso. Oxalá haxa moitas de toda Galicia...
Dende a Biblioteca querémonos sumar á condena da violencia machista coa lectura en voz alta dunha das cartas. Seleccionamos a de Claudia, alumna de 3º de ESO, que realizou a lectura coa colaboración doutros compañeiros e compañeiras seus.


CARTAS A THEO, os desexos, paixóns, obxectivos e desilusións de VINCENT VAN GOGH

O xénero epistolar entra neste blogue por primeira vez da man de Matilde, a profesora de Educación Plástica e Visual que nos amosa nesta completa reseña, a importancia das Cartas a Theo nos seus gustos literarios e no seu traballo.

Cartas a Theo recolle, como anuncia o seu título,  parte da correspondencia que o pintor Vincent Van Gogh mantivo co seu querido irmán  entre 1872 e 1890, ano no que faleceu traxicamente.
Lino por primeira vez recén chegada á facultade. Nos anos de instituto coñecera os seus cadros nos libros de arte e gustábanme moito!! Así que saber deste libro foi todo un achádego.
Cartas a Theo gustoume porque nos achega a Vincent, á persoa: algúen en busca permanente e pouco comprendido no seu entorno. Moito me deu que pensar sempre o feito de que na súa vida só vendese un cadro e que fose despois de morrer cando empezou a recoñecerse a súa obra.
Pódese recomendar a lectura deste libro por moitas razóns: porque aprendemos de pintura, da época na que vivía... pero sobre todo porque coñecemos a súa vida contada por el mesmo; estaba chamado a ser pintor e tivo a vontade de acadar esa meta aínda que o camiño fose duro. Amaba a vida no campo e a natureza e os seus veciños foron os elementos cos que teceu a súa traxectoria.
O feito de que sexan cartas, pequenas unidades narrativas, favorece que podamos ler tamén de xeito interrumpido o libro e volver a el de cando en cando a conversar con Vincent.