venres, 9 de febreiro de 2018

BO ENTROIDO!

 Ilustración de Mª Anxos Corredoira Díaz

O Papalouzas e familia desénxavos que pasades uns moi felices días de Entroido, nos que vos disfracedes, comades ben, riades moito e.... leades algunha cousiña entre o cocido, as filloas e as orellas. Hai tempo para todo! 🎉🎊
Velaí vos van unhas copliñas para que vos vaiades animando:


Ven Antroido, ven axiña
con máscara e barullo
pra poder brincar coas mozas
e pra encher ben o bandullo.

Delgadiña, delgadiña
quen te vestiu de gorda,
con careta e sen careta
a fame ben se che nota.

xoves, 8 de febreiro de 2018

FRIDA KAHLO, CORES NA NEVE

Querémoslle dar unha notiña de cor a tanto branco⛄⛄⛄, que tamén nos gusta, como negalo :) Para non desentoar coa paisaxe exterior, Matilde mantén o fondo branco para nos recomendar dende o Departamento de Plástica, o Diario de Frida Kahlo, a famosa pintora mexicana, agora convertida nunha icona que aparece en tazas, bolsas, camisetas, suadoiros, cadernos...
  Neste diario ilustrado refléctense os derradeiros dez anos da turbulenta vida desta artista. Nel atoparedes os pensamentos, soños e poemas de Frida, así como as reflexións sobre a súa tormentosa relación co seu home, o pintor e muralista Diego Rivera.
 As 70 acuarelas, bocexos e autorretratos amosan o proceso creativo da pintora mexicana, que acudía a miúdo ao seu diario para desenvolver as ideas que despois plasmaría nos lenzos.
Vendo a portada xa entran ganas de follealo 📕

mércores, 7 de febreiro de 2018

Exposición PREMIOS MARÍA WONENBURGER PLANELLS

Noutro día máis de nevaradas ⛄ o noso ratiño libreiro 🐭 estivo coidando dunha exposición que hai no corredor xusto enfronte da biblioteca, a dos Premios María Wonenburguer Planells. Grazas á mediación do Departamento de Matemáticas, a Secretaría de Igualdade da Xunta de Galica, cedéunola por uns días ao noso centro. É unha moi bonita maneira de conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que ten lugar o 11 de febreiro.
Con esta exposición itinerante preténdese visibilizar as investigadoras galegas que están a triunfar no campo científico-tecnolóxico. Lamentablemente a día de hoxe, a igualdade entre mulleres e homes no campo da ciencia segue sen existir e non pola falta de talento delas :(
Na aula de Matemáticas estanse a aproveitar estes paneis con información sobre as nosas mulleres científicas para realizar unhas interesantes actividades: a partires de termos da sucesión de Fibonacci, da realización dunha ecuación ou dos valores numéricos dun polinomio, os alumnos e alumnas poderán adiviñar que panel contén a información requerida. Xenial!


martes, 6 de febreiro de 2018

UNHA PAUSIÑA

Aproveitando esta xornada de neve ⛄, co instituto baleiro de rapazada e despois dunhas semanas de moito choio (elaboración de dicionarios, obradoiros literarios e máis cousas) o Papalouzas e familia toman un merecido descanso e non hai nada coma uns suculentos queixos para recobrar as forzas. 🐭🐭🐭🍞

luns, 5 de febreiro de 2018

CONCILIACIÓN ENTRE A VIDA PROFESIONAL E A PERSOAL NAS MULLERES

 De esquerda a dereita: Carla, Tania, Alba, Verónica e Ainoa.
Un grupo de alumnas de 4º de ESO realizaron para a materia de Matemáticas unha completa entrevista a Alba Carballo, unha "ex-celente" ex-alumna do IES Fonmiñá, nada na Rigueira, que optou tamén polas matemáticas para a súa carreira profesional. Segundo lles explicou, os estudos de Enxeñaría Matemática resultáronlle duros xa que as matemáticas da ESO e do Bacharelato son moito máis prácticas e na carreira, máis teóricas e abstractas.
Tamén lles contou que estivo de Erasmus en Inglaterra e que foi unha boa experiencia para ela aínda que estrañaba a súa terra e a súa familia. Rematados os estudos universitarios, Alba realizou o máster de profesorado en Madrid coa idea de cumprir o seu soño: ser profesora de Matemáticas na Ensinanza Secundaria porque considera que así terá máis tempo libre para a súa vida persoal, ao contrario que outras compañeiras súas da carreira, que traballan moitas horas en empresas privadas. As prácticas realizounas no IES Fonmiñá.
Actualmente Alba está a realizar o doutoramento ao que lle dedica moitas horas ao día e moita paciencia ao tempo que imparte aulas na universidade.
Así mesmo, as nosas alumnas amosáronlle unha gráfica cuns valores significativos sobre a desigualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Para ela é moi difícil compaxinar unha vida laboral intensa coa vida familiar pero tamén coñece xente capacitada para facelo, tanto homes coma mulleres. Por outra banda na universidade nunca notou ningún trato discriminatorio con respecto aos seus compañeiros masculinos pero segue a preferir a docencia no ensino secundario.

Sorte, Alba! Que se cumpran os teus desexos!

venres, 2 de febreiro de 2018

ADEUS A ISIDRO NOVO

Onte finou o escritor lugués Isidro Novo (Lugo, 1951-2018) e este nevado venres queremos facerlle unha pequena homenaxe na biblioteca. Foi un destacado novelista e poeta e tamén escribiu literatura infantil e xuvenil, chegando a ser finalista do premio O Barco de Vapor en 1994 coa súa obra Teaza de Brétema. Ademais do seu labor literario, Isidro Novo destacou  como investigador do noso patrimonio oral na AELG,  participaba sempre nas Xornadas de Literatura de Tradición Oral que se celebran en Lugo cada ano e noutras actividades relacionadas coa recuperación do noso idioma e as nosas tradicións. No centro temos a sorte de ter algúns exemplares do seu  traballo. Descansa en paz.

xoves, 1 de febreiro de 2018

VERSOS ADHESIVOS...

Para facer poesía serve calquera soporte. Que fariades se quixésedes ter un adhesivo personalizado coas vosas reflexións íntimas, cotiás ou coas vosas reivindicacións? Lembrade que o espazo é limitado, polo que a mensaxe ten que impactar ben na nosa vista e lucir bonita con cores e tipografías divertidas. Antía Otero encargouse de novo de facer crear aos nosos rapaces e rapazas cousas incribles, desta volta aos de 2º, 3º e 4º de ESO.
 Que vos parece se nun futuro non moi lonxe creamos uns adhesivos coas algunhas das súas creacións?


 A Terra Chá é terra de poetas...