martes, 31 de outubro de 2017

ASUNTOS DE DEFUNTOS...

Fixeramos aí atrás unha breve anticipación sobre o tema dos defuntos no mundo dos vivos na nosa reseña do relato "Esa estraña lucidez". Agora toca falar un pouco sobre outros títulos que temos na Biblioteca por se vos animades a lelos ou relelos no mes de Santos. 
O Papalouzas preparou unha pequena selección para todos vós, premede nalgún título:


Tres clásicos da literatura anglosaxona: A Christmas Carol de Dickens, onde os tres espíritos do Nadal se lle aparecen ao avaro Scrooge; en The Canterville Ghost, do gran Oscar Wilde, quen o pasa mal é a pobre fantasma por culpa dos inquilinos americanos que van morar ao seu castelo; The Legend of Sleepy Hollow, un arrepiante relato de Washington Irving do que Tim Burton fixo unha xenial versión cinematográfica. Algúns destes tres títulos están tamén ao voso dispor en galego e en castelán.


Un autor galego que escribiu moitos relatos sobre aparecidos foi o lugués Ánxel Fole, de quen temos os seus volumes de relatos máis coñecidos: Á lus do candil, Contos da néboa e Historias que ninguén cre. Cando os les tes a sensación de que chos están contando ao pé da lareira, Ánxel fole mantén o estilo dos contos de medo tradicionais. Se sodes suxestionables ou vos mete medo calquera ruidiño pola noite, son perfectos! 



Máis clásicos: se vos gustan historias  ambientadas nos cemiterios, en lugares afastados ou protagonizadas polas ánimas de defuntos, tan propias do Romanticismo, gozaredes con  "El monte de las ánimas" ou "Maese Pérez, el organista", dúas das Leyendas de Bécquer. Os amantes do terror romántico tedes que ler "Ligeia" , de Edgar Allan Poe.

Dous célebres cadáveres que voltan ao mundo dos vivos son Drácula, de Bram Stoker e Frankenstein, de Mary Shelley. Son innumerables as versións que se fixeron no cine sobre ambos os dous personaxes.
En clave de humor temos As crónicas do Sochantre, de Cunqueiro, onde o protagonista se pasea en dilixencia pola Bretaña acompañado de defuntos cos que entabla conversa.

E unha obra referente para esta data é o Don Juan Tenorio de José Zorrilla. Tradicionalmente represéntase cada 1 de novembro porque o acto final da obra ten lugar a noite de Todos os Santos.

Se aínda queredes máis entrade na web Galicia Encantada, á dereita deste blogue. Aí atoparedes unha chea de lendas e contos orais sobre aparecidos.

E despedímonos cunha encantadora defuntiña, Escarlatina. Ideal para os lectores e lectoras máis novos. Unha maneira de quitar ferro a algo tan cotián, natural e certeiro coma é a morte. Que vos presten!

  





CONCURSO DE CABAZAS OUTONO 2017

O nivel foi tan bo este ano que aos membros do xurado, Cris, Tata, Manuel, Monse, Maruxa e Susana, costoulles bastante traballo decidir cales eran as mellores. Os alumnos e alumnas de 3º de ESO acapararon todos os premios. Parabéns aos gañadores e por suposto, moitas grazas a todos por participardes!
1º Premio:  "Papalouzas", de Mª Anxos Corredoira Díaz e Nair Machado Losada (3º ESO)


2º Premio:  "O bosque dos mortos", de Claudia Rivas Seivane (3º de ESO)


3º Premio:  "A serea", de María Pollán Díaz (3º de ESO)



Accésit 1: " O mausoleo", de Martín López González e Diego Seco Barreira (3º de ESO)


Accésit 2: "Formiga radar", de Iago Álvarez Vidueira (3º de ESO)


Accésit 3:  "A Máis Grande", de Pablo Alonso Cordero (3º de ESO)









                                                                                                                                                                     




domingo, 29 de outubro de 2017

"...o máis fermoso é ao mesmo tempo o máis fráxil..." (MARIA GRIPE, Os fillos do vidreiro)

 Maria Gripe (1923-2007)  foi galardoada en 1974 co Premio Hans Christian Andersen, o máis prestixioso da literatura para nenos. A escritora sueca é todo un referente na literatura infantil.
Un dos seus libros máis coñecidos, traducido ao castelán como Los hijos del vidriero, foi o escollido por Mónica, profesora de Tecnoloxía, para falarnos del. Conta a historia de Klas e Klara, fillos dun matrimonio pobre pero feliz. Un día, os nenos desaparecen misteriosamente nunha feira. Foran secuestrados polo Señor da Cidade de Todos os Desexos para que fagan feliz a súa sempre desgrazada muller. Poderán voltar a casa?

Lin o libro hai trinta anos, cando estaba en 6º ou 7º de EXB (o actual 1º de ESO) Mandáranolo ler a profesora de Lingua. Non me lembro exactamente da historia pero si que me gustaba moito lelo ás noites cando ía para a cama. Era moi entretido e facíame participar na historia que contaba, e esperaba que tivese un final feliz.
Recomendo Los hijos del vidriero porque conta unha historia de sentimentos sans e fala da importancia dos lazos familiares, independentemente do interese económico, tan en auxe hoxe en día.


sábado, 28 de outubro de 2017

ESA ESTRAÑA LUCIDEZ, un precioso relato de ultratumba.


O tema dos defuntos e a súa volta ao mundo dos vivos foi sempre un dos preferidos da literatura universal. Agora que nos achegamos ao mes de novembro, o tradicional mes dos Defuntos, aproveitamos para vos aconsellar a lectura de Esa estraña lucidez, un relato que forma parte dos dez recollidos no libro O único que queda é o amor, do recordado Agustín Fernández Paz.  Este libro foi merecedor do Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil no ano 2008 e é un dos libros en galego preferidos polos alumnos e alumnas do Fonmiñá.
O único que queda o amor fala do amor e do desamor en todas as etapas da vida, e hai algúns relatos (incluímos Unha historia de fantasmas) nos que os amantes retornan de entre os mortos.
Todos os relatos son marabillosos pero Esa estraña lucidez é o que máis nos gusta posto que narra unha tenra e triste historia de amor, con trazos propios do Romanticismo do XIX e cuxo narrador é... un can morto, que pasa as noites xunto ao seu amo, tamén morto, ao pé da ventá da muller amada. A morte concédelles esa prórroga durante un tempo...
As ilustracións de Pablo Auladell son perfectas para recrear estes amores. Que vos guste.


venres, 27 de outubro de 2017

Por que é unha boa idea ler EL CAMINO?

Porque o seu autor, Miguel Delibes (1920-2010) foi un dos máis prestixiosos prosistas en lingua castelá do século XX  e gañou os premios máis importantes da literatura española (Premio Nadal, Premio de la Crítica, Premio Nacional de las Letras Españolas, Premio Cervantes).
El camino (1950) conta a historia dun neno, Daniel el Mochuelo, que se traslada á cidade a estudar o bacharelato. Unha noite antes de partir lembrará todo o que viviu nese lugar, amigos, peripecias, e descubrirá que o seu camiño é a súa propia aldea.
Luis, o profesor de Inglés, foi unha novela que lle gustou moito e dános as súas razóns:

Lin o libro cando tiña 12-13 anos. Gustoume porque nos libros pódense atopar marabillosas historias e aventuras que en moitos casos deixan pequena a vida real, tan aburrida e monótona a maioría das veces.
Recoméndoo porque calquera rapaz que o lea hoxe en día gozará dunhas páxinas cheas de temas atemporais como a amizade, o amor, a morte... En fin, un libro para todas as idades e todos os momentos.

xoves, 26 de outubro de 2017

10 boas razóns para ler ANAGNÓRISE de María Victoria Moreno

 A Mª Victoria Moreno
dedícanselle as Letras
Galegas no 2018. 
1. O protagonista é un rapaz adolescente co que moitos de vós vos sentiredes identificados/as nalgúns momentos da novela (mesmo os que xa o fomos adolescentes hai moito tempo...)
2. É unha das novelas xuvenís preferidas polos mozos galegos e foi reeditada varias veces e traducida a varios idiomas.
3. O (des)amor está presente: o rapaz foxe da súa casa e deixa o instituto porque a súa moza lle rachou o corazón. Por que romperían?
4. De seguro que vos intriga que o protagonista realice unha viaxe cunha muller adulta descoñecida que o recolle na estrada.
5. Máis misterio aínda: a identidade da muller descoñecida do coche non se coñece ata o (inesperado) final.
6. Porque é unha novela de aprendizaxe, a medida que vai transcorrendo a viaxe, o rapaz vaise coñecendo a si mesmo grazas en parte á súa acompañante e a outras experiencias vividas.
7. Coñeceredes o significado da palabra anagnórise que dá título á novela.
8. Se vos gustou O vixía no centeo, Rebeldes ou As aventuras de Tom Sawyer, atoparedes afinidades entre os protagonistas destas historias e o de Anagnórise.
9. A autora da novela naceu en Estremadura, fixo o Bacharelato en Barcelona, realizou os estudos universitarios en Madrid e... escribía en galego! Desde que comezou a traballar de profesora en Galicia namorouse do noso idioma e converteuse nunha firme defensora da lingua e da cultura galegas.
10. Temos tres exemplares na Biblioteca agardando por vós e cada un diferente!



Lecturas entre costuras

  Covandonga, a profesora de Matemáticas, aparca uns minutos os logaritmos e as ecuacións, para nos aconsellar a lectura dunha novela de enorme éxito de crítica e de público, El tiempo entre costuras (2009), de María Dueñas. A novela foi traducida a máis de 25 idiomas e deu lugar á serie televisiva homónima que acadou grande audiencia. Por que che gustou?

Gustoume porque describe a coraxe e valentía dunha muller para saír adiante na España da posguerra, nun lugar descoñecido para ela, totalmente soa e con todo en contra. Ademais, unha boa parte do libro está ambientada na colonias do norte de África, o que me fixo recordar as batalliñas que sempre contou meu pai sobre a súa "mili" en Sidi Ifni, unha das derradeiras colonias españolas.

Lin o libro a comezos deste curso. No verán xa lera La templanza, da mesma autora, e quixen ler  a súa primeira novela, a que a converteu nunha escritora recoñecida.

Recomendo El tiempo entre costuras porque ademais de ser de lectura fácil e amena, entremestúranse temas de historia, amor, espionaxe... E por riba acaba ben, como a min me gusta. Ideal para vir contenta ao instituto o día seguinte.

Xa sabemos con que libros temos que agasallar a Cova, que sempre teñan final feliz! 

mércores, 25 de outubro de 2017

I CONCURSO DE RELATO CURTO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ


A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de A Coruña e a Asociación de Escritoras e  Escritores en Lingua Galega o I Concurso de Relato Curto "Agustín Fernández Paz" coa finalidade de promover a literatura infantil e xuvenil en lingua galega e homenaxear, ao tempo, unha das súas figuras máis representativas.


  • Poderán participar no concurso todas as persoas interesadas en escribir para público infantil e xuvenil en lingua galega. Os textos deberán ser inéditos.
  • As obras que se presenten terán un máximo de cinco páxinas mecanografadas a espazo e medio. Non obstante, o xurado podería reconsiderar este criterio se a temática ou o necesario desenvolvemento do argumento así o requirise.
  • Os/as participantes enviarán o texto en formato pdf por correo electrónico ao seguinte enderezo: candolernonserve@gmail.com
  • A persoa autora da obra premiada recibirá un vale da libraría Moito Conto por valor de 150 €. Así mesmo, o relato gañador será exhibido nun espazo público da Facultade de Ciencias da Educación.
  • Se queredes ler as bases completas premede acó

martes, 24 de outubro de 2017

O Libro dos Libros

Transmisora da palabra de Deus, segundo as tradicións xudía e cristiá, a Biblia é a base de moitos temas presentes na literatura occidental, especialmente os que aparecen no Xénese e no Cantar dos Cantares.
Queque, o profesor de Relixión vainos explicar os motivos polos que é o seu libro de referencia:

Leo cada día a Biblia dende que aprendín a ler. Gústame moito porque sempre me fixo reflexionar sobre min, sobre o mundo, sobre os demais...
Recomendo a súa lectura porque é un libro variado e ameno; contén moitos xéneros literarios, polo tanto amosa a diversidade da escrita; reflicte a experiencia colectiva dun pobo, as súas crenzas, os seus problemas, as súas alegrias e tristezas; convida á reflexión sobre a xustiza, o amor ou a resolución de conflitos. Independentemente da experiencia relixiosa do lector, penso que é unha "libraría", unha "biblioteca" que pode axudar aos homes e mulleres a afondar no máis humano de todos os humanos.

luns, 23 de outubro de 2017

Por que o 24 de outubro é o Día da Biblioteca?


Dende 1997, cada 24 de outubro conmemórase o Día da Biblioteca,  unha iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, co apoio do Ministerio de Cultura, en memoria da destrucción da Biblioteca de Sarajevo incenciada no 1992 durante a Guerra dos Balcáns. Esta conmemoración naceu para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca coma lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e coma un instrumento de mellora da formación e da convivencia
Cada ano encárgase a un escritor e a un ilustrador, ambos os dous de recoñecido prestixio, a redacción do pregón e mais o deseño do cartaz que se difunde entre todas as bibliotecas do estado. Este ano os elixidos foron o Premio Nacional de Literatura Infantil e Juvenil 2016, Alejandro Palomas, e o ilustrador Manuel Marsol, último gañador do Premio Internacional de Ilustración da Feria de Bolonia-Fundación SM. 
O acto conmemorativo terá lugar o 24 de outubro en Talavera de la Reina (Toledo) e o pregón Como Mary Poppins, pero sin volar. Se queredes lelo, premede no título do mesmo, vaivos encantar.

domingo, 22 de outubro de 2017

GABO, suma e segue!

Gabriel García Márquez volve estar entre os autores preferidos neste blogue. Desta volta, a profesora de Bioloxía e Xeoloxía, Tata, quérenos falar doutra gran novela del, El amor en los tiempos del cólera, publicada no ano 1985.

Lin o libro por primeira vez con vinteseis-vintesete anos, e a segunda, case vinte anos despois. 
Gustoume tanto porque foi o primeiro libro que conseguiu invadirme coa súa atmosfera. Cando empecei a lelo, sentíame nesas tardes calorosas e asfixiantes do Caribe.

A razón pola que recomendo El amor en los tiempos del cólera é porque trata dunha historia de amor e desamor que perdura no tempo. Trata de seguir adiante cando todos os teus soños parecen inalcanzables. Trata de que nunca sabes cando vai chegar a túa oportunidade, e de que hai que loitar por ela. Trata de que nunca é tarde para soñar.

Grazas, Tata, por nos lembrar que este libro non pode faltar en ningunha biblioteca.

venres, 20 de outubro de 2017

Espertei e non estaba no meu cuarto...

Que vos parece comezar unha historia así?  Os alumnos e alumnas de 1º de ESO realizaron por escrito uns breves relatos sobre o tema. Convidadas polo Papalouzas, Lucía García Sandamil e Iria Castrillón López animáronse a contar o seu caso oralmente como se facía antes ao pé da lareira.





Certame literario sobre o CANCRO DE MAMA

Todos os 19 de outubro celébrase o Día Mundial contra o Cancro de Mama.  A AECC, en colaboración coa unidade de patoloxía mamaria do Hula e o patrocinio de Suministros La Ronda convoca a II Edición do Certame Literario sobre o Cancro de Mama. 
Os relatos poden ser presentados en galego ou castelán.
A extensión dos relatos, que teñen que tratar sobre o cancro de mama, non pode ser inferior a 3000 carácteres nin tampouco superior a 4500, incluíndo espazos.  O enderezo electrónico para enviar os textos é este: relatoconcursolugo@aecc.es 
O gañador ou gañadora desta segunda edición será premiado/a con 2500€
Atoparedes máis información sobre as bases do concurso nas páxinas do xornal El Progreso.


xoves, 19 de outubro de 2017

A sempre inquietante PATRICIA HIGHSMITH...

Patricia Highsmith (1921-1995) foi unha autora norteamericana de novelas e relatos de suspense psicolóxico que foron levadas ao cine en varias ocasións.
Belén, profesora de Lingua e Literatura Galega e secretaria persoal do Papalouzas, vainos falar dunha das súas novelas máis coñecidas, El talento de Mr. Ripley (1955).  Tom Ripley é o personaxe máis coñecido da autora e acabou protagonizando cinco novelas entre 1955 e 1991.

Lin a novela haberá cousa duns oito anos. A historia vai dun rapaz, Tom Ripley, de condición social humilde que sobrevive con pequenos traballos en Nova York. A súa vida cambia cando o millonario Herbert Greenleaf lle propón que viaxe a Europa na procura do seu fillo Dickie, un neno de papá que xoga a ser pintor bohemio nunha vila da costa italiana. O pai quere que o convenza de que volte aos Estados Unidos e se faga cargo do negocio familiar. En canto Ripley chega aló e coñece ao caprichoso e vividor Dickie, fica abraiado co nivel de vida do rapaz e dos seus tamén ricos amigos e decide que esa vida tamén a quere para el e vai facer o que sexa necesario para conseguilo e cando digo "o que sexa", quero dicir.... iso mesmo. Tedes que lelo.

Gustoume esta novela especialmente pola ambigüidade e amoralidade do personaxe principal, Tom Ripley. Ripley é un home atractivo, encantador, amante da boa vida, de gustos refinados, moi intelixente, e ao mesmo tempo... un asasino frío, manipulador, mentireiro compulsivo, trepador social..., en fin, un individuo desprezable que irá deixando mortes ao seu paso, así que ollo se vos interpoñedes no seu camiño. Paradoxicamente, o personaxe non causa ningún rexeitamento no lector, máis ben o contrario, crea unha inquietante simpatía cara el que fai que dende o primeiro momento acabes poñéndote do seu lado. Un personaxe con esa complexidade psicolóxica e con tantas capas soamente pode saír dunha pluma mestra coma de Highsmith. Polo demais é unha obra de suspense en toda regra que vos animará a ler as demais novelas protagonizadas polo malévolo e irresistible Ripley.
   




mércores, 18 de outubro de 2017

#Estoyenlabiblio ENVÍA UNHA FOTO DA NOSA BIBLIO!

Co gallo do Día da Biblioteca, que terá lugar o vindeiro 24 de outubro, o  Observatorio de la Lectura y el Libro puxo en marcha esta campaña. Soamente tedes que enviar entre o 17 e o 24 de outubro á conta de Twitter ou en Instagram (@observalibro) coa etiqueta #Estoyenlabiblio, fotos tomadas nalgunha biblioteca (aproveitade a nosa!). Poderán ser imaxes tanto vosas a modo de selfie, coma feitas por outro e/ou doutras persoas. Non esquezades incluír na mensaxe o nome da biblioteca e a localidade onde se atopa. Se vos apetece, escribide tamén o nome da persoa ou persoas que aparezan na imaxe. Entre todas as fotos que recibamos, o Observatorio de la Lectura y el Libro elixirá as 10 que máis lle gusten e sortearán 3 lotes de libros.

martes, 17 de outubro de 2017

As SAN LUCAS e CUNQUEIRO

 Cartaz das San Lucas do 2017
da autoría de Vizoso.

Con motivo da celebración das San Lucas de Mondoñedo deste ano 2017 que tamén se festexan na Pastoriza, queremos dedicar unha breve memoria a un dos mindonienses máis ilustres, o xenial escritor Álvaro Cunqueiro (1911-1981). O autor nunca se esquecía da súa cidade nin das súas festas máis importantes.

No índice onomástico de Merlín e familia (1955) fala así do seu Mondoñedo natal e menciona, como non, as San Lucas:

MONDOÑEDO.- Cidade de Galicia, sonada polos Bispos, e polo cabalar das San Lucas, i onde nacéu o señor Cunqueiro, que puxo en formato istas historias. É rica en pan, en augas i en latín.

Estes índices onomásticos adoitaban aparecer ao final das súas novelas e neles falaba de lugares e personaxes, reais ou fantásticos, que aparecían na historia. Neles Cunqueiro prolongaba a súa fantasía aportando datos históricos ou fabulados, microhistorias e outros prodixios para deleite do lector.

Tamén escribiu sobre a Fonte Vella:  Si viniera a las San Lucas un perfumista de París yo le llevaría a la Fuente Vieja, para que aspirase lentamente el aroma a heno de hierba recién cortada, y partiendo de él inventase un perfume de otoño...  Lendo isto, quen non se anima a ir ás San Lucas?

E SUSANA vainos falar de...

.... Los renglones torcidos de Dios, do escritor e xornalista español Torcuato Luca de Tena. A profesora de Música e Lingua Castelá leu por primeira vez esta novela cando era unha rapaza de dezaseis anos. Que impresión lle causara daquela?

Cando o lin, xa hai moito tempo, o que máis me sorprendeu foi o xeito de tratar a diversidade, o respecto por todos aqueles que son diferentes, "as liñas torcidas de Deus" . Esta novela é un canto á diferenza, a todo aquelo que nos fai únicos.
Recomendo este libro porque se trata dunha fantástica novela de intriga, con personaxes moi complexos e situacións sorprendentes analizadas con profundidade e delicadeza.
A cita de Enrique Heine ao comezo da novela é unha perfecta síntese da historia:

"A verdadeira loucura quizais non sexa outra cousa que a sabedoría mesma que, cansa de descubrir as vergoñas do mundo, tomou a intelixente resolución de tolear" 


luns, 16 de outubro de 2017

XXIII CERTAME DE CONTOS E RELATOS CURTOS TRAPERO PARDO


Co obxecto de contribuír a fomentar a creatividade literaria entre as rapazas e  os rapaces  lucenses, o Concello de Lugo, convoca o 23º CERTAME DE CONTOS E RELATOS CURTOS TRAPERO PARDO  conforme as seguintes  BASES:

1º PARTICIPANTES. Rapazas e rapaces  de 12 a 18 anos de calquera centro educativo da provincia de Lugo de ensino non universitario.

2º PRESENTACIÓN: Os contos deberán ser traballos inéditos, escritos en lingua galega. O tema será libre e a extensión non pode ser superior a dez páxinas. Presentaranse por triplicado, escritos por unha soa cara, a máquina ou a man, con letra lexible. Os traballos enviaranse sen remite, e baixo lema, indicando no sobre “23º CERTAME DE CONTOS E RELATOS CURTOS TRAPERO PARDO”  e a categoría na que participa (de 12 a 14 anos ou de 15 a 18 anos). Nun sobre, pechado e baixo o mesmo lema, indicarase o nome, enderezo, idade, teléfono e centro onde estuda.

3º NÚMERO DE TRABALLOS: Cada participante poderá presentar un máximo de tres, dos que só un poderá ser premiado.
  
4º PRAZO DE PRESENTACIÓN: Os contos serán enviados á Área de Educación. Centro de Convivencia Uxío Novoneyra 3º andar. Rúa Quiroga Balllesteros, nº 1 – 27001 Lugo,  ou  envialos  ao  Rexistro Xeral do Concello sita no Edificio Administrativo na Ronda da Muralla número 197- 27001 Lugo, ou ben utilizando os medios establecidos no art. 16.4 da lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. A data límite de presentación dos traballos será  o  día 20 de novembro de 2017.

5º PREMIOS: Establécense as seguintes categorías e premios:

CATEGORÍA DE 12 A 14 ANOS
1º Diploma, lote de libros  e premio valorado en 200 €. 
2º Diploma, lote de libros  e premio valorado en 100 €.
3º Diploma, lote de libros  e premio valorado en   70 €.

CATEGORÍA DE 15 A 18 ANOS
1º Diploma, lote de libros,  e premio valorado en 250 €. 
2º Diploma, lote de libros,  e premio valorado en  130 €.
3º Diploma, lote de libros,  e premio valorado en  100 €.
    Se ademais dos traballos premiados, houbese a xuízo do xurado, outros merecedores dun recoñecemento, poderán outorgarse unha ou varias mencións honoríficas.

     No caso de que a xuízo do xurado, os traballos non tivesen a suficiente calidade, comtémplase a posibilidade de deixar un ou varios premios desertos.

  Para solicitar as bases completas ou maior información poden dirixirse á Área de Educación do Concello de Lugo ou no teléfono: 982 297 497. Tamén a través do correo: ueducacion@concellodelugo.org ou na Páxina Web do Concello de Lugo.
                                                   





Calendario escolar 2017 ESCARLATINA

Os que o pasastes tan ben lendo Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, se cadra vos presta ter un calendario escolar no que aparecen os dous protagonistas da historia, Escarlatina e mais Román.
Tedes a opción de descargalo no tamaño que queirades se premedes en Xerais . Nós xa o temos na Biblioteca!
De paso, avisamos aos "escarlatinófilos" de que saíron Os arquivos secretos de Escarlatina, onde podedes atopar receitas terroríficas e afondar aínda máis no mundo do Alén, saber quen asasinou a Amanito ou enterarvos de se Escarlatina montou por fin o seu propio restaurante. O Papalouzas prometeu que se fará co libro en breve.

domingo, 15 de outubro de 2017

A saga de SEGU

Segu, la saga de los Traoré en el África de los siglos XVIII y XIX (1984-1985) é un libro da escritora en lingua francesa Maryse Condé (Guadalupe, 1937), grande difusora da historia e da cultura africanas no Caribe. Maribel, profesora de Xeografía e Historia explícanos por que escolleu este libro.

Lin este libro cando estaba nos primeiros anos da carreira. Gustoume porque me permitiu achergarme a África e aos cambios que xurdiron coa entrada do Islam. 
Recomendo Segu porque nos permite coñecer outras culturas e outras historias.

Sen dúbida un libro ideal para os amantes das sagas familiares narradas en  períodos convulsos da historia como pano de fondo.

venres, 13 de outubro de 2017

Catemos a ROALD DAHL

.... lendo un dos seus mellores relatos que a editorial Nórdica Libros publicou hai pouco nunha edición de luxo cunhas impresionantes ilustracións de Iban Barrenetxea. Roald Dahl, que este ano tería feito 101 anos, ademais de ser o pai de personaxes universais da literatura para nenos como Charlie, Mathilda e Danny e un dos autores favoritos do Papalouzas, é tamén un excelente escritor de relatos de intriga. Na Biblioteca temos en castelán Relatos de lo inesperado, altamente recomendables.
Dende a Biblioteca recomendamos esta coidada edición de La Cata, publicada por vez primeira en 1945.
Seis persoas sentan á mesa na casa de Mike Schofield, un corredor de bolsa londinense, novo rico que presume de sibarita. Canda el están a súa esposa, a súa filla, o narrador da historia sen nome e o revirado gastrónomo Richard Pratt. Schofiel e Pratt gustan de facer apostas para adiviñar que viños están a catar na mesa. Esa noite a aposta váiselles ir das mans...
Convidámosvos á cata deste relato, é un investimento para a vosa biblioteca particular. Paga a pena polo coidado da edición á parte da innegable calidade da historia. Saúde!


xoves, 12 de outubro de 2017

Todo sobre o PAPALOUZAS en exclusiva!

 Papalouzas, tendo conta dos libros
E grazas a algúns alumnos e alumnas de 1º de ESO que con moita paciencia, conseguiron información sobre o noso ratiño bibliotecario.
Esmeralda enterouse de que naceu nunha aldea, na casa dunha velliña onde había moitos pratos que tiñan escritas pequenas historias e así aprendeu a ler. Andaba sempre á lea cun gato da casa e cansou del (iso do gato contoullo Papalouzas a Ricardo máis adiante) Un día quixo coñecer mundo e marchou da casa. Camiñou por vilas, bosques, cidades e montañas e chegou ao IES Fonmiñá. Explorou as aulas e corredores do instituto e atopou un lugar marabilloso, cheo de libros. Decidiu que ese sería o seu fogar. Iván sostén que cando marchou da aldea e se acubillou do frío nunhas caixas atopou unha gaita vella. Púxose a soprar no punteiro e escoitou un son, seguiu probando e así, ata aprender a tocar o instrumento tapando os furados. Pouco a pouco converteuse nun grande gaiteiro. Álex  foi o primeiro en velo e describiuno tal cal o vemos na foto: agrisado, entrañable e moi timido, iso tamén o notou Raúl Rodríguez; Álex igualmente observou que era moi coidadoso cos libros e que os ordenaba e reparaba se os alumnos máis trastes os estragaban. Antía viulle a súa casiña agochada entre os andeis da biblioteca e tamén reparou que cada semana collía un libro para ler. Quixo quitarlle unha foto e non deu feito! A Iria Castrillón contáronlle que cando remata o curso, Papalouzas e mais os seus curmáns quedan na biblioteca mirando por todos os libros e como é tan lector, pódedeslle deixar unha nota e recoméndavos lecturas. Pablo quíxolle tender unha trampa: nun recanto da Biblioteca, el e mais Brais puxéronlle  un pouco queixo curado de cabra e unha cunca de Ribeiro para pillalo. Picou e Pablo pillouno polo rabo, o ratiño asustouse moito pero despois se calmou e conseguiu que lles contestase a algunhas preguntas. Entón Yaiza colleu a gravadora e Papalouzas contoulles o moito que lle gustaba tocar a gaita e ir despois cos amigos tomar un bo prato de xamón e queixo ao comedor. Entre as súas lecturas favoritas están a poesía galega e os libros de aventuras. A Xairo contoulle que lle encantaba Roahl Dahl e que quería bater o récord de ser o rato máis lector do mundo. Xairo tamén o ten visto polas festas por Bretoña, Muimenta, Crecente, Álvare..., así que é tímido para o que lle convén. Lucía, que quere sabelo todo, para que lle dixese se tiña moza, prometeulle un anaco de queixo cada día se llo contaba. Convenceuno e confesoulle que andaba tras dunha ratiña presumida que vivía no laboratorio de Bioloxía pero a el gustáballe máis estar na Biblioteca. Segundo Iria Trashorras, o que máis lle amola é o gato que teñen de mascota os de 4º de ESO porque lle comía o seu queixo! A Jesús díxolle que non soportaba as fotos, nin os gatos que se crían máis intelixentes ca el, nin deixar un libro sen rematar. A Carlos e a outros compañeiros tiroulles migallas de pan e faragullas de "Doritos" dende os andeis pero despois recolleunas antes de que Roberto fose limpar.

Como vedes, xa temos máis información sobre o amiño da Biblioteca.

Papalouzas merendando na Biblioteca
cos seus curmáns. 


mércores, 11 de outubro de 2017

Unha nova recomendación: LA SONRISA ETRUSCA

Puri, unha das limpadoras do instituto, leu a novela de José Luis Sampedro, nas vacacións de verán de 2013. Publicada por vez primeira en 1985, converteuse nunha das novelas en castelán máis lidas do século XX. Ela vainos explicar por que ela tamén "caeu".

Gustoume moito porque é unha novela que narra a historia dun avó que ten que ir vivir a Milán co seu fillo para facer unhas probas médicas. Alí coñece ao seu neto e comeza unha fermosa historia de amor moi especial entre neto e avó.
Recomendo La sonrisa etrusca porque é unha historia moi entrañable contada ademais, de maneira sinxela, lese sen ningún esforzo e ensínanos as formas de vivir de distintas xeracións.

Grazas, Puri!

martes, 10 de outubro de 2017

Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017

O autor Antonio García Teijeiro foi galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil polo seu libro Poemar o mar, ilustrado por outro galego, Xan López Domínguez. Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952) está considerado un dos mellores poetas de literatura infantil en lingua galega.
Dende a Biblioteca do IES Fonmiñá querémoslle enviar os nosos parabéns polo merecido premio. Estamos encantados de que outro autor galego fose merecedor desta distinción, xa non son poucos: Paco Martín, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz e Ledicia Costas. Non hai queixa...


luns, 9 de outubro de 2017

Hai 75 anos deixounos MIGUEL HERNÁNDEZ...

 Retrato do poeta
... que finou un 28 de marzo de 1942 na enfermería da prisión de Alacante, vítima da tuberculose, con tan só 31 anos de idade. Miguel Hernández foi pastor de cabras dende moi neno e tivo que deixar os estudos con 15 anos por imposición paterna. Mentres coidaba os seu rabaño lía moito e comezaba a escribir os seus primeiros poemas. Aínda que tamén cultivou o xénero dramático, os seus poemarios son que fixeron del un autor imprescindible nas letras hispanas, entre estes salientaremos El rayo que no cesa (1936), de tema amoroso e inspirado pola súa amante daquela, a artista galega Maruja Mallo; Viento del pueblo (1937), poesía combativa e de protesta contra o sufrimento dos pobres; Cancionero y romancero de ausencias (1938-1941), libro incabado e publicado postumamente na Arxentina.


A Guerra Civil e a enfermidade truncaron a vida dun home de acción cun enorme talento literario. Na nosa Biblioteca temos unha antoloxía do autor de Orihuela, botádelle un ollo aos seus marabillosos poemas.  Temprano levantó la muerte el vuelo, compañero del alma, compañero...



  

Os LIBROS ELECTRÓNICOS, outra maneira de ler.

En novembro de 2007 saíu á venda nos Estados Unidos o primeiro dispositivo de lectura de libros electrónicos de Amazon, e tivo un éxito total. No noso país vai gañando cada vez máis terreo por varias razóns: ten un prezo asequible, podes almacenar nel moitos libros electrónicos, ocupa pouco espazo, é lixeiro, polo que se pode carrexar con comodidade nos bolsos, carteiras de traballo, petos e mochilas. Son prácticos para levar nas viaxes ou nos traxectos longos de metro e autobús nas grandes cidades. Con todo, hai xente que segue a preferir o cheiro e o tacto das follas dos libros tradicionais, decorar as súas estanterías con eles ou experimentar nas librarías ese pracer de descubrir novas lecturas a través dos libros de papel, algo que non se pode facer cun libro electrónico.

Monse, a Orientadora do noso centro, é unha entusiasta do Kindle e vai canda el a todas partes. De paso, vai aproveitar para nos falar dunha novela coa que gozou moito: El lector de Julio Verne de Almudena Grandes.


Lin este libro nas vacacións de Nadal do 2012. Enganchoume tanto que non podía deixar de lelo e remateino en tres tardes.
El lector de Julio Verne relata a historia de Nino, un rapaz de nove anos, fillo dun garda civil que vive nunha vila da serra de Xaén. Nino fai amizade con Pepe o Portugués, un forasteiro misterioso que vive nun vello muíño afastado.
Pepe convértese no seu amigo, no seu modelo a imitar, a través del coñece o mundo fascinante das novelas de aventuras que farán del unha persoa diferente do que se espera del coma fillo de garda civil. Pouco a pouco vai descubrindo unha realidade que ninguén lle quería contar: na serra estase a librar unha batalla contra os guerrilleiros de Cencerro. Paseniñamente Nino vai descubrindo quen é Pepe o Portugués.
Gustoume moito este libro porque nos mostra o valor de sentimentos coma a amizade, o amor, a convivencia, o compañeirismo e o respecto polas diferenzas ideolóxicas.
Recomendo esta novela porque é una lectura sinxela e apaixonante que baixo o punto de vista dun neno dános a coñecer os duros anos que se viviron durante a posguerra e nos achega á infancia dos nosos avós e pais.


domingo, 8 de outubro de 2017

Como aprender HISTORIA ANTIGA de xeito divertido e diferente.

É o que nos propón Anxo, o noso conserxe, a través do libro Historia de los griegos, historia de Roma de Indro Montanelli. Deixemos que nolo conte el:

A primeira edición deste libro é do ano 1959, a que lin eu é de 1976. Lin este libro cando estaba en 1º de BUP (o actual 3º de ESO) por recomendación da profe de Historia.
Gustoume porque é unha moi divertida aproximación á historia dos gregos e dos romanos, escrita cun marabilloso sentido do humor, irreverente en moitas ocasións, o que non lle resta rigor.
Recomendo este libro porque é unha forma moi entretida de ler historia; porque sen ser exhaustivo, dáche unha ampla visión da historia de Grecia e Roma, berces da nosa civilización; porque desmitifica a grandes persoeiros mostrando a súa humanidade para ben ou para mal e porque é moi divertido, unha maneira distinta de ler historia.

Grazas, Anxo! Tomamos nota!

xoves, 5 de outubro de 2017

O LIBRO DA SELVA presentado por...

Jorge, o profesor de Educación Física. Vainos contar por que lle atraeron tanto estas historias da xungla escritas a finais do século XIX por Rudyard Kipling, autor británico nado na India, ao que lle concederon o Premio Nobel de Literatura no ano 1907. Na foto terma do exemplar en galego que temos na Biblioteca porque o seu, nin sequera Mowgli, nin Kaa nin Bagheera saben en que recuncho da súa casa familiar se atopa despois de tantos anos.

Lin o libro en dúas ocasións, con doce e con catorce anos. Gustoume porque o protagonista, a través das súas aventuras vai descubrindo as normas e os códigos da vida na selva na súa relación cos animais e cos humanos.
Recomendo este libro porque é unha forma de achegarse a cuestións fundamentais de ética e valores para a vida, principalmente de respecto e convivencia.

mércores, 4 de outubro de 2017

VII Certame de narrativa xuvenil ENTRE IGUAIS

Neste certame organizado polo Concello de Lugo, poderán participar mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. Os traballos serán inéditos, escritos en lingua galega. O tema será libre, baseado en calquera aspecto relacionado coa igualdade entre mullere e homes: o reparto das tarefas do fogar, o coidado das persoas ou o acceso ao traballo, entre outros. A extensión máxima será de cinco folios e deberase presentar por triplicado nun sobre co texto VII Certame de Narrativa Xuvenil Entre Iguais, sen remite e baixo un lema, e noutro sobre, co mesmo lema, os datos persoais do participante, que poderán presentar ata un máximo de tres traballos.
Prazos de entrega e premios
As narracións serán enviadas á Casa da Muller, situada no Parque da Milagrosa, na Avenida da Coruña, 212, ata as 13:00 horas do 1 de decembro de 2017. Para a categoría de 12 a 14 anos, o premio será de 200 euros e no de 15 a 18 anos, de 250. Os traballos premiados quedarán a dispor do Concello.
Máis información en www.lugo.gal, na Casa da Muller, no teléfono 982-29-74-12 e no enderezo electrónico cmuller@concellodelugo.org

A REPÚBLICA INDEPENDENTE DA NOSA BIBLIOTECA

De esquerda a dereita: Antía, de 1º de ESO; Mª Anxos, de 3º de
ESO; Nicolás, de 2º de ESO e Lucía, de 1º.
A Biblioteca escolar é un lugar de lectura, estudo e lecer e non hai nada mellor ca ter un recuncho lector para se relaxar nun recreo ou noutro momento da mañá, lendo ou participando en pequenas tertulias -literarias ou non. Por ese motivo o Papalouzas encargou uns bonitos e coloridos mobles para facer máis agradable este espazo. Que vos preste!
Noelia, de 2º de ESO, relaxadísima.

martes, 3 de outubro de 2017

Temos BANDA DESEÑADA da boa!

 Tintín, o capitán Haddock e o can Milú.
E Tintín vai ser o noso primeiro convidado. Considerada durante anos como lectura lixeira fronte á solidez do libro, a banda deseñada é un xénero con linguaxe propia que está comezando a acadar a aceptación e o respecto que merece. Simultanear imaxes con texto para contar unha historia é algo moi complexo. Hergé, o "pai" de Tíntín, era un mestre nesta tarefa. Ana Campos, a profesora de Francés,  vainos falar dun dos seus volumes favoritos de Tintín. Non esquezamos que Francia e Bélxica son países nos que o cómic é venerado coma unha relixión.

A lectura sempre me fixo moita compaña. Tendo en conta o clima tan benigno que temos en Galicia [;-)] ler un libro sempre era una boa opción para pasar esas tardes nas que chovía a cachón e non podiamos saír á rúa a xogar Cómpre destacar que só tiñamos dúas canles na tele e unha delas non emitía todo o tempo, así que non había moitas opcións para entreterse. Ademais a tele era dos maiores. Eu enfrascábame tanto na lectura que por veces non me decataba de que se fixera noite ata que miña nai acendía a luz e me dicía “Nena, iso non che será malo para a vista?” Para a vista non sei (son miope e algo puido contribuír), pero coido que a lectura é un bo remedio contra a incultura e a ignorancia.
 Podería citar moitos libros que me gustaron, pero penso que sendo profesora de francés vou comezar recomendando unha banda deseñada, porque en Francia adoran os cómics.
           
A primeira historia de Tintín que lin na miña vida regalouma meu pai. Era Tintín no Tíbet. Gustoume tanto que lembro ter ido á biblioteca da miña escola e arrasar co resto da colección! Anos despois merqueinos todos nun só volume na súa lingua orixinal, nunha viaxe a Bruxelas cos meus alumnos do IES Fonmiñá, así que de cando en vez aínda os releo por simple diversión. Espero que vos animedes a lelos e que vos gusten tanto coma a min.