venres, 26 de marzo de 2021

LERLEREI con Eva Mejuto

A tarde de onte foi do máis interesante, comezamos cun encontro virtual coa escritora Eva Mejuto. Conversamos sobre a súa obra lida neste trimestre: 22 segundos.

Contounos como foi xestando a novela, tamén soubemos que o personaxe principal ten moito de real. Falamos de cuestións como identidade de xénero,  das actividades 'tipicamente' masculinas ou femininas impostas pola sociedade...

Descubriunos algo que nós non percibiramos: mentres a personaxe é Xela, non está presente en toda a novela a marca de xénero; no momento en que o personaxe é Álex, xa temos o xénero masculino marcado.

Desvelounos algún segredo... que non contaremos e estaremos agardando...

Momento da conversa...

A continuación elaboramos as colaxes que caracterizan a todas as personaxes masculinas e femininas. 

Obradoiro de caligrafía artística...

Aquí tedes o resultado final:

Neste panel temos: un recorte do xornal,  un poema de Marica Campo con ilustración de Menchu Lamas, extraídos da obra Nós outras; e colaxes para caracterizar as personaxes.

Nestoutro panel continúan as colaxes e as frases que nos chegaron ao corazón...

E para rematar, unha merenda literaria ao aire libre, aproveitando os últimos raios de sol á caída da tardiña.

Repoñendo forzas...

Agora descansaremos uns días... Á volta de Semana Santa volveremos con outras propostas para rematar o trimestre e o curso.

Moitas grazas polo voso entusiasmo e implicación!

domingo, 21 de marzo de 2021

Día da Poesía

No curso pasado, por estas datas, estabamos no inicio do confinamento, con moita mágoa non puidemos celebrar este día...

Mais este ano, celebrámolo dun xeito moi especial. Comezamos de maneira anticipada, o xoves 18 de marzo visitounos, por terceira vez, Xurxo Mariño, para falarnos de "Poesía e ciencia". Parece difícil establecer relación entre ambos conceptos, pero convenceunos totalmente. 

Hai algo máis poético? Son estes algúns exemplos...entre outros.

- "Estamos feitos de po de estrelas", ten unha explicación científica, todo o que está sobre a terra forma parte dos asteroides que deron lugar a formación dos planetas...

- "Teño no peto os raios do sol", pois claro...se gardo nel un fragmento de carbón (mineral), este formouse cos raios de sol que incidiron nas plantas fosilizadas que o compoñen...

Mostra dos minerais ( ferro, carbón, granito, cuarcita...) dos que fixo poesía...

Entre os rapaces e rapazas amosando o mineral de ferro...

Ensinando o granito e os seus compoñentes...

O que ten na man é o carbón (mineral)...

Un bifaz de cuarcita de miles de anos...

Mesmo entregou diplomas ás alumnas de 2º ESO que difundiran a ciencia polas aulas do IES Fonmiñá o 11 de febreiro, Día da Nena e da Muller na Ciencia.

_________________________________________

Na semana do 22 ao 26 de marzo, aínda seguimos rendendo homenaxe á poesía, xénero literario ao que, por veces, nos achegamos con certas reservas. Aquí deixaremos mostra dos distintos traballos realizados nas materias de Lingua e Literatura Castelá (1º, 2º e 4º) e Lingua e Literatura Galega (1º, 2º, 3º e 4º).

O alumnado de 1º e 2º elaborou "Poemas revelados", partían de textos poéticos e en prosa das Sinsombrero (Luísa Carnés, Federica Montseny, Ernestina de Champourcín, Carmen Conde, María Moliner, Silvia Mistral, Rosa Chacel, Concha Méndez, María Zambrano, Mª Teresa León e Josefina de la Torre) e de poetas actuais (Elvira Sastre, Patricia Benito, Olga Buho) , neles seleccionaban palabras clave para compor outro poema, e finalmente, agochaban o resto do texto ben tachando con rotulador negro ou ben cun debuxo que tivese relación co novo poema creado.

"Poemas revelados" de 1º e 2º ESO

O alumnado de 4º realizou a mesma actividade, mais con poemas das Sinsombrero (as alumnas) e con poemas dos poetas da Xeración do 27 (os alumnos).


Na materia de Lingua e Literatura Galega, o alumnado de todos os grupos elaborou un "Foto-poema", sacaron fotos da súa contorna e crearon cadanseus poemas inspirados na fotografía.


"Foto-poemas" de todos os grupos

Grazas a todas e todos pola vosa implicación!
 

                              

venres, 5 de marzo de 2021

LERLEREI ao sol

 Hoxe reunímonos para comentar a obra lida durante este trimestre: 22 segundos de Eva Mejuto.

Tiñamos unha encomenda: destacar o personaxe máis significativo da obra e o motivo da nosa escolla.

 Moitas de nós coincidimos na selección: o avó Ramón, entrañable coma todos os avós; aínda habendo unha gran distancia xeracional entre el e o seu neto, comprende e apoia todo o que el fai, e mesmo lle axuda a tomar decisións importantes na súa vida.

A nosa conversa centrouse na valoración de personaxes: avó, Anxo, Álex, Ana...

Coa atención centrada en...

Preparamos unha actividade colectiva, repartimos ao chou personaxes escritos en papeliños de cores, devolverémolos escritos con calidades dos e das personaxes que nos tocaran; cando os teñamos todos, elaboraremos un mural coas nosas valoracións.

Tamén recolleremos da obra frases célebres para nós, por exemplo: "O que non se di é coma se non existise"

As alumnas de 1º escollendo papeliños de cores...

Matilde recollendo cores...

Alicia busca a súas cores favoritas...

As alumnas de 4º apañando papeis...

Até a próxima reunión! Moitas grazas pola vosa implicación!