xoves, 30 de novembro de 2017

E SANDRA E MIGUEL RECOMÉNDANNOS LER...

.... Rebeldes, novela xuvenil da que xa falamos en outubro con motivo do seu 50 aniversario. Sandra e Miguel veñen de ler esta novela que encantou e segue a encantar a moitas xeracións de mozos e mozas. Vexamos que nos contan eles.


Ollade cantas edicións se fixeron do libro dende a súa publicación en castelán e posteriormente, en galego. Cal é o que tedes vós? Sabemos de alguén que ten o terceiro xusto abaixo ;)


 




 




martes, 28 de novembro de 2017

PREMIOS LITERARIOS MINERVA

Os Premios Literarios Minerva, organizada polo Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela chegan á súa 46 edición. Velaquí tedes as bases por se queredes participar. Se queredes máis información premede no nome do colexio. Animádevos!



luns, 27 de novembro de 2017

MEMES E LITERATURA

O termo meme apareceu por primeira vez no ano 1976 no libro O xen egoísta do británico Richard Dawkins que o definía coma unidade teórica de información cultural, transmisible dun individuo a outro ou dunha mente a outra ou dunha xeración á seguinte. Actualmente é un termo utilizado en Internet para describir un formato audiovisual que permite expresar e transmitir de forma viral unha idea a través das redes sociais, noticias, blogues e outros servizos.

Os memes máis habituais son os humorísticos pero tamén son un material moi bo para traballar a expresión escrita combinando unha imaxe que interactúa cun texto brevísimo . Cos memes literarios podemos traballar os recursos estilísticos (xogos de palabras, dobres sentidos, a ironía, hipérboles, metáforas..), a elipse e a síntese (esíxese moi pouco espazo), a rima así como aspectos da vida e obra dos autores en clave humorística.

Iso mesmo fixeron os alumnos e alumnas de 4º de ESO cos autores do Grupo Nós. A ver se sodes quen de responder as preguntas...

 Autores: Pablo e Martín


A que divertida novela de Vicente Risco se fai referencia neste meme?







 Autoras: Tania e Carla

Como se chama o personaxe da dereita, protagonista dun dos relatos de Cousas de Castelao? Lembras o argumento da historia?
Quen ilustraba os seus relatos?







Un excelente xogo de palabras baseado no apelido do fundador do Grupo Nós.

Autores: Brais e Álex.



Non podía faltar... De que obra forma parte o relato ao que fai alusión Julio Iglesias? Quen é o seu autor? É realmente filla de
Julio Iglesias?

Autores do meme: Pablo e Martín.







 Autores: David e Ian.

Neste meme alúdese a un dos temas preferidos por Vicente Risco  Revisade a súa vida e obra.










Ademais de na literaria, en que outras facetas brillou Castelao? Por que aparece tan serio cando di que era médico?

Autoras do meme: Vanesa, Verónica e Ainoa.













venres, 24 de novembro de 2017

UNHA NOVELA GRÁFICA CONTRA O MALTRATO

O 25 de novembro é o Día da Eliminación da Violencia contra a Muller, e dende este blogue queremos realizar a nosa pequena aportación aconsellándovos a lectura de Quiéreme bien, un cómic autobiográfico no que a autora, que se agocha baixo o seudónimo de Rosalind B. Penfold para evitar as posibles represalias da súa antiga parella, relata en viñetas o pesadelo que viviu tras coñecer a Brian, un viúvo con catro fillos que en pouco tempo pasou de ser o home ideal a un monstro que converteu a vida da autora nun inferno.

A propia Rosalind adiántanos no prólogo a súa terrible experiencia con Brian:

No meu caso, non me decatei enseguida do que estaba a pasar porque os abusos viñan envoltos en palabras de amor e non pensei que tantas atencións, tantas chamadas telefónicas, tantos románticos "Quérote" fosen os primeiros indicios do mal. Soamente cando me tivo no seu poder, namorada e disposta, Brian pouco a pouco comezou a anularme, a me tratar coma se eu fose un simpre obxecto para o seu uso e goce. Ao primeiro eu dubidaba e non quería interpretar os seus xestos coma un abuso, pero a medida que pasaban os meses sentín coma toda eu ía minguando, ata case desaparecer.

Agora botade un ollo as viñetas, coñecedes alguén que estea a pasar por situacións parellas?



xoves, 23 de novembro de 2017

Ainhoa e A CHAMADA DA SELVA


A chamada da selva, de Jack London foi publicada en 1903,  e hoxe segue a ser unha das novelas máis lidas por mozos e adultos. Por que gusta tanto? Probablemente porque toca un tema universal coma o da loita pola supervivencia e porque o protagonista é Buck, un precioso can cuxa apacible vida cunha familia acomodada cambia radicalmente cando é vendido polo criado e enviado a Klondike (Alaska) en plena febre do outro, para arrastrar trineos. Alí Buck terá que aprender a sobrevivir nunha natureza hostil e a facerse respectar polos outros cans. Todos estes cans, sofren, aman,  odian, célanse, coma se fosen humanos, por iso non é difícil verse identificados con eles.

Ainhoa Eiras, gran amante dos animais, gozou moito con esta novela e ela mesma quere aconsellar a súa lectura aportando un novo punto de vista: o maltrato animal. Non perdades a súa reseña!

 Na biblio temos exemplares da novela en galego
e en castelán




mércores, 22 de novembro de 2017

[ED+C] CURTAMETRAXES PARA O DÍA MÁIS CURTO DO ANO

[ED+C] é un evento anual que ten lugar cada 21 de decembro (día do solsticio de inverno) en diferentes países de Europa. O obxectivo é dar a coñecer e reivindicar a curtametraxe e que chegue a todo o mundo a través de proxeccións realizadas en calquera tipo de espazos: a praza do teu municipio, a vosa casa, un bar, un centro de ensino, a Casa da Cultura, o campo da festa, unha tenda..., tanto ten.
É unha actividade aberta na que poden participar institucións públicas ou calquera de vós de maneira individual.

Nesta edición do 2017 o IES FONMIÑÁ vai participar cun evento aberto, así que se queredes escoller curtametraxes para velas ese día, premede en [ED +C] e contactade con Maribel, a profesora responsable da actividade.



martes, 21 de novembro de 2017

MÁIS NOVELA GRÁFICA!

Así calló Zaratustra  de Nicolas Wild é una novela gráfica de ficción baseada en feitos reais que nos permite percorrer Irán e descubrir un país a cabalo entre a tradición e a modernidade. O protagonista viaxa ao deserto iraniano para aclarar a desaparición de Cyrus, pai da súa amiga Sophia, un representante da cultura zoroástrica (unha das máis antigas relixións monoteístas), que ten lugar no medio dunha vaga de asasinatos de líderes zoroástricos.

Carlos Cazón, profesor de Tecnoloxía é moi afeccionado á banda deseñada e aconséllanos esta novela gráfica por diferentes motivos:

Gustoume porque conta a historia da civilización persa en clave de humor e porque explica e fainos entender os actuais conflitos que existen neses territorios. Tamén porque me gustan moito as novelas gráficas con fondo político tipo Maus, Persépole, ou os dous volumes de O árabe do futuro, etc.

E nós encantados de que á xente lle guste a banda deseñada!

luns, 20 de novembro de 2017

CONTOS POR TELÉFONO

 Na nosa biblioteca amamos a Rodari, e non podemos deixar de chufar os seus preciosos Contos por teléfono, para todas as idades. Son contos cheos de humor, imaxinación, surrealismo, alegría, compromiso ético..., con finais sorprendentes e divertidos.
Todo comeza cunha nena que non daba adormecido se seu pai non lle contaba un conto cada noite, e cando este se atopaba en viaxe de traballo, chamábaa cada noite e narráballe unha preciosa historia. Tan bonitas eran que as telefonistas suspendían as chamadas para escoitalas.
A quen non lle apetece ler contos con títulos coma "O semáforo azul", "A estrada que non levaba a ningures", "O nariz que escapa" ou "O rato que comía gatos"?

Velaquí tedes un exemplo desta xoíñas literarias:


                                                HISTORIA DO REINO DE LAMBONIA

No remoto país de Lambonia, ao leste do ducado de Bebebén, reinou en primeiro lugar Lambón o Dixeridor, chamado así porque despois de comer os spaghetti rillaba tamén o prato, e dixeríao de marabilla.
Sucedeuno no trono Lambón II, alcumado Tres Culleres, porque comía o caldo empregando simultaneamente tres culleres de prata: dúas agarradas coas súas mans, e a terceira suxeitáballa a raíña, e ai dela se non viña chea.
Despois del ascenderon ao trono de Lambonia (que estaba situado na cabeceira dunha mesa que estaba servida de comida día e noite) os seguintes:
Lambón III, alcumado o Entrante;
Lambón IV, alcumado Costeleta á parmesana.
Lambón V, o Esfameado;
Lambón VI, o Tragapavos;
Lambón VII, alcumado Nonquedamais?, que mesmo comeu a propia coroa, e iso que era de ferro forxado;
Lambón VIII, alcumado Codia de Queixo, que unha vez non encontrou nada que comer na mesa e enguliu o mantel;
Lambón IX, alcumado Mandíbula de Aceiro, que comeu trono con coxíns e todo.
E así rematou a dinastía.


venres, 17 de novembro de 2017

BINOMIOS FANTÁSTICOS

O binomio fantástico é un dos conceptos clave dos que fala o noso admirado Gianni Rodari na súa Gramática da Fantasía. Consiste no encontro casual de dúas palabras que no uso cotián non soen relacionarse pero que xuntas poden dar lugar a unha historia. Antía, Iván, Yaiza e Carlos extraeron cada un dous substantivos ao chou agochados nun sobre.  Os resultados foron xeniais.

                                            ANTÍA.  CARACOL + CHOCOLATE

IVÁN. LÓSTREGO + CALENDARIO


YAIZA. RELOXO + CARBALLO



CARLOS. CIMO + MAZÁ




                

xoves, 16 de novembro de 2017

LER E COMPRENDER AS MATEMÁTICAS

 leer.es/recursos

As matemáticas non son soamente números, igual que as outras materias se non se saben ler, non se comprenden.
Amosámosvos aquí a web Leer y comprender matemáticas con recursos para axudar ao alumnado da ESO a comprender textos continuos e discontinuos, de contido matemático.
Premede no nome da web en vermello e atoparedes actividades varias.

mércores, 15 de novembro de 2017

Relatos contra o ACOSO

Na Biblioteca do IES Fonmiñá non hai sitio para o acoso, sexa escolar, físico, laboral, sexual, ciberacoso..., tanto ten, abominamos e condenamos este tipo de prácticas.

Tres dos nosos booktubers, Pablo, Claudia e Nicolás, leron o libro Y luego ganas tú, cinco relatos contra o acoso escolar ou bullying, escritos por cinco autores diferentes.
Deixemos que eles mesmos vos conten un pouco:



 Lembrade que tamén tedes na Biblioteca Un ángel a la vista, unha novela que aborda tamén este tema e que reseñamos aí atrás.

martes, 14 de novembro de 2017

COMO FACER QUE OS RAPACES ODIEN A LECTURA

Gianni Rodari, o mestre da fantasía, publicou unha serie de artigos na prensa italiana entre 1966 e 1981 que foron recompilados no volume Escuela de la fantasía, na súa versión en castelán. Nestes artigos, ademais de falar de literatura e creación, Rodari realiza unhas lúcidas e atinadas reflexións sobre a educación en xeral. Entre eles destaca un titulado "Nove formas de ensinar aos nenos a odiar a lectura". É un artigo do ano 1966 pero o que di é completamente actual.  Sempre convén que os profesores e os pais e nais fagamos exercicios de autocrítica de cando en vez...

Velaquí vos amosamos as "fórmulas máxicas" para que os rapaces aborrezan da lectura.


1.- Presentar o libro coma unha alternativa á televisión. 
"Non me parece que unha diversión (...) sexa o xeito ideal de estimular o amor por outra actividade; será máis ben a maneira de de proxectar sobre esa outra unha sombra de molestia e castigo".

2. Presentar o libro coma unha alternativa aos cómics.
"Coñezo rapaces que len moito e que tamén cultivan no seu tempo de lecer a horta dos tebeos. Iso quere dicir, na miña opinión, que non existe unha relación de causa-efecto entre a paixón polas historietas e o amor pola lectura".

3. Dicirlles aos nenos que os de antes lían máis. "Aos nenos non se lles pode pedir que se apaixonen polo pasado porque é unha época que non lles pertence (...) Identificar os libros cun pasado alleo, con algo que non forma parte da súa vida (...) crea un motivo máis para que, en canto podan, se afasten da lectura".

4. Pensar que os nenos teñen demasiadas distraccións. " .... Iso non depende da cantidade e da calidade das distraccións (...) senón do lugar que teña o libro na vida do país, da sociedade, da familia, da escola".

5. Botar a culpa aos nenos se non lles gusta ler. "Atoparemos a culpa nos pais; hai demasiadas casas nas que nunca entra un libro, hai milleiros de licenciados universitarios sen biblioteca, hai moitos pais que nin sequera len o xornal e logo sorpréndense que saen a eles".

6. Transformar o libro nun instrumento de tortura. "A lectura deixou de ser un fin loable e convértese nun medio para realizar actividades supostamente máis serias. (...)  O obxectivo final poden ser as notas, o adestramento para a paciencia ou a preparación para a vida. A saber que preparación e para que vida; é probable que para a vida concibida coma un sufrimento, o cal require un adestramento. O libro que entra na escola non chega a ser esa cousa boa e fermosa que precisamos, senón ese algo que sirva ao mestre para emitir xuízos. A escola coma tribunal, e non coma vida".

7. Negarse a ler aos nenos. "A voz da nai ou do pai (do mestre) ten unha función insubstituíble (...) Cando lle contamos un conto a un neno que aínda non sabe ler , con iso creamos ese léxico familiar no que a intimidade e a confianza e a comuñón entre pais e fillos exprésanse de forma única e irrepetible".

8. Non ofrecer unha selección suficiente. "Nós non lemos o primeiro libro que cae nas nosas mans. Gústanos elixir. Pola contra, rara vez ofrecémoslle aos nenos unha selección decente (...) Por iso é indispensable contar cunha pequena biblioteca, persoal ou colectiva. Vinte libros son mellor ca un, e cen mellor ca vinte, porque poden espertar curiosidades distintas, satisfacer ou estimular intereses diferentes, responder aos cambios de humor, ás variacións da personalidade, da formación, da información".

9. Obrigar a ler. "Dende hai varios centos de anos os pedagogos non deixan de repetir que, igual que non se pode forzar a unha árbore a que floreza fóra de temporada, cando non existen as condicións axeitadas, tampouco non pode obterse nada dos nenos a través da obrigación (...)"

luns, 13 de novembro de 2017

ENGURRAS, a novela gráfica do esquecemento.

Engurras de Paco Roca, é unha novela gráfica que levou o Premio Nacional de Cómic no ano 2007. Acadou un grande éxito de crítica e de lectores. Conta a historia de Emilio, un antigo empregado de banca enfermo de Alzheimer, que é levado polo seu fillo a unha residencia de maiores. Alí coñece outros compañeiros cos que fará boas migas e con outros, non tan boas. A medida que pasa o tempo, a doenza avanza inexorablemente. Estamos ante unha historia triste e conmovedora pero con momentos de comicidade e de intriga. Tamén se realizou unha estupenda película a partires do cómic (premede en "película"). O Papalouzas ten a versión en galego desta novela gráfica na biblioteca por se vos apetece lela.
Para o profesorado que queira traballar transversalmente sobre o tema existe unha unidade didactica de Engurras.

Unha das nosa booktubers, Mª Anxos Corredoira, vaivos falar desta novela gráfica e contarvos por que a ela lle gustou tanto.



sábado, 11 de novembro de 2017

QUE COUSA COUSIÑA É? Unha adiviña e un conto para o San Martiño

Son verde e non son limón,                     
 https://www.pinterest.es/pin/523613894152273451/

son moura e non son carbón;
son vermella e non son sangue,
son branca e non son papel,
a ver se sabes que é.

Mentres crebades a cabeza para adiviñar que cousa é, podedes ir lendo este conto popular: 

A CASTAÑA QUE REBENTOU COA RISA
Un día, xa hai anos, ían de camiño unha brasa de carbón, unha palla e unha castaña. Chegaron á beira dun río e non sabían como facer para atravesalo.
A castaña, que era moi lista, propuxo o seguinte: "como a palla pode flotar na auga, eu hei de montar enriba dela e nadando hame de levar á outra beira e despois volverá levarte a ti", dixo falando cara á brasa.
Como a idea lles pareceu ben ás dúas, así se fixo. Primeiro, a palla levou a castaña e despois voltou pola brasa. Pero cando estaban no medio do río, a palla sentiu que se estaba queimando coa calor da brasa e fíxo un movemento brusco e dunha sacudida botouna sen querer a auga.
Cando a castaña viu isto, morría coa risa, ríase con tanta forza de ver a brasa mollada, que rebentou. A palla quedou na beira do río toda chamuscada. A brasa chegou tan molladiña que se apagou.
As dúas estaban incomodadas coa castaña porque se estaba a rir delas pero cando viron que coa risa lle rebentara a tona, sentiron pena dela e foron buscar un xastre para que a remendase e lle recosese o buraco.
O xastre só tiña un anaco de tea máis claro que o da tona da castaña e tivo que amañala poñéndolle esa tea. Por iso agora andan todas as castañas cun pedaciño de tona que parece unha miguiña máis claro.


venres, 10 de novembro de 2017

PARA OS AMANTES DA NOVELA HISTÓRICA


A Man de Fátima ou hamsa é un símbolo en forma de man moi popular en todo o Oriente Medio e África do Norte. A súa función é protexer contra o mal de ollo. Tamén é o nome da protagonista da novela homónima de Ildefonso Falcones, autor de novelas de gran éxito como La catedral del mar. 
Begoña, mestra de Matemáticas leu La mano de Fátima no ano 2010, un ano despois da súa publicación. O mesmo día que saíu ás librarías xa se venderon nada menos que 50000 exemplares.

Gustoume esta novela porque trata o tema histórico da expulsión dos moriscos e a súa loita cos cristiáns e porque presenta unha visión nova da relatada nos libros de historia e da que nos contaban nas clases.
É unha novela moi entretida  aínda que ten unha parte moi crúa, que describe a violación de Fátima, que fixo que estivese a piques de deixar a lectura.
 Recomendo La mano de Fátima especialmente por esa visión diferente da historia que aporta. 

Unha boa recomendación para os que lles guste a historia con tintes novelescos. 


xoves, 9 de novembro de 2017

UNHAS LECTURAS PARA A REFLEXIÓN SOCIAL.

Así comeza este libro:  El sitio preferido de Sarah era la cala donde las olas rompían sin cesar contra las rocas. A solo unos centenares de metros del poblado en el que les daban refugio, había una ancha playa. Allí sentía el viento y el sabor de la sal en los labios....  

70 millas hasta el paraíso é unha novela realista que aborda os temas da inmigración, o tráfico ilegal de nenos e o choque cultural que sofren as persoas que se arriscan a atravesar as fronteiras na procura dunha vida mellor, todo a través dos ollos de Sarah, unha nena que vive directamente estes problemas.



Ni un ángel a la vista comeza así: Este verano hacía muchísimo calor, el sol quemaba, y Merel iba a menudo a la piscina con sus amigas Sylvie y Rachel. Allí descubrió que tenía unas escamas grises en la piel, después de ducharse. Observó a sus amigas mientras se secaban y, aunque se bañaban tanto como ella, no tenían escamas.

Esta novela conta a historia de Merel, unha rapaza que sofre neurodermite, unha seria e desagradable doenza da pel. Á volta ao instituto ao rematar o verán vai supoñer un inferno para Merel, que sufrirá o acoso e o rexeitamento dos seus compañeiros por mor do seu problema....


Este é un fragmento do comezo de Bartolomé no quiere vivir como un perro:
Bartolomé Carrasco estaba sentado en los quebradizos peldaños de piedra, a la sombra del portal de la iglesia, y observaba a los niños. Descalzos y vestidos modestamente, como él mismo, se encontraban después de la cena para jugar juntos en la plaza del pueblo.

Bartolomé é un rapaz de corpo pequeno e deforme que se traslada da súa vila natal de Castela ao Madrid da corte de Felipe IV. Por casualidade a infanta Margarida repara en Bartolomé e encapríchase del coma se dun xoguete ou dunha mascota se tratase. O mozo pasa a formar parte do séquito de ananos que ten a infanta para a súa diversión. Na corte fai amizade con Andrés, un pintor membro do obradoiro de Velázquez e descobre que Bartolomé ten talento para a pintura.

 TAKATUKA é unha editorial que concibe a lectura, tal como eles contan, coma un medio para reflexionar, madurar e camiñar cara a un mundo mellor. Os seus libros falan da capacidade de superación das persoas, do tóxicos que son os prexuízos, de como enfrontarse aos medos e loitar contra eles.

Por mediación do Departamento de Orientación temos estas tres novelas na biblioteca. Xa nos contaredes que tal....


mércores, 8 de novembro de 2017

"Susana estaba sentada no salón da súa casa cando de súpeto...

... unha das fotos da parede cobra vida."

Como continuariades esta historia de misterio? O Papalouzas convidou ao seu salonciño da biblioteca a Pablo e a Ricardo, de 1º ESO, a que lle contasen as súas historias. Velaquí as tedes. Sorpresa!
 



Novembro, MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

Dende o 2014, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén propoñendo a celebración do mes de novembro como Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, tamén nas bibliotecas escolares. Cada ano pídese a un científico ou a unha científica do país a redacción dun manifesto que se edita e distribúe a través dos medios web das bibliotecas. A matemática Peregrina Quintela Estévez, Premio María Joséfa Wonenburger Planells" 2016, foi a encargada de escribir o manifesto deste ano 2017  (premede na palabra "manifesto" para lelo)

Para todos os que queirades información sobre libros sobre ciencia editados en lingua galega premede acó. E se precisades de material de traballo premede na mesma palabra.





martes, 7 de novembro de 2017

OS DOUS DE SEMPRE, a historia dunha amizade por riba de todo.

Afonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950) é se cadra xunto con Rosalía de Castro, un dos autores máis icónicos da literatura galega. Desenvolveu con brillanteza as súas tres facetas máis coñecidas: a política, a arte e mais a literatura, sobresaíndo nesta última cos seus relatos curtos sempre acompañados de ilustracións propias, que podemos admirar practicamente no resto da súa obra en prosa e na dramática.
Os dous de sempre é a súa única obra narrativa extensa publicada por primeira vez en 1934 na Editorial Nós e Blanca, a P.T., quérenos falar un chisco deste libro que leu sendo unha universitaria.

 Gústame este libro porque Castelao reflicte nel a sociedade daquela época. Fálanos da emigración, do cacique da vila, das diferencias sociais... Os protagonistas principais son Rañolas e Pedriño; Rañolas  é traballador, idealista, enxeñoso e loitador; Pedriño é un lacazán, non ten vontade, danlle todo feito, déixase levar..., o que chamariamos unha "miñaxoia", para ser feliz chégalle con ter o bandullo cheo. Rañolas sen a axuda de ninguén logra a súa meta, pero aínda así non acada a felicidade.
Parecería que por carácter e por condición social non estaban destinados a ser amigos, con todo a súa amizade mantívose ata o final.
Os dous de sempre foi un dos primeiros libros que lin en galego, a miña lingua materna e a do meu contorno.
Non tiven coñecemento da literatura galega ata que fun universitaria. Ata daquela a única autora galega da que tiña referencia era Rosalía de Castro, pero dentro do Romanticismo español. Hoxe chama a atención este feito pero daquela, aínda que unha gran maioría de galegos tanto no rural coma no urbano expresabámonos en galego, isto non se reflectía no ensino. Xamais, ata que cheguei aos estudos superiores, tiven un profesor que se expresase en galego co alumnado. O galego era pouco recoñecido socialmente, as elites utilizaban o castelán. Hoxe en día unha parte importante de galegos len e escriben en galego e teñen coñecemento da literatura galega, mais non empregan esta lingua na fala, onde está a retroceder. Por que? Isto dá para unha reflexión en profundidade.
Recomendo Os dous de sempre porque é un libro moi entretido e que engancha. Nel vemos reflectida a sociedade galega da época, pero que non deixa de reflectir a actual (emigración, caciquismo...)
Quen, despois de ler esta obra, non lle pon nome aos Rañolas e aos Pedriños do seu contorno?

luns, 6 de novembro de 2017

COUSAS DE NENOS...


As apariencias enganan. Os libros de boas maneiras ás veces non son o que din ser. Se estes días vedes nas librarías un manual con cuberta rosada e un título modosiño coma Chiquilladas,  non vos fiedes... Na forma imita os libros pedagóxicos da primeira metade do século XX e as fermosas ilustracións "retro" de Gérard Dubois completan o atractivo. Os protagonistas do libro son picariños de apariencia adorable mais... menudos anxiños!
Estamos ante un libro de humor negro e divertidísimo que retrata trasnadas atemporais de todos os nenos e nenas de calquera época.
Os cativos boíños na literatura aburren; os trastes e os subversivos, fannos rir, lembrade a Guillerme Brown, Miguel o Traste, Mafalda, Pippi Langstrump...
Estamos ante un "antimanual" de boas maneiras que foi premiado na Feira de Bolonia de 2016 .  Pode ser un bonito agasallo para quen guste das historias transgresoras e das ilustracións estilo vintage.

Amosámosvos abaixo algunhas das ocorrencias destes nenos tan "riquiños".

domingo, 5 de novembro de 2017

MEMORIAS DUN NENO LABREGO, o "best-seller" da literatura galega.

A novela de Xosé Neira Vilas (1928-2015) chegou no ano 2015 á súa 35 edición na Editorial Galaxia, vendeu máis de 600000 exemplares e foi traducida a varios idiomas.  Marcou a moitas xeracións de galegos que se viron identificados co entrañable Balbino, aquel neno pobre da aldea que se definía a si mesmo coma un ningúen.
Maruxa, a nosa administrativa, ségueo considerando un dos seus libros favoritos. Ela mesma cóntanos por que.
Lin a novela no ano 1980, cando facía 1º de Maxisterio en Lugo. Memorias dun neno labrego é unha novela escrita no ano 1961 por Xosé Neira Vilas cando estaba no exilio. Fillo de labregos, con vinte anos emigrou a Bos Aires pero sempre estivo moi comprometido coa súa sociedade, coa xente da súa clase e dun xeito especial, coa súa lingua e a súa cultura.
O protagonista desta novela é un neno da aldea, Balbino, que coas súas vivenzas reflicte a realidade social e o vivir de moitas aldeas galegas no tempo da Guerra Civil e nos primeiros anos da posguerra. 
Este libro gustoume moito no momento en que o lin (e que me segue gustando) porque eu tamén fun unha nena da aldea, unha aldea moi parecida á de Balbino, co que me identifico en moitas das súas vivenzas e pensamentos. Tamén me gusta porque está escrito en lingua galega, a lingua que eu mamei e que por desgraza tardei anos en vela reflectida na escrita. Foi o primeiro libro que lin en galego, o que me causou moita señardade.
Recomendo a lectura das Memorias dun neno labrego  porque nunca está de máis meterse na pel dun neno da aldea. 

venres, 3 de novembro de 2017

Novidades! CUENTOS DE BUENAS NOCHES PARA NIÑAS REBELDES

Temos na Biblioteca dende hai uns días un libro que fala da vida de 100 mulleres valentes -e reais- relatadas a modo de contos infantís para durmir e acompañadas polos debuxos de sesenta ilustradoras.
Publicado orixinalmente en 2016 nos Estados Unidos, xa leva vendidas un millón de copias. En setembro deste ano saíron as edicións en castelán e en catalán.
As autoras deste volume son dúas italianas afincadas en Silicon Valley (California), a xornalista Elena Favilli e a dramaturga Francesca Cavallo que sacaron o proxecto adiante por medio de doazóns en internet (crowdfunding).  O éxito foi tan grande que xa están a preparar unha segunda parte.
Son historias de científicas, políticas, deportistas, aventureiras, raíñas, premios Nobel... ata de espías e piratas!
Sóanvos Marie Curie, Serena Williams, Malala, Coco Chanel, Hipatia de Alexandría ou Michelle Obama? Son uns poucos exemplos das mulleres que protagonizan estes contos. Hai moitas máis.
As autoras sufriron tamén os atrancos dun entorno machista que rexeitaba publicar biografías de mulleres, por ese motivo tiveron que botar man das doazóns.
A mensaxe da dedicatoria calou fondo: "Soñade en grande, aspirade a máis, loitade con forza, E, ante a dúbida, lembrade: tedes razón."
En fin, está na Biblioteca, e non esquezades que as mulleres ordinarias tamén poden ser extraordinarias (Papalouzas dixit).

xoves, 2 de novembro de 2017

CARTA A UN MALTRATADOR

A escusa foi un certame organizado polo Concello de Lalín, "Dillo a quen maltrata". Nas aulas de Lingua Galega aproveitamos para que alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO traballase sobre o tema coma unha tarefa máis de redacción e de paso, de concienciación social. Houbo algúns alumnos e alumnas que se animaron a enviar a súa carta ao concurso. Oxalá haxa moitas de toda Galicia...
Dende a Biblioteca querémonos sumar á condena da violencia machista coa lectura en voz alta dunha das cartas. Seleccionamos a de Claudia, alumna de 3º de ESO, que realizou a lectura coa colaboración doutros compañeiros e compañeiras seus.


CARTAS A THEO, os desexos, paixóns, obxectivos e desilusións de VINCENT VAN GOGH

O xénero epistolar entra neste blogue por primeira vez da man de Matilde, a profesora de Educación Plástica e Visual que nos amosa nesta completa reseña, a importancia das Cartas a Theo nos seus gustos literarios e no seu traballo.

Cartas a Theo recolle, como anuncia o seu título,  parte da correspondencia que o pintor Vincent Van Gogh mantivo co seu querido irmán  entre 1872 e 1890, ano no que faleceu traxicamente.
Lino por primeira vez recén chegada á facultade. Nos anos de instituto coñecera os seus cadros nos libros de arte e gustábanme moito!! Así que saber deste libro foi todo un achádego.
Cartas a Theo gustoume porque nos achega a Vincent, á persoa: algúen en busca permanente e pouco comprendido no seu entorno. Moito me deu que pensar sempre o feito de que na súa vida só vendese un cadro e que fose despois de morrer cando empezou a recoñecerse a súa obra.
Pódese recomendar a lectura deste libro por moitas razóns: porque aprendemos de pintura, da época na que vivía... pero sobre todo porque coñecemos a súa vida contada por el mesmo; estaba chamado a ser pintor e tivo a vontade de acadar esa meta aínda que o camiño fose duro. Amaba a vida no campo e a natureza e os seus veciños foron os elementos cos que teceu a súa traxectoria.
O feito de que sexan cartas, pequenas unidades narrativas, favorece que podamos ler tamén de xeito interrumpido o libro e volver a el de cando en cando a conversar con Vincent.