domingo, 24 de outubro de 2021

Día das Bibliotecas

 Queremos celebrar con toda a comunidade educativa o Día das Bibliotecas, convidándovos a participar coas vosas achegas na exposición Os dicionarios: onte e hoxe.

Ao carón da porta da biblioteca, no corredor, temos esta interesante exposición de dicionarios. Contamos con diversos exemplares: desde un da RAE do ano 1914, dicionarios temáticos: de refráns, de termos  xurídicos e administrativos; de distintos idiomas: galego,  inglés, francés, portugués; de linguas clásicas: latín e grego...

E para dar mostra dos máis actuais, temos os dicionarios online...

Podedes achegarvos á exposición durante a semana que vén. Gozaredes dos segredos que eles encerran e poderedes desvelar os significados máis ocultos.

Algúns compañeiros xa visitaron a exposición...

Alumnado de 1º ESO satisfacendo a súa curiosidade

Moitas grazas a todos e todas polas vosas achegas!



venres, 15 de outubro de 2021

Celebración literaria...

 Hoxe é un día moi especial para a literatura galega: acaban de outorgarlle o PREMIO NACIONAL  DE NARRATIVA 2021 ao escritor e xornalista Xesús Fraga coa obra Virtudes (e misterios).

Esta novela, o ano pasado, fora premiada co XXX Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor.

Está narrada desde a perspectiva dos emigrantes retornados, recolle as vivencias da avoa e a nai do autor que viviron en carne propia a emigración en Londres.

Moitas mulleres e familias galegas veranse reflectidas nestas páxinas.



LERLEREI xa está en marcha...

 Hoxe no recreo tivemos a nosa primeira e ansiada xuntanza. Xa temos o cómic Subnormal nas nosas mans...É esta unha historia real do acoso escolar recibido por Iñaki Zubizarreta, ex-xogador de baloncesto da ACB.

Saíu dese foxo no que estaba, grazas ao deporte... Hoxe en día segue loitando contra o bullying acudindo a colexios e institutos para impartir charlas e concienciar a alumnado e profesorado desta problemática.

Temos a certeza de que nos fará reflexionar a crueza deste relato! 

Entre todas e todos axudemos a crear climas saudábeis nas nosas aulas!

                        

Socorro dando a  agarimosa benvida e introducindo a obra...

A gran familia do LERLEREI, e aínda faltaban algúns e algunhas...

Gozade da lectura!

mércores, 13 de outubro de 2021

Lectura ao vivo co grupo XOGRAREI

Encetamos a andaina lectora cun novo grupo dentro do LERLEREI, o XOGRAREI. 
Durante a Hora de Ler do mércores 13 de outubro, un alumno e tres alumnas de 4º ESO foron á aula de 1º ESO, para ler unha lenda: "A moura da Tapada do Almestro" e un poema baseado nela, do libro Lendo lendas, digo versos; e na aula de 2º ESO, leron o primeiro relato "Falar" da obra Made in Galiza.

Daniel e Alexia ante os atentos oídos dos seus espectadores...

Lucía e Silvia poñendo ao descuberto o dilema de Clara, a protagonista do relato

Continuaremos informándovos das nosas lecturas...estade atentas e atentos...

Para quen queira botar un ollo, este libros témolos na biblioteca, estanvos agardando para facervos pasar un intre agradable.
                                           
                                               Moitas grazas lectores e lectoras! Ata a próxima!