venres, 23 de marzo de 2018

BOAS VACACIÓNS!

O Papalouzas e familia deséxanvos unhas boas vacacións de Semana Santa. Á volta habemos de traer máis sorpresas para biblioteca que compartiremos con todos vós.

Descansade e lede moito. Hai tempo para todo!

xoves, 22 de marzo de 2018

DON QUIXOTE FÁLAVOS DO ESFORZO NOS ESTUDOS

A novela máis importante de todos os tempos é tamén unha fonte de sabedoría e bos consellos para a vida. O enxeñoso fidalgo estaría tolo e vería xigantes onde había muíños e confundiría ventas con castelos, así e todo ao longo da novela podemos atopar consellos e reflexións interesantísimas sobre a vida, neste caso sobre a importancia de formarse para un oficio.
Velaquí tedes un vídeo dunha actividade realizada por alumnos de Secundaria no Día do Libro do ano 2010, dirixidos pola profesora Araceli Godino, na que Don Quixote fai unha rolda de prensa e responde aos xornalistas sobre os temas que lle propoñen.

Os clásicos son universais e atemporais.


mércores, 21 de marzo de 2018

Outra visión de BITCH PLANET, comeza o debate!

 Nicolás tamén leu Bitch Planet, e quérenos aportar a súa visión desta banda deseñada, que discrepa en parte coa de Mª Anxos. Leamos a súa opinión, o debate está servido! Animámosvos a participar nel, pero antes de opinar nada... lede a banda deseñada.

Aínda que estou totalmente de acordo coa idea principal do libro, que as mulleres deben ser libres, paréceme que enfoca o tema dunha forma moi agresiva. Os debuxos son fantásticos, xeniais, pero o libro ten para min demasiado sangue. Eu opino que para solucionar ou reivindicar algo non se debe recorrer á violencia, e esta historia amósanos todo o contrario do que penso.

martes, 20 de marzo de 2018

BITCH PLANET, banda deseñada para mulleres (e homes) pouco conformistas.

Toda unha crítica contra o sexismo, racismo e fundamentalismo da sociedade estadounidense, gobernada nesta historia polo Protectorado, baixo o que a vida das mulleres está rixidamente condicionada e adoutrinada segundo as consignas do Consello dos Pais. As mulleres NC (Non Conformes) que non están de acordo con este réxime patriarcal son enviadas ao Planeta das Zorras (the Bitch Planet) unha colonia penal nun planeta afastado...

Mª Anxos leuno e cóntanos por que lle gustou tanto. Está na biblioteca!!







luns, 19 de marzo de 2018

STEPHEN HAWKING, AUTOR DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL

 O científico coa súa filla,
Lucy Hawking.
Sabiades que o brillante astrofísico e divulgador científico Stephen Hawking, recentemente desaparecido, foi tamén autor de libros para os máis novos?

Co obxectivo de achegar a ciencia a todos os públicos, escribiu en colaboración coa súa filla Lucy, unha serie de entretidos libros sobre os seus temas favoritos.
O principal protagonista é un neno, George, que quere saber todo sobre a ciencia.

 Se vos gustan estes temas, recomendávosvos estas lecturas:




La clave secreta del universo, busca explicar a orixe do universo a través dunha aventura polos planetas e estrelas.









El tesoro cósmico afonda nos conceptos da Galaxia, da Vía Láctea, as estrelas e os planetas. O libro está centrado na viaxe que emprende George a Marte acompañado da súa amiga Maggie.











El origen del universo, céntrase na chamada "Máquina de Deus" ou "colisionador de partículas", que funciona no Centro de Investigacións Nucleares en Suíza.

venres, 16 de marzo de 2018

OLLO AO CRUZAR O BOSQUE...

A biblioteca do Papalouzas séguese a fornecer de bandas deseñadas. Ademais de gozar das historias tamén podedes aprender con elas unha linguaxe propia: como narrar con diferentes planos, o uso liñas cinéticas, iconas, metáforas visuais, etc.
Cruzando el bosque, de Emliy Carrol, son cinco relatos de medo, de grande potencia visual, e non aptos para lectores e lectoras impresionables.
Os bosques sempre deron pé a historias inquietantes e as historias de Emily  Carrol son máis ca iso...

Atrevédesvos a atravesar as páxinas deste?






xoves, 15 de marzo de 2018

SAYONARA RÍOS, SAYONARA FONTES...

Resulta difícil de crer pero no Xapón hai tamén amantes da nosa lingua e da nosa cultura. Takekazu Asaka é o noso mellor embaixador naquelas terras. Traduciu ao xaponés Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro e agora está dándolle voltas a ver se traduce Follas Novas, que admite que lle resulta máis complicado pola fondura das metáforas.
Takekazu imparte aulas de castelán na universidade de Toquio pero tamén ten un  grupiño de alumnos e alumnas interesados polo galego.
Se queredes saber por que este profesor universitario prefire os sons da nosa lingua recomendámosvos que leades a entrevista completa premendo nesta ligazón.


mércores, 14 de marzo de 2018

VOLVE A CALIGRAFÍA!

Queredes facer unha bonita portada para un traballo de clase? Ou ben escribir unha tarxeta personalizada a un amigo ou amiga para lle dar os parabéns polo aniversario ou para acompañar un agasallo? Apetécevos decorar a parede do voso cuarto ou unha camiseta branca aburrida?
O Papalouzas fíxose cun libro que vos pode dar ideas boísimas. Na biblioteca temos dende hai uns días Dibujar letras a mano. Aí atoparedes consellos e plantillas para practicar e máis de 40 alfabetos inéditos que vos van encantar.

Sabiades que a caligrafía, ademais de ser unha arte, axuda a mellorar a concentración e a atención?

Probade, aínda que pensedes que non se vos dá ben, poden saír resultados sorprendentes!

martes, 13 de marzo de 2018

MÁIS PREMIOS...

O pasado 9 de marzo, Ainoa, Verónica, Tania e Carla, alumnas de 4º de ESO recibiron os premios cos que se lles recoñece o seu traballo sobre a exposición dos Premios Mª Josefa Wonenburger Planells así coma a súa ilusión e dedicación cara a todas as propostas que se estiveron a desenvolver dende o Departamento de Matemáticas, en torno ao Día da Muller e a Nena na Ciencia. Parabéns!

luns, 12 de marzo de 2018

POEMA DO RAPOSO

E volve a poesía de novo da man do alumnado de 1º de ESO. Carlos Florencio dedícalle un poemiña a un animal que inspira moita literatura: o raposo. Acompáñano no recitado, Ricardo, e como convidado especial, Raúl do Raposo. Que fuxan as pitas! 🐓🐓


venres, 9 de marzo de 2018

ENTREGA DE PREMIOS DE POESÍA E POSTAIS DE NADAL

Os alumnos David Luaces Cabana e Brais Fraga Cabodevila acadaron na modalidade de postal, senllos premios no Concurso de Poesía e Postais de Nadal, organizado pola Biblioteca Municipal de A Pastoriza. A recollida dos mesmos tivo lugar o martes 6 de marzo na Casa da Cultura.
Así mesmo, Mª Anxos Corredoira Díaz, resultou gañadora do 2º premio na categoría de poesía. O seu poema, como xa fixeramos mención, conseguiu tamén o 3º premio de Poesía de Nadal da Biblioteca Provincial de Lugo.

Moitos parabéns aos gañadores!


























No vídeo podedes ver a Mª Anxos recitando o seu poema.


xoves, 8 de marzo de 2018

UNHA LECTURA PARA O DÍA DA MULLER TRABALLADORA

As curmás de Papalouzas seleccionáronos un título moi atinado para ler neste día tan importante para as mulleres. En realidade Todas tiñamos que ser feministas é un discurso de Chimananda Ngozi onde nos explica cun estilo directo sen deixar de lado o humor, o papel da muller na sociedade actual e dános ideas para facermos deste mundo un lugar máis xusto.

Velaquí o vídeo do seu discurso por se a queredes escoitar, máis claro non se pode falar...





mércores, 7 de marzo de 2018

GRAZAS, FORGES!

O xenial humorista gráfico Antonio Fraguas, Forges, que nos deixou o pasado 22 de febreiro, dedicoulle á muller ao longo destes anos, magníficas viñetas cheas de ironía e reivindicación.

Dende a biblioteca querémoslle render unha merecida homenaxe expoñendo algúns dos seus traballos aproveitando que se achega o Día da Muller Traballadora.

Unha vez, máis, grazas Forges, por facer visible o traballo e o esforzo das mulleres do país.









martes, 6 de marzo de 2018

AS CLAVES PARA TRIUNFAR EN TODO

Ou iso é o que nos conta Loulogio, debuxante, youtuber e humorista, no seu libro Cómo triunfar en absolutamente todo. Mª Anxos leuno e divertiuse moito, por iso nolo recomenda. De paso aproveita para nos falar dunha banda deseñada realizada polo mesmo autor, Taxus, unha historia fantástica con personaxes da mitoloxía popular. Deixemos que nos conte ela mesma:


luns, 5 de marzo de 2018

POESÍA NAS MESAS E NAS PAREDES

 Que A Pastoriza é terra de poetas é innegable, nas mesas e nas paredes das aulas atopámonos con versos de gran sutileza coma estes feitos polos alumnos Martín Expósito Morado e Brais Iglesia Vila. O amor e a natureza son as principais fontes de inspiración. 💕🌲🌼📜

venres, 2 de marzo de 2018

QUEN NOS VIXÍA E POR QUE?

Subimos a Instagram calquera anaco da nosa vida, compartimos ideas, proxectos, actividades no Facebook, e imos deixando os nosos datos persoais sempre que navegamos por internet, dándolle a un 👍, facendo unha compra en liña, opinando nun foro ou nun blog ou aceptando unha solicitude de amizade. Non sabemos ata que punto estamos a ser vixiados. Empresas, gobernos e forzas de seguridade saben de nós moito máis do que podemos imaxinar. Fano pola nosa seguridade? Ata que punto traspasan a fronteira da vida privada?

Na biblioteca fixémonos co libro Ojos y espías (Ed. Siruela) onde a autora, Tania Lloyd Kyi, acompañada das ilustracións de Belle Wurthrich,  fálanos con exemplos da vida real, do mundo da vixiancia, tocando temas coma o ciberacoso, as cámaras de seguridade, a tecnoloxía de recoñecemento facial, o control dos alumnos nun centro educativo, etc.

 Lectura altamente recomendable para todo o mundo.

xoves, 1 de marzo de 2018

LER E INTERPRETAR A PUBLICIDADE

No Museo Virtual de Arte Publicitario do Centro Virtual Cervantes podedes atopar unha grande variedade de traballos publicitarios. Unha ferramenta excelente para estudar a linguaxe da publicidade dende diferentes puntos de vista: lingüístico, plástico-visual, literario, ético... Tamén vos axudará a interpretar os contidos e motivos das mensaxes publicitarias.

Entrade en ler publicidade e veredes que amplo abano de opcións nos ofrece este museo para traballar nas materias de Linguas, Educación Plástica e Visual, Filosofía, Ética ou nas titorías.