xoves, 12 de outubro de 2017

Todo sobre o PAPALOUZAS en exclusiva!

 Papalouzas, tendo conta dos libros
E grazas a algúns alumnos e alumnas de 1º de ESO que con moita paciencia, conseguiron información sobre o noso ratiño bibliotecario.
Esmeralda enterouse de que naceu nunha aldea, na casa dunha velliña onde había moitos pratos que tiñan escritas pequenas historias e así aprendeu a ler. Andaba sempre á lea cun gato da casa e cansou del (iso do gato contoullo Papalouzas a Ricardo máis adiante) Un día quixo coñecer mundo e marchou da casa. Camiñou por vilas, bosques, cidades e montañas e chegou ao IES Fonmiñá. Explorou as aulas e corredores do instituto e atopou un lugar marabilloso, cheo de libros. Decidiu que ese sería o seu fogar. Iván sostén que cando marchou da aldea e se acubillou do frío nunhas caixas atopou unha gaita vella. Púxose a soprar no punteiro e escoitou un son, seguiu probando e así, ata aprender a tocar o instrumento tapando os furados. Pouco a pouco converteuse nun grande gaiteiro. Álex  foi o primeiro en velo e describiuno tal cal o vemos na foto: agrisado, entrañable e moi timido, iso tamén o notou Raúl Rodríguez; Álex igualmente observou que era moi coidadoso cos libros e que os ordenaba e reparaba se os alumnos máis trastes os estragaban. Antía viulle a súa casiña agochada entre os andeis da biblioteca e tamén reparou que cada semana collía un libro para ler. Quixo quitarlle unha foto e non deu feito! A Iria Castrillón contáronlle que cando remata o curso, Papalouzas e mais os seus curmáns quedan na biblioteca mirando por todos os libros e como é tan lector, pódedeslle deixar unha nota e recoméndavos lecturas. Pablo quíxolle tender unha trampa: nun recanto da Biblioteca, el e mais Brais puxéronlle  un pouco queixo curado de cabra e unha cunca de Ribeiro para pillalo. Picou e Pablo pillouno polo rabo, o ratiño asustouse moito pero despois se calmou e conseguiu que lles contestase a algunhas preguntas. Entón Yaiza colleu a gravadora e Papalouzas contoulles o moito que lle gustaba tocar a gaita e ir despois cos amigos tomar un bo prato de xamón e queixo ao comedor. Entre as súas lecturas favoritas están a poesía galega e os libros de aventuras. A Xairo contoulle que lle encantaba Roahl Dahl e que quería bater o récord de ser o rato máis lector do mundo. Xairo tamén o ten visto polas festas por Bretoña, Muimenta, Crecente, Álvare..., así que é tímido para o que lle convén. Lucía, que quere sabelo todo, para que lle dixese se tiña moza, prometeulle un anaco de queixo cada día se llo contaba. Convenceuno e confesoulle que andaba tras dunha ratiña presumida que vivía no laboratorio de Bioloxía pero a el gustáballe máis estar na Biblioteca. Segundo Iria Trashorras, o que máis lle amola é o gato que teñen de mascota os de 4º de ESO porque lle comía o seu queixo! A Jesús díxolle que non soportaba as fotos, nin os gatos que se crían máis intelixentes ca el, nin deixar un libro sen rematar. A Carlos e a outros compañeiros tiroulles migallas de pan e faragullas de "Doritos" dende os andeis pero despois recolleunas antes de que Roberto fose limpar.

Como vedes, xa temos máis información sobre o amiño da Biblioteca.

Papalouzas merendando na Biblioteca
cos seus curmáns. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario