sábado, 11 de novembro de 2017

QUE COUSA COUSIÑA É? Unha adiviña e un conto para o San Martiño

Son verde e non son limón,                     
 https://www.pinterest.es/pin/523613894152273451/

son moura e non son carbón;
son vermella e non son sangue,
son branca e non son papel,
a ver se sabes que é.

Mentres crebades a cabeza para adiviñar que cousa é, podedes ir lendo este conto popular: 

A CASTAÑA QUE REBENTOU COA RISA
Un día, xa hai anos, ían de camiño unha brasa de carbón, unha palla e unha castaña. Chegaron á beira dun río e non sabían como facer para atravesalo.
A castaña, que era moi lista, propuxo o seguinte: "como a palla pode flotar na auga, eu hei de montar enriba dela e nadando hame de levar á outra beira e despois volverá levarte a ti", dixo falando cara á brasa.
Como a idea lles pareceu ben ás dúas, así se fixo. Primeiro, a palla levou a castaña e despois voltou pola brasa. Pero cando estaban no medio do río, a palla sentiu que se estaba queimando coa calor da brasa e fíxo un movemento brusco e dunha sacudida botouna sen querer a auga.
Cando a castaña viu isto, morría coa risa, ríase con tanta forza de ver a brasa mollada, que rebentou. A palla quedou na beira do río toda chamuscada. A brasa chegou tan molladiña que se apagou.
As dúas estaban incomodadas coa castaña porque se estaba a rir delas pero cando viron que coa risa lle rebentara a tona, sentiron pena dela e foron buscar un xastre para que a remendase e lle recosese o buraco.
O xastre só tiña un anaco de tea máis claro que o da tona da castaña e tivo que amañala poñéndolle esa tea. Por iso agora andan todas as castañas cun pedaciño de tona que parece unha miguiña máis claro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario